O CON DE TRES PÉS: OUTRAS MIRADAS.

ÓNDE ESTÁN AS BOLBORETAS?

 

En Manchester, no século XIX, a especie de bolbereta predominante alí, a bolboreta do bidueiro, tiña as ás brancas, polo que podía camuflarse perfectamente nas árbores dos bosques próximos á cidade. Pero coa chegada da máquina de vapor e da Revolución Industrial, déronse enorme niveis de polución. Esta polución fixo que as árbores se tinguisen paseniño dunha cor cada vez máis escura. Iso rematou cunha gran parte da poboación de bolboretas, aínda que axiña comezaron a aparecer outras de cor escuro, que podían seguir camuflándose nas árbores. Estas foron as que sobreviviron. Por iso, a bolboreta do bidueiro é un dos grandes exemplos que aparecen cada vez que se fala da selección natural de Darwin.

E é que a bolboreta é a gran supervivinte do planeta Terra, sendo a segunda especie máis abondosa do mundo. As bolboretas das que falamos son diurnas, pero a maioría son nocturnas e case non se deixan ver. As diurnas son as máis coñecidas e as máis fermosas tamén, pois non deixa de fascinar ver cómo un pequeno insecto é capaz de desenvolver unhas cores tan complexas e espectaculares.

Semellan fráxiles e delicadas, ó que contribue o feito de que teñan tantos depredadores. Pero son moitas as fortalezas das que dispoñen, por exemplo, teñen unha gran resistencia ás baixas temperaturas e ás grandes alturas, por non falar da rapidez do seu voo, que adoita ser determinante á hora de esquivar ó inimigo. De feito, son grandes voadoras, pois algunhas especies fan migracións de ata varios miles de quilómetros.

Pero, por riba de todo, as bolboretas son excelentes bioindicadores. Así pois, lugares como a Serra do Courel ou as Fragas do Eume, concentran un gran número de especies diferentes. Precisan a presenza de gran variedade de vexetais e plantas en bo estado e que a súa floración sexa abondosa. No caso tanto da Illa de Arousa coma do resto das Rías Baixas, a reducción da poboación de bolboretas fíxose evidente nun periodo de so 25 anos aproximadamente. A explicación a este feito atopámola na diminución de espazos verdes que tivo lugar durante estes anos, polo que son moitos menos os lugares nos que as bolboretas poden cubrir as súas necesidades.

Pero debemos estar tranquilos, pois a súa supervivencia semella asegurada, aínda que cada vez sexa máis difícil observalas a carón da casa. Non debemos esquecer que a súa fraxilidade é so aparente e que posúe infinidade de mecanismos para a súa defensa. E non as subestimemos tampouco, pois xa se sabe que un simple movemento de ás dunha mariposa en Toquio, pode provocar un furacán na outra parte do mundo.

RÍAS BAIXAS: CAUSAS E EFECTOS DO PERFIL DE GALICIA.

Galicia mira ó mar. E faino mediante eses saíntes recortados que penetran no Atlántico, que coñecemos como rías. As rías conforman a silueta máis recoñecible e característica do contorno de Galicia, unha silueta que se complica a medida que se avanza cara o sur, e que chamamos “Rías Baixas”.

De feito, as Rías Baixas supoñen un conxunto moi específico e non sempre é doado atopar estructuras semellantes noutras costas. Quizáis, e salvando as distancias, poderían ser semellantes ós fiordos escandinavos. Neste caso, case todos os investigadores coinciden en sinalar que a causa da súa formación foron os enormes glaciares, que erosionaron o que en principio foron vales que posteriormente foron cubertos polo mar.

A formación das Rías Baixas, en cambio, non está tan clara. Comenzan no Monte Louro, na Ría de Muros e Noia e rematan no estuario do Miño. Cara occidente, chegan ata a Depresión Meridiana. En principio e case que por lóxica, poderíase pensar que son debidas ós seus ríos. Pero nin Tambre, Ulla e Umia, Lérez e Oitavén e Verdugo (ríos das rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, respectivamente) teñen a suficiente forza e entidade para formar tales estructuras, aínda que si contribuiron.

As Rías Baixas foron, ante todo, causadas por unha tectónica particular. Durante a Era Cuaternaria, todo o territorio galego estaba cuberto de xeo. Os ríos de xeo encaixáronse na litoloxía e formaron fracturas. Iso, xunto có xogo de levantamentos e afundimentos do terreo causados polos movementos tectónicos deron lugar a esas formas caprichosas.

Aparte desas insólitas siluetas que son o punto de atención en calquera mapa, as Rías Baixas conforman tamén espacios abrigados, protexidos das rigurosidades do océano, que os converten, xunto con outros factores, nuns espacios óptimos para o desenvolvemento da riqueza tanto vexetal como animal, así como un espacio inmellorable para o asentamento da vida humana.

A “SUPERLÚA” AROUSANA.

O pasado sábado prodúxose o fenómeno que xa todos os medios de comunicación dan a coñecer como “superlúa”. O inestable tempo dos últimos días fixo moi difícil a súa observación, pois había unha constante presenza de nubes. Mais, por momentos, a climatoloxía ofrecía algunha tregua.

A “superlúa” ten lugar cando o noso satélite natural se atopa máis preto da Terra. Polo tanto, aparece ante nos un pouco máis grande e un pouco máis brillante. Son tamén vencelladas a este proceso as “mareas vivas”. Este estado inusual da lúa da lugar a que, cando baixa a marea, faino ata niveis maiores que os habituais. E tamén ó reves, cando sube a marea, faino ata cotas superiores ás normais.

VICTOR DE AVEYRON, VIVENCIAS DO “NENO SALVAXE”.

Victor de Aveyron non foi o primeiro nin o último “neno salvaxe”. De feito, dos primeiros nenos criados así foron os mesmos Rómulo e Remo, fundadores da capital do Imperio Romano, que sobreviviron nun bosque grazas a seren aleitados por unha loba. Lonxe das lendas, a historia de Victor de Aveyron é o caso máis estudado.

Un momento do filme “L´enfant Sauvage”, de François Truffaut.

Preto do ano 1800, o neno que posteriormente sería chamado Víctor, aparecía preto dun bosque no departamento francés de Aveyron. Fora capturado varias veces, pero sempre conseguira escapar. Ata que o riguroso inverno de 1800 fixo que se fora achegando ás casas na busca de alimento. O neno, que había de ter dez ou doce anos, andaba curvado, gabeaba polas árbores, estaba esaxeradamente suxo e só comía alimentos crus. Non falaba, non se facía entender, nin mostraba ningún timpo de sentimento, polo que axiña se supuxo que debera de ser abandonado polos seus pais sendo aínda moi cativo.

En psicoloxía, chámase “periodo crítico ou sensible”, ó momento no que un ser humano en evolución, é dicir na infancia, ten maior facilidade para aprender habilidades como a linguaxe, movementos e comportamentos. Fora deste periodo, a apredizaxe de tales habilidades será máis difícil ou ata imposible.

O médico Jean Itard, un inquedo novo que por aquel entón só contaba con 26 anos de idade, interviu no caso de Víctor de Aveyron para investigar nesta cuestión. Levou ó neno a vivir á súa casa, onde foi sometido a unha intensa aprendizaxe, para o que Itard utilizaba diversos métodos.

Os primeiros resultados foron alentadores. Víctor chegou a escribir rudamente, a expresar desexos e a mostrar afecto, neste caso, pola gobernanta da casa de Itard, a señora Guérin. Nembargantes, agás pola emisión dalgún que outro son, nunca aprendeu a falar.

A pesar dos progresos iniciais, a apredizaxe do neno foise estancando paseniño, ata chegar a ser imposible en canto acadou a pubertade. As investigacións levadas a cabo con Víctor levaron a Jean Itard a lograr grandes avances na educación especial e de nenos xordomudos e cegos, disciplinas nas que foi todo un pioneiro. Pero por Víctor non puido facer nada máis. Xa non era aquel neno capaz de sobrevivir so no bosque, agora non podía valerse por si mesmo. O neno viveu coa señora Guérin ata a súa morte, cando tiña ó redor de 40 anos.

A historia de Víctor de Aveyron foi levada ó cine polo xenial director francés François Truffaut en 1960, baixo o título de “L´enfant Sauvage” (o pequeno salvaxe).

A AMEAZA DA SECA.

Galicia é unha das rexións máis chuviosas de Europa Occidental. Recibe unha media de 1.800 mm de auga ó ano, unha moi boa cantidade, polo que non é doado explicarse porqué cada ano ten perigo de sufrir seca. A razón está en que as precipitacións en Galicia son abondosas, pero de maneira estacional. É dicir, hai meses nos que chove moito, en inverno, e meses nos que non chove nada, en verán.

Por outra parte, en gran parte do territorio galego, como nas Rías Baixas, os solos son porosos, polo que toda a auga se infiltra e se absorbe rapidamente. Así pois, esa imaxe estereotipada da Galicia chuviosa e encharcada tradúcese no verán en solos secos e quebrados.

A situación, polo tanto, agrávase cando os invernos son secos, como ocorre na actualidade. Aínda que se diga que este é o inverno máis seco en anos ou en décadas, non debemos tomalo como algo relevante, senón como unha anécdota. Lembremos que só existen rexistros meteorolóxicos tomados con rigurosidade científica dende os anos setenta. Trátase dun periodo de tempo demasiado curto como para que teñan lugar marcas de importancia. Malia todo, non cabe dúbida de que a situación non é, nin moito menos, boa.

A escaseza de auga é un problema ó que poucas solucións  ofrece o mundo da ciencia e da tecnoloxía. Aínda hoxe en día, a auga por si soa condiciona boa parte da vida económica, por exemplo, na gran dependencia da chuvia en canto determinados cultivos se estraguen ou non.

Dende os anos 50 popularizouse a construción de encoros. Os encoros solucionaron moitos problemas de abastecemento, aínda que a costa do gran sacrificio dos nosos ríos, que sufriron enormes deterioros. A auga, en todo caso, é un ben escaso que cómpre utilizar con intelixencia.

Polo momento, aínda queda un mes de inverno. Ou no seu defecto, confiemos nunha primavera chuviosa. E é que todo semella indicar que por moito que avance o progreso, sempre imos depender da natureza e que sempre imos ter que mirar ó ceo. Pode que iso sexa sempre o que condicione a nosa dipoñibilidade de auga.

A CRTVG, SEN METEORÓLOGOS

Fai unhas semanas sorprendíanos a nova de que a Televisión de Galicia ía prescindir dos meteorólogos por mor de non dispor de diñeiro para tal servizo.

Días despois o colectivo de meteorólogos emitía un comunicado expresando dende o seu punto de vista a importancia de contar cun servizo como o da meteoroloxía dentro dunha canle pública, así como o nulo aforro que se acadaría ó ter que ser outros xornalistas os que narren a información meteorolóxica.

No comunicado tamén se responsabilizaba de chegar a tal situación ó feito de que os presentadores do espazo “O Tempo” abriran un proceso legal contra a TVG Seguir lendo

AS CAUSAS DA RIQUEZA DAS RÍAS BAIXAS: O PROCESO DE AFLORAMENTO

O afloramento mariño é un proceso mediante o cal as augas superficiais son substituidas polas augas profundas. Estas augas profundas son máis ricas en sales nutrientes (fundamentais para o ciclo alimenticio das especies) que as superficiais, polo que son vitais para a concentración de vida natural, para a existencia dunha complexa cadea trófica e para a vida de abundantes especies que fagan sustentable actividades económicas como a pesca e o marisqueo.

O afloramento é debido ó Efecto Coriolis, que ven sendo unha desviación das correntes mariñas debidas ó movemento de rotación da Terra. Así, as augas profundas ascenden á superficie. Son augas frías e con elevadas doses de nutrientes. Pouco a pouco van aumentando as súas temperaturas, ó tempo que se vai restablecendo o equilibrio das masas mariñas.

O vento xoga un papel excepcional no proceso de afloramento costeiro, debido ó seu poder de arrastre das capas superficiais e profundas. Este proceso ten lugar no verán, principalmente no mes de agosto, cando as aguas afloradas se introducen no interior das rías. Por este motivo a temperatura da auga do mar descende no mes de agosto.


DON GALILEO GALILEI

13 de febreiro de 2006

Estou na miña casa, pensando que en dous días é o día dos namorados e non lle teño nada mercado á miña moza. Nun momento vou quedar con ela e xa me vai saltar co tema… Que se che merquei unha cousa que vas alucinar, se o meu regalo vai ser mellor que o teu…

Claro que vai ser mellor que o meu, eu aínda non lle teño nada, non sei que facer, voume volver tolo!

17.30

En media hora teño que quedar con ela, na praza en fronte da fonte, vou poñer unhas das mellores camisas para sorprendela e levala á mellor tenda de xeados.

18.00

Ela estase atrasando un pouco, teno que facer, é o normal en todas as mulleres.

18.10

Estase aproximando a min, o meu corazón acelérase, estou moi nervioso, pero vou actuar coma sempre, como son eu mesmo. Estamos camiño á xeadaría, é unha rapaza moi intelixente, gústalle o mundo da astronomía e a arqueoloxía. Eu non sinto ningún interese na arqueoloxía, pero a astronomía, encántame.

18.40

Estamos os dous na xeadaría, comendo un xeado de mandarina, encántanos a mandarina. Ela, levántase para ir ao baño.

Creo que a cita non vai moi mal, tamén creo que lle gusto tanto coma ela a min.

Mañá, levareina á miña casa e ensinareille o meu novo invento. A ver que lle parece.

20.30

Estamos de camiño á súa casa, xa a vou deixar, hoxe foi un día moi longo, polo menos, para min; estou encantado con ela, é preciosa.

23.30

Xa cheguei á miña casa, esto no meu cuarto, na cama, non paro de pensar nela; mañá ireina procurar e amosareille o meu fermoso invento.

13.30

Vou rematar de preparar o invento, é un telescopio, un aparello que serve para ver as estrelas o máis preto posible, como a ela lle encanta a astronomía…

16.00

Xa rematei o telescopio, e estou lendo no xornal, que hoxe á noite haberá unha choiva de estrelas fugaces, vaille encantar, por fin vou namorar de todo a Nora.

23.50

En dez minutos quedei con ela como onte, en fronte da fonte, hoxe é o ansiado día, o día dos namorados.

00.00

Estou con ela aquí, é o momento, comeza a choiva, e estalle encantando observar o universo; todo o afastado, terémolo preto.

00.20

Rematou a choiva, estou ao seu carón, e xa nos bicamos, todo grazas ao novo telescopio. Coido que coa miña sabedoría e a súa intelixencia, chegaremos moi lonxe, seremos a parella da nova era de inventores.

Carme Barreiro. Illa de Arousa, 2010.

OS “MAC” TAMÉN TEÑEN UN PASADO

O xoves pasado falecía o último gran visionario dos nosos tempos, Steve Jobs. Nun mercado practicamente monopolizado por Microsoft, Jobs, có seu regreso a Apple, logrou poñerse á cabeza, grazas ós seus esforzos por crear unha informática doada e intuitiva para todos. Todo iso foi capturado nas súas últimas invencións: o iphone, ipad e ipod, os cales foi presentando ó tempo que mantiña unha dura loita contra o cancro. Todo comezou cun computador coma o da imaxe, hoxe relegado ó museo da nostalxia. Con estes primeiros “Mac”, creados aló polos anos oitenta, nacía un mundo sen virus e onde as pantallas non se “colgan”, nun sistema xeneroso có usuario. Un mundo no que as cousas, simplemente, funcionan.