A primeira sensación que inunda ó visitante unha vez que chega á Cidade da Cultura é dunha enteira frialdade. Alí, naquel lugar apartado, escasos coches permanecen no inmenso aparcamento. E iso xa sorprende, pois, aínda tratándose dun día de semana, estamos en tempo de vacacións cando facemos a nosa visita.
Non somos os únicos que estamos alí, aínda que o silencio existente así no lo faga crer. Algún que outro turista perambula por alí. Fan algunhas fotografías e axiña marchan. Pouco máis hai que facer.
A apertura da Biblioteca e do Arquivo de Galicia semella que non lograron, cando menos polo momento, que o lugar sexa máis ocupado. O ruído máis notable provén das conversas superficiais dos funcionarios, cando non dalgún que outro bocexo.
O contido máis importante que atopamos é a exposición Typewriter, composta por 140 máquinas de escribir antigas. Noutras salas, os mesmos edificios volven a ser protagonistas, coa exposición dos seus modelos e das explicacións do arquitecto Eisenman. Polo demais, rodéannos baldas sen libros e estrondo de eco nas paredes.
O mantemento da Cidade da Cultura custa 2,5 millóns de euros ó ano, segundo a Xunta. E iso, sen que aínda estean construidos todos os edificios, entre eles o Teatro da Ópera, o máis caro de todos. Sen dúbida, algo escandalosamente excesivo para un paquete que non ten ningún regalo dentro. Aínda que non é o único caso no conxunto de España, a Cidade da Cultura sacou á luz as desastrosas actuacións tanto de políticos pretenciosos como de arquitectos estrela.
Chega a hora do xantar e un autobús agarda para recoller ós funcionarios. Agora, a Cidade da Cultura sí fica soa e perdida na metade da nada. E non é unha metáfora.

Non sei onde lera que non facía falla que puxeran carteis de silencio porque non había ninguén para facer barullo.
Moi boa a foto.
pois amin, pareceme unha obra mestrra da arquitectura, ainda que nestes intres, tiberamos outros sitios mellores onde invertirn eses cartos mellor.