O PATO MANDARÍN QUE VIVE NA AROUSA

O pato mandarín xunto cunha parella de alavancos reais.

O pato mandarín xunto cunha parella de alavancos reais.

Polo ano 2006, un pequeño e exótico pato aparecía coma se nada entre as ducias de patos alavancos reais que tan ben se adapataron ás costas arousanas. Non foron necesarias moitas pescudas para descubrir que se trata dun pato mandarín, especie orixinaria da China. Como podemos ver, trátase dun pato algo máis pequeño que os seus compañeiros de hábitat, os alavancos reais.

As súas intensas e chamativas cores indícannos que se trata dun macho adulto, posto que tanto as femias coma os inmaduros dos patos mandaríns son de cores cincentas apardazadas. Que o macho sexa máis espectacular que a femia é algo moi habitual entre os animais, pois é o deber dos machos chamar a atención da femia para o apareamento.

Malia súa procedencia chinesa, o pato mandarín pode vivir asilvestrado en países europeos como Inglaterra ou Suíza. Segundo os autores González e Carrión (2000), a súa presencia en Galicia é accidental, debido a exemplares escapados da catividade. Poden tratarse entón, de cimarróns procedentes de Inglaterra, Holanda e Suíza.

Logo dun tempo, o pato mudou de ubicación en varias ocasións, ata que deixou de ser avistado. Pero recentemente foi visto outra vez nas inmediacións da Salga. Descoñecemos si se trata do mesmo pato que o do 2006, ou si este tivo descendencia no seu momento. O que si sabemos é que está rexistrado, pois ten un anel nunha das súas patas. Así pois, axiña será posible coñecer un pouco máis sobre a vida e os comportamentos deste singular patiño.

PATOS ENTRE OS BARCOS.

Patos dirixíndose á xente ó decatarse da súa presenza.

Na Arousa, a proliferación de patos alavancos reais fai moito que deixou de ser unha novidade. Estes patos, pertencentes ás aves do complexo intermareal Umia-O Grove, demostraron ó longo dos últimos anos o seu gran poder de adaptación ás nosas costas, sin que o feito de que sexan aves de auga doce supoña algún problema.

Claro que, ben certo é que os veciños da Arousa aforráronlles moito traballo nese periodo de adaptación, pois grazas a eles, comida nunca lles faltou. De feito ir á praia de Semuiño a darlles ós patos cachiños de pan reseso é xa unha consolidada actividade de lecer coa que os nenos gozan moito. Os patos, aínda que en teoría salvaxes, acoden a carón da xente que se achega alí, có seu característico berro, xa sen pudor ningún para pedir comida.

Conviven na praia entre barcos e gaivotas, e son estas moito máis espabiladas e intelixentes á hora de procurar comida e na supervivencia en xeral, e polo tanto, tamén máis fortes. Sen dúbida o número de patos sería moito menor sen a axuda humana. Pero a súa presenza é un factor de atracción determinante para aves como garzas, biluricos, corvos mariños,… que habitualmente viven en Carreirón. Moitas destas aves, quizáis nun despiste durante o seu voo non dubidan en facer unha parada na praia confiando en que a presenza dos patos é un indicador de que se trata dun territorio amigo. E xulgando a súa apacible vida, seguro que non se equivocan.

AS AVES DO COMPLEXO INTERMAREAL UMIA – O GROVE: O BILURICO PATIVERDE.

O bilurico pativerde (Tringa nebularia), cós seus 30 centímetros de lonxitude, é una ave mariña de aspecto elegante e fino, características outorgadas polas súas longas patas e o seu longo pico. En épocas de migración, de xullo a setembro, é moi doado vela en moitas zonas de Europa, incluso interiores. Os seus niños sempre están moi preto da presenza de auga. Con axuda do seu longo pico, resúltalle doado obter alimento de entre as algas ou a area, xeralmente insectos acuáticos. O bilurico pativerde é tamén capaz de pescar peixes pequenos, tarefa para a cal introducen totalmente a cabeza na auga. A época de reprodución é de maio a xuño. A femia pon case sempre catro ovos e incúbaos practicamente soa.

UNHA ESCULTURA DE FRANCISCO LEIRO, LUGAR DE DESCANSO DE AVES.

A Illa das Esculturas, en Pontevedra, é o principal centro de lecer da cidade, onde teñen cabida actividades tan distintas como o deporte, as conversas e a lectura. Pero a Illa das Esculturas é tamén un museo ó aire libre, onde conviven doce obras de arte de autores de recoñecido éxito internacional, entre os que se encontra Francisco Leiro (Cambados, 1957), coa súa obra “Saavedra, zona de descanso”. Ó estar exposta a todo tipo de inclemencias meteorolóxicas, a obra sufriu unha evidente deterioración, polo que tivo que ser restaurada. No pasado mes de maio, e coincidindo coas obras de acondicionamento e mellora da “Illa das Esculturas”, a obra foi recolocada no seu sitio. “Saavedra, zona de descanso” é unha escultura flotante que utiliza o mesmo mecanismo que unha batea e representa o salón dunha casa. A obra semella perfectamente integrada no contorno natural, pois resulta habitual que os que descansan alí sexan aves, como os corvos mariños que vemos na imaxe, ós que ás veces se lles unen garzas e gaivotas. A obra de Francisco Leiro goza, desta maneira, dun complemento natural capaz de engadirlle unha beleza particular.

O COMPLEXO INTERMAREAL UMIA – O GROVE

O complexo intermareal Umia – O Grove comprende espazos próximos ó mar pertencentes ós municipios de Cambados, Meaño, Illa de Arousa, Sanxenxo e O Grove.

Humedais en A Lanzada (O Grove)

Trátanse de enormes complexos dunares e chairas húmidas. Prodúcese alí a confluencia de auga doce, aportada pola desembocadura do río Umia, e a auga salgada do Océano Atlántico. Esta circunstancia fai posible a existencia de moitos ecosistemas e dunha complexa cadea trófica.

Humedais en Punta Carreirón (Illa de Arousa)

Este espazo foi declarado Refuxio de Fauna, Zona Especial de Protección de Aves, Zona Húmida de Importancia Internacional e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral. Tamén está dentro da Convención Ramsar, que promove un marco de accións e de cooperación internacional có obxectivo da conservación e os usos racionais dos humedais.

Lagoa Bodeira (O Grove)

O complexo actúa tamén como punto de obrigada parada para moitas aves migratorias. En certas épocas do ano, ata máis de 10.000 aves se poden concentrar alí. A continuación, damos conta das especies máis importantes de aves mariñas que habitan neste espazo:

Agulla colinegra (Limosa limosa)

Agulla colipinta (Limosa lapponica)

Alavanco real (Anas platyrhynchos)

Bilurico aliluxado (Tringa totanus)

Bilurico pativerde (Tringa nebularia)

Charneco (Anas crecca)

Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)

Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus)

Espátula (Platalea leucorodia)

Gaivota patiamarela (Larus cachinnans)

Galiñola negra (Fulica atra)

Garza real (Ardea cinerea)

Garzota (Egretta garzetta)

Gavita (Haematopus ostralegus)

Mazarico curlí (Numenius arquata)

Pardela fuchabuchos (Puffinus puffinus mauretanicus)

Pato asubión (Anas penelope)

Pato cullerete (Anas clypeata)

Píllara cincenta (Pluvialis squatarola)

Pilro cubranco (Calidris ferruginea)

Pilro curlíbico (Calidris alpina)


AS AVES DO COMPLEXO INTERMAREAL UMIA – O GROVE: A GAIVOTA PATIAMARELA

A gaivota patiamarela (Larus michahellis) vive principalmente en costas rochosas de cantís. A súa enorma capacidade de supervivencia, fai que sexa unha das especies máis abundantes en toda a costa, ata o punto de que, tal saturación, faga que sexa doado atopalas en cidades, vivindo en vertedoiros de lixo. Pero é nas Illas Cíes onde se atopa a maior colonia de patiamarelas.

Basea a súa supervivencia no feito de que pode comer case calquera cousa, incluindo todo tipo de refugallos. Incluso ata é capaz de deixar caer certos moluscos contra as rochas para facerse coa súa parte carnosa.

Desta maneira, non é de estrañar que nos lugares onde se asenta a gaivota patiamarela sexa moi difícil que sobreviva calquera outra especie, pois é tal o seu afán depredador e as súas habilidades, que adoita impedir que os ovos e as crías doutras aves prosperen.

AS AVES DO COMPLEXO INTERMAREAL UMIA – O GROVE: A GARZA REAL.

A garza real (Ardea cinerea), cós seus 91 centímetros de lonxitude, é unha das aves máis espectaculares do complexo intermareal Umia – O Grove. Ave pelecaliforme, da familia Ardeidae, macho e femia non se diferencian polas súas cores, tendo ámbolos dous unha plumaxe agrisada e branca, con certas partes de cor negro.

Adoitan vivir en bandadas, se ben é certo que algunhas viven en soidade, aínda que volven, ó redor do mes de marzo, ás áreas nas que aniñan. Alí ten lugar un curioso ritual amoroso: o macho colócase no lugar máis alto que atopa, comeza a emitir berros e a abri-las ás e o pico có fin de atrae-la atención das femias que pasan preto voando.

Grupo de garzas reais e corvos mariños.

Polo xeral, a femia pon catro ou cinco ovos, de abril a maio, despois dunha incubación de 25 ou 28 días. Oito ou nove semanas despois do nacemento, as crías son xa o suficientemente grandes e poden comezar a voar.