MIL E UNHA VIDAS DO KOMAIRA

Había unha vez un vello mariñeiro, que hoxe coñecemos como Komaira, que comezou unha particular e prodixiosa singradura dende os asteleiros de O Freixo no ano 1943, cando aínda se chamaba “Marcelino”. Dende aquela, o antigo “Marcelino” había de pasar por infinidade de peripecias e actividades.

komaira1

O Komaira foi nos seus inicios un barco de carga que transportaba materiais, como por exemplo area, e tamén marisco. Pero, sobre todo, o actual Komaira é o exemplo vivo do clásico barco bateeiro “de toda a vida”, actividade que había de realizar durante moitos en anos en diversos pobos da Ría e, por suposto, tamén da Arousa.

Posteriormente, o barco foi adquirido pola conserveira Komaria, de quen había de herdar o seu nome. Nesa etapa dedicábase ó transporte de mercancía, aínda que tempo máis tarde volvería á actividade bateeira. Logo, cando semellaba que chegaba o fin dos días do galeón, varios rapaces da Arousa, coñecendo a súa historia, rescataron do desguace ó Komaira.

komaira2

O seu propósito foi recuperar esta xoia do noso mar. Pero non era unha tarefa doada. Era necesario invertir moito tempo e unha gran cantidade de cartos. O tempo, simplemente puxeron o deles e, para os cartos, non dubidaron en iniciar unha unha incansable actividade. Crearon a “Asociación Cultural Komaira”, mediante a cal organizaron concertos, rastros, así como a venta de lotería e camisetas.

komaira4

Entre as restauración que se realizaron destaca o do mítico motor Barreiros, que inicialmente pertencía a un camión e que foi adapatado para o mar en 1950. Ese motor é o mesmo có que hoxe navega o Komaira.

komaira5

O galeón máis antigo de cantos se teñen restaurados vive hoxe unha xubilación dourada. A iniciativa e inquetude destes rapaces arousáns lograron que a Arousa aumentara o seu patrimonio histórico e que todos o poidamos observar. Na actualidade, o Komaira é reclamado para grandes eventos, como os Encontros de Embarcacións tradicionais ou a saída da Volta Ciclista a España no pasado verán. E tamén, como non, gosta de sair a navegar en tardes apacibles, sen poder evitar deixar coa boca aberta a todos cantos pasan ó seu carón.

 

Dedicado a Maite. D.E.P.

 

CRÓNICAS DE MARZO: DO ANTROIDO Ó FESTIVAL DO NORTE

Marzo, por riba de todo, foi o mes do Antroido, que tanto e tan ben festexamos aquí na Arousa. A comparsa máis irreverente, os Mosos Da Arousa, volveron á carga máis reivindicativos que nunca para apoiar os dereitos das mulleres. Para iso, disfrazáronse do colectivo feminista Femen, e certamente, non se lles vía moi incómodos neste papel. O mércores de cinza saía dende as Rubas o director de Novacaixa Galicia para recibir o merecido que non recibe na vida real polo escándalo das preferentes.

A principios de marzo coñecíamos tamén a historia de Eloy Poza, un rapaz da Arousa de 14 anos que, malia súa xuventude xa tivo que enfrontarse a unha grave enfermidade con só un ano de vida. As consecuencias da súa enfermidade non son ningunha pega para que Eloy sexa considerado un dos mellores xogadores galegos de baloncesto, algo que só é posible gracias ó seu esforzo e determinación. Eloy, por motivos propios, é todo un exemplo para os seus compañeiros e para todos nos.

Os MDA invandindo a de "Fina Viñas".

Os MDA invandindo a de “Fina Viñas”.

A mediados de mes, o lobo mariño “Raciño”, que pasou un periodo de recuperación no Igafa, despedíase da Illa de Arousa para retomar a súa vida alá polo Gran Sol. Unha despedida feliz, debido ós grandes resultados obtidos.

Pola súa parte, o sector do mexilón recibíu algunha que outra boa nova neste mes. Por unha parte, a chegada ó Grove do equipo do programa de Televisión Española “Master Chef”, no que o mexilón será o elemento esencial dos pratos dos concursantes. Por outra parte, na Voz de Galicia aparecía a nova do alto aumento das vendas do mexilón galego, debido ós problemas que afronta o mexillón chileno. Claro que estas boas novas hai que tomalas con precaución, posto que acaban de aparecer novos brotes de toxina, o que obrigou ó peche dalgúns polígonos.

Eloy Poza.

Eloy Poza.

E marzo remataba cunha gran nova no eido social e cultural: o inesperado traslado do Festivas do Norte á Illa de Arousa. Xa facía tempo que dende este mesmo lugar soñábamos cun festival de música para as novas xeracións, que tamén teñen dereito. Pois aquí está. Atentos ós días 3, 4 e 5 de xullo, porque pode que vexan a Arousa coma nunca antes a viran.

 

HISTORIA DUNHA IMAXE: A ANTIGA PRAZA DO REGUEIRO

Porque unha imaxe vale máis ca mil palabras, e porque destas imaxes non se pode dicir que son simples fotografías. Da que falamos hoxe é un bo exemplo de todo iso. Trátase dunha imaxe, das moitas que hai, da antiga praia do Regueiro, concretamente a finais dos anos 50. Si, xuventude, antes no Regueiro había mar.

recheo2

A vida cotiá da Arousa está ateigada do pulso que a terra sempre mantivo có mar, na loita incansable dunha pequena Illa por reafirmarse e afianzarse diante do todopoderoso mar. Recheos similares ós do Regueiro, que hoxe en día fanse cunha infinidade de estudios técnicos previos e que son realizados por multitude de enxeñeiros, na Arousa fíxose de maneira espontánea. Por suposto o resultado non foi bo, sendo un terreo moi inestable e as consecuencias aínda as estamos pagando hoxe en día coa constante degradación da zona.

Simplemente, os veciños comezaron a tirar alí o lixo das casas e as fábricas facían o propio coas cunchas de mexilón. Pouco a pouco, os desperdicios que se foron depositanto alí foron cada vez máis grandes, dende colchóns ou calquera cousa que sobrara na casa ata incluso piornos. E non un ou dous. Semella que ata uns dez piornos.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Posteriormente, e antes de ser asfaltado, o Regueiro convertiuse nun prado no que pastaban as vacas. Si, xuventude, antes na Arousa había vacas.

Seguro que moitos de vostedes, observando a imaxe, saben que lles resulta familiar, pero igual non son capaces de situala concretamente. Para iso contamos coa inestimable axuda dos amigos de A Illa dos Carcamáns, que mediante o seu facebook nos agasallan esta comparativa, coa que non cabe dúbida algunha da ubicación.

Comparen, por exemplo, as casas frontais. As dúas botaron un piso máis para arriba, pero os seus tellados conservan a mesma forma.

Quén lle ía dicir ó rapaz que estaba sentado ó sol naquel momento na praia, que a súa presencia ía axudarnos, máis de 60 anos despois, a recuperar por un intre aquela Arousa que tanto facemos a menos. Seguramente era un día de primavera ou de verán. Un día deses nos que sae o sol logo de moito tempo. Iso é o que podemos supor ó ver unha alfombra colgando nunha casa e as ventás abertas de par en par noutra. Unh día pola mañá, e xulgando as sombras nas casas, ata nos poderíamos aventurar a dicir de cara o mediodía. Unha mañá cálida e fermosa, pero cotiá. Un pequeno intre que, pola maxia dunha imaxe, chegou no día de hoxe ata nós.

 

 

 

CRÓNICAS DA AROUSA: FEBREIRO

Febreiro comezaba non moi ben dende o punto de vista meteorolóxico, pois unha inaudita sucesión de temporais anegáronnos case todo o mes. Petra, Qumaira, Ruth, Stephanie, Ulla,… trouxeron nefastas consecuencias, como bateas á deriva e a aparición de animais mortos nas praias. Os barcos víronse na obriga de abandonar o seu habitual amarre no Xufre na busca de outros destinos máis abrigados no Cabodeiro ou Vilanova. Pero, como moi ben se adoita dicir, “nunca choveu que non escampara”, e aínda que as choivas e o vento se resistan a deixarnos definitivamente, o sol semella que comeza a sair.

IMG_6216

O mes de febreiro trouxo tamén consigo unha desagradable sorpresa: un novo imposto que grava ás embarcacións da pesca de baixura. Como adoita ser habitual, este novo imposto saído da nada foi aprobado con nocturnidade e alevosía o 24 de xaneiro e entrou en vigor só dous días despois. Un impedimento máis para o desenvolvemento da clase traballadora, que neste caso atinxe ó  importante e fundamental sector mariñeiro.

E como a Arousa é unha Illa ateigada de misterios, o mes de febreiro non podería quedar sen un. Na madrugada día 11 ó 12, unha chama de teléfono alertaba da caída e dúas persoas dende a ponte. O helicóptero de Salvamento de Pesca axiña se puxo en marcha, sen que se atoparan resultados. Posteriormente sóubose que a chamada non tiña demasiada credibilidade, por ser debida a unha persoa desorientada, presumiblemente, por causa dalgunha medicación.

Pero o mes que nos ven de deixar é o mes por exelencia dos preparativos do Antroido. Unhas das festas máis celebradas na Arousa por fin están aquí. Quedan abertas as apostas para saber qué disfraces serán os triunfadores neste ano, qué temas serán os máis relevantes nas “letrillas” das comparsaas e nas carrozas, así como quen será aquel que as mulleres das Rubas queimen sen piedade, ainda que despois de chorarlle moito. Pero iso xa o contaremos o próximo mes.

UN DOCUMENTO DA GUERRA CIVIL: O PERMISO DE REGRESO DE MANUEL

Ás veces son os pequenos e simples obxectos os que nos lembran que o pasado non é tan lonxano, que aquelas vivencias que agora nos resultan imposibles ben pudemos ter pasado nos por elas. É o caso deste sinxelo documento, un folio gastado polo tempo que case se desfai coas mans. Trátase do certificado que autoriza ó arousán Manuel Guillán Cores a abandandonala contenda e establecerse na Illa de Arousa.

Permiso de regreso da Guerra de Manuel Guillán Cores.

Permiso de regreso da Guerra de Manuel Guillán Cores.

Manuel tiña cinco irmáns.  O maior, José, morrera un anos antes, en 1933, a causa dunha tuberculose na gorxa. Outro irmán, Alfonso, fuxíu a Francia, de onde non ía regresar xamáis. A rapaza, Josefa, estivera enferma dende moi nova e xa por aquel entón, xa tiña unha invalidez moi acusada que lle impedía camiñar. Có tempo, daría escola durante gran parte da súa vida na súa casa. Os outros tres irmán, Manuel, Luís (electricista e o primeiro empregado da Compañía de Electrificación da familia Goday) e Benito, foron chamados a filas.

Detalle do selo.

Detalle do selo.

Estando os tres en contenda, a saúde de Josefa (á que todos coñecían como Pepitiña) foi a peor. Os seus pais estaban xa falecidos e a moza precisaba de alguén que a coidara, ó non poder valerse por si mesma. Polo tanto, o exército doulle permiso a un dos tres, quen eles mesmos decidiran, para regresar á casa onda a irmán. Con gran xenerosidade, tanto Benito coma Luís decidiron que quen tiña que volver á casa era Manuel. E a razón era que Manuel estaba xa “casado” con Teresa, coa que tiña dúas nenas moi pequenas, a maior, nacida uns escasos 15 días antes do estoupido da Guerra. E poñemos “casado” entre aspas porque daquela as unións eran libres. Despois, coa instauración do Réxime Franquista ían ser obrigados a facer un casamento formal pola igrexa.

Como vemos no documento, Manuel estivo no frente escasamente dous meses no ano 38. Curioso é tamén o itinerario que levaba a cabo un soldado medio en tan pouco tempo: Burgos, Cuéllar e Zaragoza. O motivo do permiso de regreso non leva máis explicación que a de tratarse do terceiro irmán.

A guerra aínda ía durar un ano máis, ata o 1 de abril de 1939. Un ano máis de duro sufrimento para xente coma Benito e Luís, e para todo o territorio español, xa que si duras son todas as guerras, moito máis as que son entre irmáns.

XANEIRO

Un resumo do mes de xaneiro non podería ser doutra maneira, pois, ó igual que o final do ano, foi un mes marcado polos temporais. Iso si, por fortuna, unha das poucas treguas que nos concedeu esta salvaxe climatoloxía foi no Día do Patrón. Algo de agradecer, sen dúbida. Por fin, unha xornada festiva coa chuvia contida e, incluso, con algo de sol. Iso si, non ía durar moito.

Xaneiro foi tamén, e non sen tempo, o mes no que se estabilizou a situación das biotoxinas nas bateas. O día 21 abría o Faro (Cambados B), sendo o último polígono que pasaba a esta situación, logo dun interminable baile de aberturas e peches que, en moitas ocasións collían por sorpresa ó sector. Aínda que a marea bermella é un episodio que e repite ano tras ano, esta vez foi especialmente duro. Tanto foi así que, ó remate do mesmo chega a hora de preguntarse moitas cuestións, por exemplo, como a necesidade dunhas normas tan estrictas e futuro do sector.

Mapa dos polígonos mexilloeiros da Arousa (www.intecmar.org)

Mapa dos polígonos mexilloeiros da Arousa (www.intecmar.org)

E si protagonistas foron os temporais (agora chamados cicloxénesis) non o foron menos as súas consecuencias. Sen ir máis lonxe, tiveron moito que ver na prolongación dos episodios de biotoxinas. O mar enfurecido expulsou á terra elementos pouco comúns, polo menos ata agora. Sen dúbida o máis inesperado foi a chegada o día 5 de restos humáns a unha praia de Carreirón. Tratábase dun tronco con algúns osos das extremidades que corresponden a unha muller. Días despois tamén aparecía unha mandíbula.

botellas

Tamén sorprendente foi a chegada en masa dunhas estrañas botellas de plástico. Semella que se utilizan para capturar pulpos, cunha práctica que aquí está prohibida, polo que se supón que deben chegar de Portugal. Pero a súa presencia non deixa de entrever un misterio, porque son moitas, demasiadas, e chegaron a moitas partes da costa da Arousa. Se nunca antes as vimos, porqué chegan agora moreas delas?

E, por último, unha gran nova, unha vez máis, relacionada coa cultura, algo que xa nos sitúa como referente en toda a Ría. En xaneiro consolidouse o cinema no Auditorio Municipal, inaugurado o pasado ano con documentais sobre o Prestige. Unha programación de calidade a un precio inmellorable. En Xaneiro proxectouse a película de animación (que tristemente pasou desapercibida nos cinemas e nos medios de comunicacón) “O Apóstolo”. Pero haberá máis.

 

 

TEMPOS DO MUÍÑO DE VENTO

Emprazado no alto dun outeiro, no coñecido como o monte de Predouzos, atópase o muíño de vento. Malia ser de propiedade privada, polo que non é posible acceder ó edificio directamente, non deixa de ser unha visita e un fermoso paseo, no que se pode gozar dunhas incribles miraxes da Arousa, así como unhas máxicas postas de sol, coa inestimable compaña do muíño,  elemento fundamental do noso patrimonio.

muíñodevento_003

Nembargantes, e ó contrario do que ocorre có de mareas, pouco se sabe deste muíño. Non se coñece a data da súa construción e, ademáis de que a súa actividade nunca foi moita, leva xa moitas décadas en desuso. Malia todo, a súa primeira referencia histórica podería ser a propia introdución do millo en Galicia, nos albores do século XVII. Pero a pescuda máis concreta está  no “Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal”, de Sebastián de Miñano, obra que data dos anos 1826-29. Aquí falásenos da existencia dun muíño de vento na Arousa que era “… muy útil para los pueblos del Grove y de la parte oriental de la ría”. E é que un dos principais usos do muíño, máis que o uso particular, foi o fornecemento de barcos, sobre todo en épocas conflitivas.

muíñodevento_002

Non podemos obviar a existencia de, polo menos, outro muíño de vento, como se nos conta na “Historia da Illa de Arousa”. Este muíño, que tamén estaría situado na zona das Aceñas, desapareceu por completo en 1936, cando se utilizaron as súas pedras para outras construcións. E dicimos “polo menos”, porque non se descarta a existencia de máis, aínda que semella que foi o muíño de mareas das Aceñas o que sempre gozou de máis actividade, deixando en segundo plano ós de vento.

Desta maneira, podería ser moi útil unha ollada á toponimia Arousá na cal, así como atopamos o topónimo Aceñas como referente á actividade da moenda, atopamos tamén a zona chamada “Semuíño”, que inevitablemente fai que na revista Dorna (nº12, xullo 2010) se pregunten se algo terá que ver coa pasada existencia dun muíño naquel lugar. A conclusión é que simplemente se trata dun nome propio, sin ningunha relación coa moenda do millo, debido á inexistencia de documentación que acredite algo diferente.

muíñodevento_001

De uso público nun principio, o muíño de vento foi adquirido posteriormente por un particular. Como dicíamos antes, leva unha morea de décadas sen actividade, aínda que en algunha ocasión sirveu incluso como vivenda. De planta circular, o muíño de vento aparece ben conservado nos nosos días. Pero ás ameazas ás que tivo que facer fronte ó longo destes anos non foron poucas. A más dura, sen dúbida, os terribles incendios do verán de 2006, cando as lapas case chegan até o edificio, ben protexido, por sorte, polo muro de pedra que o rodea. Na actualidade, sete anos e medio despois, pódese comprobar que a vexetación dos arredores está bastante recuperada.

OS MENIÑOS DO CEMITERIO

En todos queda para sempre gravado na nosa memoria aquelas primeiras veces nas que coñeciamos o cemiterio, aquel lugar frío e ateigado de flores onde repousaban os que se ían de onda nos. Aquela impresión medraba cando descobríamos unhas pequenas lápidas, porque si ben difícil era facernos á idea de todos os que estaban alí, máis o era cando se trataba daqueles que se marcharon demasiado cedo: os nenos.

IMG_6347

Alí permanecen, unhas ringleiras de pequenas lápidas de granito, acorde có tamaño dos seus donos. Algunhas están restauradas, supoñemos, polos seus familiares. Outras están corroídas debido á erosión provocada pola intemperie. E é que estas son tamén as tumbas máis antigas do noso cemiterio, pertencentes a unhas épocas nas que se cría que ese solo ía ser suficiente para soterrar a todos os nosos seres queridos.

IMG_6351

Son demasiados? O certo é que o descoñecemos. A taxa de mortandade infantil dunha poboación é un dos principais indicativos do nivel de desenvolvemento dun país, rexión, etc. O periodo no que finaron os nosos nenos pode abarcar pouco máis de medio século, posto que os máis lexibles, e polo tanto máis recentes, datan das décadas dos corenta ou cincuenta do pasado século, pero tamén sabemos que algunha destas lápidas infantís máis antigas son de finais do século XIX.

IMG_6353

Trátase, polo tanto, dun periodo de tempo bastante longo, algo que resta significancia ó número de lápidas. A súa existencia pode deberse, simplemente, ás carencias sanitarias propias daqueles tempos e a algo tan banal como a estatística.

IMG_6354

Fora como fora, alí os permanecen, coroando o lugar das nosas experiencias máis delicadas. Chegaron a vivir dende días ata catro ou cinco anos. Algúns incluso foron soterrados cós seus nomes en diminutivo, para que nin a morte truncara a súa condición de neno. E alí continuarán, porque ningún perderá xamáis o seu dereito a aquel reducido espacio. Algúns, incluso contan con improvisados ramos de flores enriba das súas lápidas, probablemente obra doutro meniño. Porque somos todos, pero sobre todo os nenos, os que nunca nos esquecemos dos nosos pequenos anxos da garda.

CELEBRAMOS O SOLSTICIO DE INVERNO NO CON DO NAVÍO

ImaxeChegan unhas datas moi especiais, máis aló de festexos relixiosos e de afáns consumistas, non se pode negar que algo fermoso se impregna nas nosas almas cando chega o solsticio de inverno. Non é nada novo. Ocorre e celébrase dende o principio dos tempos. Có solsticio de inverno finaliza unha época de escuridade, de días curtos e tristes, para dar lugar a unha nova época de luz e esperanza, porque, a quen non lle mellora o humor cando os días se van facendo máis longos?

navío3

ImaxeNesta ocasión, a nosa Aguamorta trasladouse ata o Con do Navío para celebrar estas datas. Non, non ten nada que ver coa enigmáitca Stonehenge, unha formación craramente de orixe humá consistente en megalitos trasladados ata alí, quén sabe cómo. O noso Con do Navío, en cambio, é un afloramento, espectacular afloramento, do rochedo granítico sobre o que nace a nosa Illa.

navío4

Trátase dun dos complexos rochosos máis espectaculares da Arousa debido ás súas grandes dimensións, con razón os arousáns da época descubriron alí a chegada dos perigosos homes do norte. Os seus arredores serven de cobixo a confiados coellos, que por momentos esquecen que as xentes poden chegar até alí. Polo demáis, un cálido misteriro envolve ó Con do Navío durante o solpor e por momentos ata estranos efectos sonoros eólicos o envolven. Que pasen vostedes unhas moi felices festas.

Imaxe

navío5

Imaxe

O PEIRAO DOS CARCAMÁNS. O COMEZO DA LENDA

Son un complexo rochoso de cons arremuiñados nunha fila que vai entrando no mar. Formas caprichosas, redondeadas e alegres, cómo non podía ser doutra maneira, nun lugar onde ataca con forza o vento do norte en distintas direcións, o mesmo que a ondaxe, as dúas forzas xuntas que van desgastando e erosionando as zonas más febles do duro granito. Unha natureza salvaxe, pois, é a que esculpe ó “Peirao dos Carcamáns”.

Imaxe

Có tempo, acabou atrapado entre os dous peiraos do Chufre, entre barcos mexilloeiros por unha parte, e barcos en reparación pola outra. E por riba, discurre o tráfico pesado do novo acceso ó porto. E é que dous séculos dan para moito. Pero o que nunca cambia é a súa condición de abrigo natural, tanto antes, cando non se dispoñían de grandes infraestructuras, como hoxe en día, no que aínda son moitas as barquiñas modestas que aproveitan o seu abrigo.

Imaxe

Todo comezou na Guerra da Independencia, rematada en Galicia en 1809. A Illa de Arousa fora escollida como lugar de descanso e subministro de roupa, comida e armas ós combatentes en Vigo e arredores. Eran xentes sinxelas as que facían estas actividades heroicas e imprescindibles na resistencia contra os franceses.

Logo, a Guerra rematou, e aquela pequena Illa de apenas 400 habitantes ficou soa, igual que o resto do territorio, sumida nunha profunda depresión económica e social de posguerra. Todos os estamentos estaban desmantelados, logo de que todos os esforzos foran a parar ó eido militar para derrotar ós franceses. Eran tempos de fame e o traballo do mar non daba nin para subsistir.

Imaxe

Así comezan a xurdir actividades de contrabando. De feito, contrabandistas e carcamáns son palabras sinónimas, coa única diferencia de que os carcamáns eran os que exercían esta actividade na Illa e os contrabandistas eran todos os demáis. Iso si, é moi importante non caer no erro de asociar nin comparar a aqueles carcamáns cós contrabandistas de hoxe. Como se ve, eran mundos e contextos moi diferentes, ademáis de non existir continuación temporal que nos leve a pensar que os contrabandistas modernos sexan dignos herdeiros dos nosos antepasados carcamáns.

Os carcamáns comerciaban con productos de primeira necesidade principalmente, sempre tan escasos en épocas de posguerra. Adoitaban desembarcar nun abrigo natural que pronto tomou o seu nome, chegando ata os nosos días como o “Peirao dos Carcamáns”. Existen unha manchea de casos documentados, de homes e mulleres (moi sorprendente o elevado número de mulleres) con nomes e apelidos que acabaron detidos por exercer estas prácticas. Na maioría dos casos, como o último chanzo, o máis débil, dun entramado moito máis complexo que adotiaba ter detrás a comerciantes de Vilagarcía, moitos de orixe catalá.

Imaxe

Agora, dous séculos despois, o apelativo “carcamán” é algo có que nos identificamos todos. Houbo moitas épocas nas que a xente, para entendernos, “de fóra” o utilizaba có animo de insultarnos ou ofendernos. Pero coa habilidade de poder darlle a volta a todo que temos (algo que se nos da tan ben como a poucos ós da Arousa), os carcamáns chegamos ó presente simbolizando todo canto positivo pode haber neste pobo, e sen negar o pasado, algo imprescindible para camiñar cara o futuro.