SEA-SIDE

O Sea-Side é un exótico cóctel elaborado a base de ron branco. O que lle da a cor azul é o Curaçao, licor que provén da illa caribeña do mesmo nome. O Curaçao é un licor de cortiza amarga de laranxa, ó igual que outros licores coma o Triple ou o Cointreau, pero coa particularidade de que dispón de versións en varias cores, o que o fai moi aprezado en coctelería. Para preparar o Sea-Side introduciremos 1,5 cl. de zume de limón, 1,5 cl. de Curaçao azul e 4 cl. de ron branco nunha cocteleira con xeo. Axitamos e servimos en copa de cóctel. Hai quen di que tomar un Sea-Side é coma estar sentado fronte ó mar e sentir o seu arrecendo. Unha pequena parada de pracer e vacacións dentro da nosa vida cotiá.

DRY MARTINI

Hoxe achegámonos ata o clásico dos clásicos no mundo da coctelería: o Dry Martini. Para a súa preparación precisamos un vaso mesturador cheo de xeo. Engadimos 1 cl. de vermut seco e 5 cl. de xenebra, e removemos enérxicamente coa culleriña mesturadora. Finalmente, decoramos cunha oliva verde e, opcionalmente, cunha cortiza de limón. Ben sabido por todos é a preferencia de James Bond polo Dry Martini axitado, non removido. Pero os expertos “barmans” rexeitan esta opción, porque aporta auga á bebida, o que acaba distorsionando o que debería ser o seu sabor.

“SNAKE-IN-THE-GRASS”

O “snake-in-the-grass”, é un dos cócteles con base de xenebra máis exitosos. Entre os seus ingredientes figuran ata tres bebidas alcohólicas, nembargantes, sempre e cando respectemos perfectamente as cantidades, obteremos un agradable sabor que atopa no zume de limón a súa combinación perfecta. O “snake-in-the-grass” é ben sinxelo de preparar: precisamos un vaso mesturador (ou vaso de cristal ancho, no seu defecto) cheo de xeo. Engadimos 1,5 cl. de zume de limón, 1,5 cl. de vermú seco, 1,5 cl. de cointreau e 2,5 cl. de xenebra. Remexemos ben e servimos en copa de cóctel, e decoramos a copa cunha roda de limón.

 

BALALAIKA: UN CÓCTEL FRESQUIÑO E VERSÁTIL

Balalaika

Cóctel que ten nome de instrumento musical típico ruso,  polo que xa adiviñamos cal é a base deste cóctel: o vodka. Os ingredientes do Balalaika son dúas partes de zume de limón, dúas partes de Cointreau (tamén pode ser trocado polo licor triple) e tres partes de vodka. Necesitaremos cocteleira, que arrefriaremos previamente con xeo. Servímolo en copa de cóctel e presentámolo con unha roda de limón, e confeitado polo borde da copa.

Blue Balalaika

Existen alternativas a este cóctel. Se lle engadimos un toque de curaçao azul teremos o Blue Balalaika (trocamos parte do Cointreau polo curaçao azul).

Kamikaze

O kamikaze farémolo cambiando o zume de limón por zume de lima. Refrescantes e con moi bo gusto: gozádeos.

AS CLAVES DO AUTÉNTICO MOJITO CUBANO

Coa chegada do bo tempo é máis doado animarse a tomar un combinado para combate-las altas temperaturas. Neste senso, un dos imprescindibles é o mojito cubano. Para a súa preparación precisamos vasos anchos. En Cuba o máis habitual e botar unhas follas de cecimbre (hierbabuena en español), pero tamén podemos utilizar menta. A continuación, engadimos dúas culleradas grandes de azucre e esmagamos, para que a menta ou o cecimbre solte o seu zume e aroma. Despois engadimos xeo. En contra do que se adoita crer, en Cuba non se utiliza xeo picado, senón cubiños de xeo, iso si, cubrindo o vaso por completo. A continuación botamos auga, que pode ser tanto con gas coma sen gas, e o zume de limón. O último ingrediente a engadir é o ron e iso ten unha explicación sinxela. Nese momento, é cando o consumidor elixe cómo quere o seu mojito, si suavesito ou non. E é que, como se pode apreciar, abstivémonos de sinalar cantidades, porque o mellor do mojito é que é ó gusto do consumidor.