O COMPLEXO DE TORALLA. A CASA ROMANA EN GALICIA.

A casa romana de Toralla está situada no areal de O Bao e fronte a pequena Illa do mesmo nome, en Vigo. É a casa máis común que existía no rural durante o Imperio Romano. O seu emprazamento non podía ser máis privilexiado, pois ademais de estar a carón do mar, un pequeno río pasa tamén por alí. Estes lugares, a costa do mar e as beiras dos ríos, eran os factores de localización máis importantes ata non fai moito para o asentamento humano.

Os restos foron atopados dentro dunha propiedade privada, sendo posteriormente cedidos ó Concello de Vigo.

A casa é un puro reflexo da vida cotiá de familias cunha certa posición que desenvolveu o Imperio Romano en Galicia. O traballo no mar debía ser o eixo das actividades. De feito, unha das partes da casa está ocupadas por unhas salinas, pois o salagre era unha técnica que se utilizaba xa naqueles tempos.

Na casa, ademais dos propietarios, vivían tamén as súas familias e os serventes. Nos restos son facilmente recoñecibles o comedor, a cociña, os dormitorios e o almacén. E non podía faltar tampouco, como en calquera casa pertencente a un nobre no Imperio Romano, as termas, habendo en Toralla unha sala de auga fría e unha sala de auga quente.

BAROÑA, O FIEL ESCENARIO DA VIDA CASTREXA

Situado no concello de Porto do Son, o Castro de Baroña é, con toda xustiza, un dos castros mellor conservados de Galicia. Tan so cunha primeira ollada, xa é doado imaxinar a vida daquel poboado, existente dende o século I a.c. ata o I d.c. Emprázase nun pequeno saínte rochoso onde o silencio é imposible, pois o mar bate constantemente, sendo eses os sons que acompañan á paraxe, presumiblemente, os mesmos que acompañaban tamén ós antigos poboadores.

En Baroña consérvanse moitos e moi diversos sectores: escaleiras, muros, murallas, ramplas e diversas zonas residenciais coas súas correspondentes vivendas ovais. A presenza de murallas, así como a súa propia situación, fai pensar nunha función defensiva.

Debido tanto ós restos atopados, como pola forte presenza do mar na zona, pénsase que se trataba dun poboado eminentemente mariñeiro. Así pois, a pesca producía a base da súa alimentación, aínda que tamén se dedicaban á gandería.

Case con toda seguridade o poboado tivo a súa fin, como ocorre na maioría dos castros galegos, na acción devastadora dos conquistadores romanos.

O Castro de Baroña foi excavado por primeira vez en 1933. Na actualidade, leva máis de 15 anos sen actividade arqueolóxica. Esta circunstancia, xunto coas visitas masivas e incontroladas, deron lugar a un gran problema de conservación do complexo.

Pero no pasado mes de setembro foi declarado Ben de Interese Cultural, o cal ten como obxectivo garantir que se leven a cabo no Castro diversas medidas de protección.


XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE ADRO VELLO: A HISTORIA NA CADEA

Cando se produce un achado arqueolóxico ten lugar unha casualidade única, pola simple fortuna de que os restos permanezan conservados, que logra que o pasado estea un pouco máis preto de nós. Coñecer o lugar que habitamos e a forma de vida dos nosos antepasados é unha curiosidade innata da condición humana, pois coñecer o que un día fumos é o que mellor nos axuda a comprender quenes somos.

Pero moitas veces, os achados non son benvidos ou resultan inoportunos. Paran obras, modifican as rutas das futuras estradas ou imposibilitan calquera forma de construción no lugar. E, finalmente, fican no esquecemento.

O caso do xacemento arqueolóxico de Adro Vello non é máis que un exemplo. Situado no areal de Carreiro (O Grove), Adro Vello é un conxunto de enorme importancia onde conviven restos de distintas épocas. Un dos obxectos máis célebres dos atopados alí é unha moeda do século XII que representa o corpo do Apóstolo Santiago sendo trasladado a Galicia en barco.

Pero ademáis, hai restos dunha vila romana. O lugar no que se atopa era dunha óptima localización para a vida humana e para as comunicacións da época. Os restos dunha factoría de salagre serían os responsables da existencia dunha máis que recoñecible vila romana alí.

Restos da necrópole.

Nos inicios da Idade Media, sobre a antiga vila romana, aséntase unha necrópole. Quen tivera a oportunidade de visitar o xacemento alá polos anos oitenta, tería a ocasión de observar os restos óseos aínda colocados nos seus nichos. Este cemiterio deixouse de utilizar no século XVIII.

No xacemento permanecen tamén os cimentos dunha igrexa visigoda, que data de entre o séculos VI e VII, e que lle da nome ó lugar. Esta igrexa estivo vixente ata que no século XVIII tivo que ser trasladada debido ós continuos ataques dos piratas.

Restos da antiga igrexa visigoda

A pesar da enorme riqueza dos restos, dos que non se relatan todos aquí, nin moito menos, o xacemento vive un total abandono. Permanece fechado cun valo, que non o protexe de nada e que dificulta considerablemente a observación ós poucos curiosos que se achegan alí. Fai xa anos case se leva a cabo un proxecto no que o recinto sería tapado para mellorar a súa conservación. Pero a realidade amósanos un xacemento sulagado polas herbas, con apenas un cartel explicativo e abandonado á súa sorte na súa propia cadea.