O ENSINO SECUNDARIO FARÁ PARO MAÑÁ EN DEFENSA DO GALEGO.

Son máis difíciles as matemáticas se se estudan en galego? Dubidamos que alguén poida probar esta teoría, máis iso non é impedimento para que a Xunta de Galicia, mediante as súas leis, nos dea a entender que si. Trátase dun caso insólito dentro do estado español, pero Galicia é a única rexión con lingua propia que ten prohibido o uso do galego en determinadas materias. E non vaian a pensar que se trata da materia de Lingua Castelá: son as Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía as que obrigatoriamente deben impartirse en castelán.

E é que o actual goberno, que estes días fai tres anos que está na Xunta, nada máis chegar ó poder fixo esplícitos esforzos por empeorar a saúde da língua galega. Lembremos que unha das súas primeiras medidas foi o desmantelamento da Rede Galega de Escolas Infantís, ou Galescolas, así como outras medidas que entraban directamente en conflito con tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, algo que mereceu unha sonora chamada de atención de parte da Unión Europea.

Unha das peores situacións é a que se vive dentro dos centros escolares, onde as horas lectivas en galego víronse reducidas alarmantemente, sendo incluso substituido en moitas ocasións o galego polo inglés. Por iso mañá xoves os alumnos do ensino medio abandoarán momentaneamente as aulas para protagonizar diversas concentracións que terán lugar en toda Galicia. Sendo da propia xuventude de onde procede tal iniciativa, temos a mellor proba de que a saúde do idioma pode e debe mellorar.

UNHA GHEADA INCÓMODA

Aínda que se considera un fenómeno costeiro, a gheada está presente en moitas zonas do interior de Galicia.

Fai uns días tiñamos coñecemento de que a direción de informativos da TVG lle pideu á xornalista Lorena Pose que deixara de utilizar a gheada, mediante unha nova aparecida no xornal “El Pais”. Lorena Pose, presentadora do progama da TVG “A Revista”, optou polo uso da gheada, ata o punto de despedir ós espectadores cun “ata logho”, algo que, segundo os directivos, podía resultar molesto para a audiencia, polo que a xornalista viuse na obriga de volver á pronuncia estándar.

Este feito pon de novo de relevo a total ausencia do galego que se fala na rúa dentro dos medios que utilizan esa lingua. Se comparamos coa televisión nacional, vemos que nos informativos utilízase un acento neutro, pero en programas de carácter máis desenfadado e moi semellantes a “A Revista”, sí é posible atoparse con acentos como o andaluz ou o canario, sobre todo entre os reporteiros.

O fenómeno fonético da gheada, consistente na substitución do son “gue” por unha “h” aspirada, é moi habitual ó longo de toda a costa galega, aínda que son moitas e extensas as zonas do interior onde se utiliza, chegando incluso ata a provincia de León. Aínda que é  totalmente aceptada e normativa, sempre contou con moitos detractores, chegando a afirmarse que era de orixe castelá e vencellándoa a formas de vida vulgares e incultas.

Quzáis estes prexuízos sexan os que lles levaron a pensar ós directivos da TVG que a gheada podría molestar ó espectador. E iso aínda estando presente, como dicíamos antes, en tantas zonas de Galicia, especialmente nas inmediacións costeiras, que son tamén as zonas máis dinámicas económica e demográficamente.

Se ben a actitude da TVG non lle pode sorprender a ninguén a estas alturas, sí que sorprende a actitude de Lorena Pose. Aínda con a imposibilidade de plasmar a gheada na escrita, imos permitirnos agradecerlle a súa valentía así: ghracias dende Aghuamorta.

A LINGUA GALEGA SEGUE SEN DICIONARIO DE CONSULTA NA REDE.

O idioma galego sempre chega tarde ás novas tecnoloxías. Lembremos todo o que tivemos que agardar para que o noso teléfono móvil puidera estar en galego, ou cando os sistemas operativos dos computadores non tiñan corrector ortográfico de galego. Aínda que certo é que algúns sistemas operativos aínda hoxe non dispoñen de tal corrector, coma no caso dos Macintosh ata non fai moito.

No caso dos dicionarios a situación non é mellor. A día de hoxe, en toda a rede non se dispón dun dicionario de galego actualizado e libre, agás o sempre ben acollido dicionario Estraviz. Internet é a maior vía de consulta de todos os cidadáns, sendo esta unha tendencia que se agranda día a día. Cunha conexión a internet temos ó noso alcance centos de dicionarios en centos de linguas, así como dicionarios de tradución dunhas linguas a outras, pero non en galego. Sendo así, non é de estrañar a pouca difusión da que goza o noso idioma.

A principios de febreiro, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciaba para mediados dese mes que a versión online do novo dicionario estaría dispoñible na rede. Pero a realidade é que, con marzo xa comezado, a páxina web da RAG continúa igual que sempre, sen máis novidade. Agardamos, entón, que se trate dun retraso o máis breve posible.

O VOCABULARIO AROUSÁN, RECOLLIDO NO “DICIONARIO DE AUSENCIAS” DE “NA ILLA”

Chover a esmadrasar, ir a buscar á geva ou que algo che saia mallado. Cantas veces non repetimos estas expresións? Son palabras que dicimos con tal naturalidade que case pasa desapercibida a riqueza léxica da que dispoñemos. O xornal dixital independente da Arousa, “Na Illa”, que deixou de actualizarse no pasado mes de agosto, o que non significa que desaparecera, levou a cabo unha recopilación de termos utilizados na Arousa, chamado “Dicionario de Ausencias”. O resultado final foi un dicionario que reflicte a nosa forma de vida e ata o noso sentido do humor. E, se cadra, ata nos axuda a coñecernos a nós mesmos un pouco mellor. Así pois, a realidade constata que o vocabulario galego, que de por si non é nada pobre, conta cunha chea de termos “extra oficiais”, xa que non aparecen recollidos no galego estándar, e que permanecen agochados na vida cotiá de cada pobo ou vila. Sen dúbida, todos e cada un deles debería ter o seu propio “Dicionario de Ausencias”.