O GROVE REGRESA Á ÉPOCA DA SALGADURA.

Momento da rodaxe da miniserie “Salgadura”. Imaxe: Faro de Vigo.

Durante os séculos XIX e XX as formas cadrangulares das fábricas de salagre eran moi habituais dentro dos verdes paisaxes da costa galega. Reconvertidas hoxe en vivendas e outros usos, ou simplemente derruidas, forman parte da memoria nostálxica dun pasado que tampouco é tan lonxano.

Un dos grandes exemplos de recuperación e restauracións destas fábricas atopámolo no concello de O Grove, que posúe un museo da salagre en Punta Moreiras. O Grove é todo un pioneiro en levar a cabo accións similares, algo que atrae a un turismo que adoita gostar de coñecer os tintes históricos dos lugares que visita.

Meses atrás, Punta Moreiras foi tamén o escenario dunha miniserie coproducida entre Galicia e Cataluña. De título “Salgadura”, a coprodución segue a estela de anteriores ficcións como “Mar libre” e promete ofrecer unha imaxe da vida cotiá das  nosas costas nos séculos XVIII e XIX, có fondo histórico das fábricas de salagre.

As roupas de época, a ambientación e a recreación do funcionamento destas fábricas que se desenvolvían durante a rodaxe, foi a inspiración do Concello de O Grove para tratar de facer algo semellante no futuro. Trataríanse dunhas xornadas de exhaltación da salagre, que terían lugar unha vez ó ano. Nesta ocasión coincidiron coa popular Festa do Marisco da vila. Durante as xornadas, traballadoras vestidas de época mostrarían o proceso de elaboración da salagre, e tamén se degustarían as principais especies explotadas nas fábricas: os xurelos e as sardiñas.

Aínda que dirixida ó interese turístico, non se pode dubidar que se trata dunha fermosa iniciativa, pode que condicionada pola morriña que produce ese pasado que se nos escapa, do que canto máis tempo pasa, menos coñecemos. Por iso sempre son boas novas que se trate de achegar un anaco da Historia ó presente. As fábricas de salagre ben merecen esa oportunidade.

A FOTO QUE FIXO Ó CHE GUEVARA INMORTAL.

O 4 de marzo de 1960, un horrible suceso tiña lugar no porto da Habana. O  buque francés “Le Coubre”, cargado de armamento procedente dos Estados Unidos, estoupaba deixando tras de si centos de mortos e feridos. As armas tiñan coma destino ó  réxime do anterior dictador, Fulgencio Batista. Pero naquel momento, a Revolución acababa de triunfar e a compra estaba xa realizada e pagada, polo que os intentos dos Estados Unidos por deter a chegada da mercadoría resultaron inútis. En Cuba ninguén dubidaba de que os responsables daquela carnicería eran axentes da CIA.

Ó día seguinte, o 5 de marzo, prodúxose a multitudinaria despedida ás vítimas. Entre a gran multitude estaban os líderes da Revolución, entre eles o Che Guevara. Alí estaba tamén o fotógrafo cubano Alberto Díaz, máis coñecido como Korda, que traballaba para o xornal “Revolución”. Nun momento do funeral, captou unha imaxe do Che. Tiña o cabelo despeiteado e tiña posta a inconfundible gorra de guerrilleiro. Pero o que a ninguén lle pasou desapercibida era aquela mirada ó lonxe, cargada de impetuosidade e forza, pero estranamente tamén de serenidade.

A foto estivo colgada no estudio do autor durante sete anos, e nin sequera foi publicada no xornal “Revolución”. Sete anos despois, có Ché xa falecido, un editor italiano fíxose cós dereitos e foi a escollida como capa do “Diario del Che en Bolivia”.

A partir de ahí comeza a reproducirse en infinidade de soportes: gorras, camisetas, bandeiras,… ata aumentar a magnitude de icona do século XX do Che.

Turismo Galicia.

Unha das reproducións máis curiosas atopámola en Galicia, no concello coruñés de Oleiros. Unha impresionante estatua de 8 metros da famosa imaxe do Che preside unha rotonda situada, precisamente, na Avenida Ernesto “Che” Guevara. Aínda que polémica, debido á súa connotación política, a estatua é xa todo un reclamo turístico, así coma un dos usos da imaxe máis atractivos.

Korda xamais gañou nada pola súa fotografía, nin nunca o reclamou. Unicamente interviu unha vez para evitar que a imaxe fora utilizada con fins publicitarios para unha coñecida marca de vodka.

GOLDEN GATE: 75 ANOS CONTEMPLAN A ENXEÑERÍA MODERNA.

O pasado 27 de maio, o Golden Gate de San Francisco conmemoraba o 75 aniversario da súa apertura á circulación, algo que a cidade californiana celebrou en medio de grandes fogos de artificio.

O Golden Gate comezou a construirse en 1933 e rematouse en abril de 1937, baixo as ordes do enxeñeiro xefe Joseph Strauss. Dende o seu primeiro deseño, a ponte levaba impreso grandes pretensións de innovación: a cor alaranxada, a armónica elegancia e por ser a ponte colgante máis longa (2,7 quilómetros) da época.

Cada ano a ponte é visitada por millóns de persoas, que acoden alí expresamente para vela, polo que, á súa función de lugar de paso, úneselle a de monumento de interese turístico.

Aínda que supervivente de terremotos, o Golden Gate tivo que ser cerrado tres veces nestes 75 anos por mor de fortes ventos. Ten tamén a dubidosa honra de ser o lugar que máis adoitan escoller os suicidas para quitarse a vida, dos que se contan xa máis de 1400. Pero tamén é un recurrente escenario de cine  e todo un emblema para a súa cidade.

A continuación, deixámoslles con imaxes da construción desta obra de arte da enxeñería moderna.

A TORRE QUE DOU NOME A UN DOS RUEIROS MÁIS ANTIGOS DA AROUSA.

A Historia é un ben prezado que se perde no tempo e na memoria, imposible de rescatar. Por iso, cando xorden grandes viaxeiros, mentes curiosas e excelentes cronistas, o valor das súas obras é incalculable. Neste senso, a Illa de Arousa débelle moito a estes persoeiros, pois grazas a eles recupera datos sobre a súa Historia que doutro xeito ficarían no esquecemento.

Os cimentos da igrexa da Arousa foron construidos coa pedra da antiga torre.

Este é o caso do beneditino Padre Sarmiento. Na súa obra “Viaje a Galicia”, de 1745, cóntanos a historia dunha torre da que non se teñen máis referencias históricas que o seu propio relato. O fragmento aparece recollido na “Historia de A Illa de Arousa”, de Xosé Lois Vila Fariña e Xoán Dopico Orjales, de onde tamén baseamos a meirande parte das reseñas históricas deste artigo.

O Padre Sarmiento fai referencia a unhas pedras en forma de ruinas que están situadas preto dun outeiro, e que habían de ter pertencido a unha torre moi antiga. Era de forma case cadrada e medía ó redor de 25 pés (algo más de 7 metros e medio). O monxe afirma que fai 50 anos había de estar aínda en pé (lembremos que estamos no ano 1745), pero que fai seis o vento debeu de ir derrubándoa. A zona, xa por aquel entón, era coñecida como o “sitio de la Torre”, por algo se trata dun dos rueiros máis antigos da Arousa.

Padre Sarmiento.

O propio Padre Sarmiento entronca esta torre coas torres da Lanzada e as Torres do Este de Catoira, e seguramente tamén coa Torre de San Sadurniño de Cambados. Naquela época víase Sálvora dende aquela zona e o monxe está case seguro de que había de ter unha función de faro para a entrada de embarcacións.

Outros historiadores creen que estas torres tiñan unha función defensiva, sobre todo na Idade Media, cando eran moi habituais os ataques viquingos. Cando había ameaza de perigo, encendíase unha fogueira no alto da torre, e así avisaba a toda a poboación e á dos arredores.

Anos despois, en 1800, cando se iniciaron as obras de construción da que ía ser a nova igrexa da Illa de Arousa, aproveitáronse as pedras das antiga torre para os seus cimentos. Por iso, aquilo de que non nos quedan referencias da existencia da torre, agás o relato do Padre Sarmiento, é un tanto inexacto, pois queda un barrio histórico que leva o seu nome, o barrio de A Torre, e a actual igrexa, que conserva a súa pedra.

BAUHAUS: O DESEÑO CHEGA Á VIDA COTIÁ.

Londres acolle ata o vindeiro 12 de agosto, no Barbican Centre, a maior exposición sobre a Bauhaus realizada en 40 anos, baixo o título de “Bauhaus: Art as Life” (“Bauhaus: A arte como vida”), xa que se centra na súa produción de obras de arte, máis que no movemento artístico en si.

Cartaz de Joost Schmidt para a Exposición da Bauhaus en Weimar, 1923.

A Bauhaus foi fundada polo arquitecto alemán Walter Gropius en 1919 na República de Weimar (réxime político baixo o que permaneceu Alemaña tra-la súa derrota na Primeira Guerra Mundial). Coa Bauhaus nacía unha nova e innovadora forma de concebir a vida cotiá. O deseño era compatible coa funcionalidade, para o cal inspirábanse en formas xeométricas e utilizaban liñas puras, algo que en moitos casos segue sendo unha tendencia no mundo do deseño.

Teteira de Marianne Brandt, 1924.

Froito da Bauhaus son, dende elementos da vida diaria, como unha vangardista teteira de Marianne Brandt, como obras arquitectónicas como as Casas dos Mestres, obra do propio Gropius, e que foron construidas nun piñeiral próximo á escola, na que viviron, entre outros Klee ou Kandinsky, dous dos seus mestres máis coñecidos.

Casas dos Mestres, Gropius, 1925-26.

A escola fechou en 1933 coa chegada dos nazis ó poder. Durante a súa existencia, a Bauhaus atravesou diferentes fases e foi cuestionada en certas ocasións. Aínda así as súas creacións son consideradas modernidade hoxe en día, case un século despois.

OS MISTERIOS DE COMBARRO

Poucos son os pobos que, coma o pontevedrés Combarro, son capaces de conservar nas súas rúas as pegadas doutros tempos. A persoa que chega a Combarro deixa axiña de sentirse un visitante, e pasa a converterse nunha daquelas xentes mariñeiras de séculos pasados, e instintivamente, un vese na obriga de baixar as empinadas costas, como si a nosa humilde gamela nos estivera agardando na beira. Pois, aínda sendo tan fermoso o pobo de Combarro, estando alí, sempre se acaba mirando para o mar.

En poucas ocasións veremos un pobo tan adaptado á topografía do lugar. O suave granito aflora nas rúas e ata dentro das casas. A marea sube e chega a cubrir as patas dos hórreos, que semellan flotar no mar. Non se molestaron en facer suaves baixadas nas rúas perpendiculares que caen no mar, porque si a costa é abrupta, Combarro tamén o é.

As rúas son estreitas e tortuosas, pero concentran, en tan pouco espazo, unha enorme cantidade de exemplos da arquitectura das casas galegas, cós seus característicos balcóns e soportais; hórreos, cruceiros en cada esquina,… e data todo entre os séculos XVII e XIX.

Dende novembro de 1972, esta zona histórica foi recoñecida coa declaración de conxunto histórico artístico nacional. Este feito dou lugar ó seu desenvolvemento como punto turístico, axudado polo empuxe do veciño Sanxenxo. Tamén foi fundamental para a súa conservación e rehabilitación. Agora que se cumplen corenta anos da declaración, Combarro celébrao con diversas actividades culturais que terán lugar ó longo do ano baixo o emblema “Combarro Conxunto Histórico. 1972-2012”.

Pola nosa parte, queremos lembrar a película “Dagon: la secta del mar”. Trátase dunha produción española dirixida por Stuart Gordon en 2001 e protagonizada por Paco Rabal, na que é unha das súas últimas aparicións cinematográficas. O filme comeza cunha presentación de medo e misterio, reforzada polas paisaxes de Combarro, pois o pobo é o auténtico protagonista no principio. Debemos advertir, iso si, que a medida que avanza a película resulta, cando menos, arriscada, por non dicir disparatada.

UN DÍA NA CIDADE DA CULTURA

A primeira sensación que inunda ó visitante unha vez que chega á Cidade da Cultura é dunha enteira frialdade. Alí, naquel lugar apartado, escasos coches permanecen no inmenso aparcamento. E iso xa sorprende, pois, aínda tratándose dun día de semana, estamos en tempo de vacacións cando facemos a nosa visita.

Non somos os únicos que estamos alí, aínda que o silencio existente así no lo faga crer. Algún que outro turista perambula por alí. Fan algunhas fotografías e axiña marchan. Pouco máis hai que facer.

A apertura da Biblioteca e do Arquivo de Galicia semella que non lograron, cando menos polo momento, que o lugar sexa máis ocupado. O ruído máis notable provén das conversas superficiais dos funcionarios, cando non dalgún que outro bocexo.

O contido máis importante que atopamos é a exposición Typewriter, composta por 140 máquinas de escribir antigas. Noutras salas, os mesmos edificios volven a ser protagonistas, coa exposición dos seus modelos e das explicacións do arquitecto Eisenman. Polo demais, rodéannos baldas sen libros e estrondo de eco nas paredes.

O mantemento da Cidade da Cultura custa 2,5 millóns de euros ó ano, segundo a Xunta. E iso, sen que aínda estean construidos todos os edificios, entre eles o Teatro da Ópera, o máis caro de todos. Sen dúbida, algo escandalosamente excesivo para un paquete que non ten ningún regalo dentro. Aínda que non é o único caso no conxunto de España, a Cidade da Cultura sacou á luz as desastrosas actuacións tanto de políticos pretenciosos como de arquitectos estrela.

Chega a hora do xantar e un autobús agarda para recoller ós funcionarios. Agora, a Cidade da Cultura sí fica soa e perdida na metade da nada. E non é unha metáfora.


A TORRE DE SAN SADURNIÑO. O VIXÍA EN CAMBADOS

Fronte a unha das zonas máis emblemáticas do señorial Cambados, o mariñeiro barrio de San Tomé, érguese a enigmática Torre de San Sadurniño. A Torre sitúase na Illa da Figueira, que está unida a San Tomé mediante unha ponte construida recentemente. Zona de marisqueo, é posible chegar a ela a pé en días de marea baixa.

As ruinas son restos dunha edificación máis grande, seguramente un castelo, do que a Torre non sería máis ca un sector. Polas súas características e polos restos de cerámica atopados na zona, pénsase que a súa construción data da baixa Idade Media, alá polo século X. Sería unha “torre irmá” da fortaleza de A Lanzada e das Torres do Oeste de Catoira. A súa principal función sería a defensiva. Cando existía o perigo dun posible ataque viquingo, procedíase a encender unha fogueira no alto da torre, de maneira que se poñía así sobre aviso ás torres da Lanzada e Catoira.

Entre as curiosidades que acomapañan a tantos séculos de historia da Torre de San Sadurniño, cómpre destacar que no século XIII pasou a ser propiedade do poeta e nobre galelo Paio Gómez Chariño de Soutomaior.

A Torre estivo sometida a continuas reconstrucións ó longo da súa historia. Unha delas  tivo lugar a causa da revolta irmandiña do século XV, cando a torre foi derrubada a causa do conflicto.

Hoxe consérvanse dous sectores do que se presume que foi unha torre triangular, cós restos dunha campá dunha cheminea no alto da esquina e cun van nun dos seus muros.

A PONTE DE RANDE: A APERTURA DO ATLÁNTICO

Xa dende mediados de século, eran moitas as voces que viñan proclamando a necesidade da construción da ponte de Rande. Facíase imprescindible para o asentamento de industrias, así como para a movilidade de traballadores e materiais. É dicir, para o progreso de Vigo.

Nos anos 60 comenza a falarse da construcción dunha autoestrada que articularía o eixo atlántico dende Ferrol e A Coruña ata o norte de Portugal. Con iso, a ponte de Rande recibía un novo e máis forte impulso, pois quedaría integrada dentro desta autoestrada.

En 1973 adxudícase a obra, que comenza a realizarse a finais dese mesmo ano. A atmosfera de euforia e optimismo era palpable. Galicia deixaba de ser un territorio illado, para estar comunicado entre si e có resto da península. Era a chegada do progreso e dos bos tempos.

Era a primeira ponte de tirantes de tales dimensións que se construia en España, polo que se necesitaron unha enorme cantidade de materiais como aceiro e formigón, ademáis de ter que levar a cabo a limpeza de máis de sete metros de fango na ría.

As obras, aínda que comezadas, foron pesadas e lentas. Estiveron suxeitas a continuos incumprimentos de prazos, protestas veciñais, embates políticos e algunha que outra actuación electoralistas.

A ponte en si estaba rematada en 1977, pero os tramos Rande – Vigo e Pontevedra Sur – Rande, aínda ían tardar varios anos en finalizarse. Finalmente, en febreiro de 1981 a ponte foi inaugurada e aberta á circulación. Naquel momento o custo da peaxe era de 120 pesetas para o tramo Pontevedra – Vigo. Pero case non houbo protestas entre a cidadanía, pois semella que a pesares do prezo o nivel de aforro era moi elevado.

AS FÁBRICAS DE SALAGRE: A ILLA DE AROUSA FABRIL DE PRINCIPIOS DO SÉCULO XX

Cada vez custa máis imaxinarse unha Illa de Arousa ateigada de fábricas, nun principio de salagre e posteriormente conserveiras. No que hoxe consideramos un espazo ecolóxicamente fráxil e polo que hai que facer grandes esforzos para a súa conservación, chegaron a coexistir nove fábricas conserveiras.

A principios de século, a maior parte do espazo arousán era un enorme campo aberto de monte e bosques. En 1910 había pouco máis de 1500 habitantes, e pouco facía presaxiar daquela a sobrepresión á que estaría sometida a Arousa un século despois.

Antiga fábrica de salagre nas inmediacións da Rúa Valle-Inclán

A proliferacion de fábricas de salagre non respondeu a ningunha casualidade. Eran habituais en tódolos pobos costeiros cunha gran actividade na pesca da sardiña. Naqueles anos, cando era a súa época aló polo verán, as sardiñas chegaban ata a beira do mar e ata nadaban arredor dos que estaban na praia e decidían molla-los pes.

A técnica de conservación do salgado nos peixes ten a súa orixe na cultura celta. En Galicia foi introducida polos fomentadores cataláns. A fábrica dividíase en varias partes: a chanca, o craro e o morto, ademáis dunha carpintería onde se fabricaban os barrís onde se almacenaban as sardiñas.

Antiga fábrica de salagre na praia de Conretellado.

O proceso comezaba introducindo as sardiñas nos lagares con auga salgada. Despois, metíanse en salmoira e cubríanse de sal. Iso é o que coñecemos como “chanca”, un proceso mediante o cal a sardiña íase deshidratando.

Coa chegada da conserva, o salagre vai caíndo paseniño en desuso, de feito que,  despois da Guerra Civil, son xa moi poucas as fábricas destas características que continúan funcionando.

Hoxe en día permanecen coma pequenos restos históricos que pasan desapercibidos. Tanto na Arousa como no resto da costa adoitan ser reconvertidas en vivendas. Pero os seus inconfundibles vellos muros e as súas características formas fan rememorar a existencia daquel pasado fabril, polo que teñen un lugar de excepción dentro do patrimonio histórico da Illa de Arousa.