O MUNDO DAS MEIGAS: LOBA

 

Un ser extraño, esta Loba, e dos máis difíciles de atopar, pois todos coñecemos ó Lobishome, pero en moi contadas ocasións sóubose da existencia da súa versión feminina. Durante a súa infancia, a Loba é totalmente normal. Adoita ser a máis nova das súas sete ou nove irmás, todas mulleres. Cando acada a pubertade nota no seu corpo cambios inusuais e nada propio de mulleres, polo que pouca axuda lle poden dar as súas irmás. Non sabe porqué de súpeto un groso pelo medra por todo o seu corpo, ata que axiña descobre que só lle ocorre en noites de lúa chea. E a lúa, ese astro misterioso e hipnotizador, consegue que se altere, que busque algo con ansiedade, pero sen saber o qué. E cando cae a noite, aproveita a luz da lúa chea para botarse á rúa e buscar sangue e máis sangue. Ó día seguinte, o pobo esperta espantado. Os lobos semellan non conformarse xa coa sangue das galiñas, pensan, porque agora van tamén na procura de sangue humana. A Loba, pola súa parte, recupera a apariencia dunha rapaza normal. Gardará o seu segredo ata o día da súa morte, pero vivirá para sempre atormentada polos remorsos.

O MUNDO DAS MEIGAS: XELDA

A historia de Xelda comeza na cidade andaluza de Córdoba, en tempos ós que xa non alcanza ningunha memoria. Alí, un fidalgo galego permanecía prisioneiro, até que unha moza de orixe mouro o axudou a fuxir. Xuntos escaparon ata chegar a Galicia. Pero unha vez alí, o fidalgo abandonou á moza, pode que polas diferenzas sociais e relixiosas, ou pode que simplemente fose porque xa non lle era de utilidade. Pero a moza, lonxe de regresar á súa cidade natal, atopou en Galicia un lugar no que se sentía tan ben como nunca ousara imaxinar. A doce humidade, a cor verde cubríndoo todo, o manto suave do orballo un día si e outro tamén,… tanto foi así, que no corpo da moza foron medrando follas, flores e ramaxes; e pouco a pouco, foise convertindo en Xelda. Así de fácil é recoñecela: metade muller, metade vexetal. Pero un día, unha meiga envexosa da beleza de Xelda, fíxolle un encantamento polo cal permanece fixa nos bosques que hai de camiño a San Andrés de Teixido. Dende entón, quen se para a contemplar a beleza de Xelda é castigado. E do lugar ó que se vai de morto o que non foi de vivo, pode que non se regrese xamais.

O MUNDO DAS MEIGAS: MARIMANTA

Cando vexades unha muller anciá, se cadra preto da centea; cheirenta, fea, vestida con farrapos negros e vellos e cun saco ás costas, non deixedes de vixiala ben. Pode tratarse da Marimanta. Se vos pide esmola, non lle negedes uns pesos, nada se gaña contrariandoa. Pero non deixedes de fixarvos no seu saco. Se vedes que se move, coma con movementos angustiosos, ide axiña a pedir axuda. E é que esta Marimanta secuestra nenos. Non é de orixe galego, chegou aquí en tempos dos celtas, mais, por esas desgracias que envolven á nosa terra, tan ben se atopou, que aquí permaneceu ata o día de hoxe. Ás veces, a Marimanta da con inocentes nais que, conmovidas pola súa avanzada idade, invítana ás súas casas e ata lle ofrecen algo de comer. Pero entón, a malfeitora non desaproveita un descoido da muller para ir buscar ó neno que está xogando fora ou que dorme tranquilamente no berce, para metelo no saco e marchar. Ata o de agora non se soubo xamais ónde leva ós nenos nin qué fai con eles. E case mellor así.


O MUNDO DAS MEIGAS: ABELLÓN

Algo se encolle en nós cando vemos cómo unha abella entra nas nosas casas. Un animaliño tan pequeno, case insignificante, pero cunha tan terrible picada, que fai que o medo se apodere de nós e que todos os nosos esforzos se concentren en botar á abella dos nosos fogares. Ou iso, ou que, dunha maneira inconsciente, sabemos que as meigas adoitan transformarse en abellas para cometer con máis facilidade as súas maldades. Cando iso é así, debemos ser moi observadores para saber se a abella é unha meiga. Voa arredor de nós, tenta desesperarnos, pero sobre todo, míranos fixamente cós seus ollos saltóns, impropios das criaturas da natureza. A súa picada, terrible e velenosa, pode chegar a ser mortal en nenos acabados de nacer. Así pois, non vos esquezades de extremar as precaucións, sobre todo cando unha abella non deixe de voar arredor dun neno.


O MUNDO DAS MEIGAS: DAMA DE CASTRO

Aló onde aínda permanecen restos dos milenarios castros, na Galicia subterránea, que nos, os mortais, descoñecemos, en luxosos castelos de cristal, habita a Dama de Castro. Son moitas as testemuñas que afirman que, estando un pobre infeliz aflixido polas súas terribles desgrazas, xa sexan sentimentais ou económicas, sinte a cálida man desta Dama, señorial, elegante e distinguida. E ela mesma se presenta, “…son a Dama de Castro”. E entón, ante os incrédulos ollos do individuo, aparece unha fermosa muller, como chegada doutros tempos, ataviada de brancos veos, coma se fora a casar. Toda a felicidade e bondade do mundo agárdalle a aquel que dea con ela. A fortuna tanto lle pode vir dada en forma de consellos, como en grandes cantidades de diñeiro, aínda que sobre este respecto pouco ousan contar os tocados por esta sorte. Inmune a loubanzas e agasallos, porque a Dama de Castro de todo ten e de nada precisa, esta meiga fai o ben, simplemente, porque así o desexa. E porque sabe tamén quen é quen máis o precisa.

O MUNDO DAS MEIGAS: CARTUXEIRA

A Cartuxeira é esa muller corrente, todos coñecemos unha, amable e agradable, que un día confesa ter a habilidade de predicir o futuro mediante a baralla de naipes, como si dunha vida secreta se tratara. A revelación do que nos depara o porvir sempre foi unha curiosidade humana natural, pero débese evitar caer nela, pois non foron poucos os condenados por querer coñecer máis do que o transcurso da vida nos ofrece. E, nestas, chega a Cartuxeira, en principio muller sinxela, pero que sufre unha transformación diante das cartas. O seu cariz cambia, o seu corpo ténsase, estira os brazos enriba da mesa e deixa entrever unha mirada de preocupación, causada por aquilo que está lendo nas figuras dos naipes. Entón comeza a contarlle á angustiada vítima, case sempre, as penalidades e desgrazas que axiña lle sucederán. E, no punto álxido do relato, a Cartuxeira fica en silencio, ante a desesperación do oínte. E dille que non pode seguir falando ata que non lle entregue máis diñeiro. E a pobre vítima, alá que o vai buscar. E despois, a Cartuxeira, pedirá máis e máis, ata quedarse tamén coas leiras, casas e todos os bens do pobre incauto. E este, cando toma conciencia, o único que descobre é que está totalmente arruinado.

O MUNDO DAS MEIGAS: AQUELARRE.

Nunha única meiga, Aquelarre, están todas. A meiga da vasoira que suca os ceos producindo o máis sincero noxo entre as xentes coa súa sonora gargallada; a meiga de aspecto repugnante e cheiro inaguantable; a meiga galega, vasca ou navarra,… a meiga de idade infinita. Certo día, pode que en Fisterra ou en Cabo Vilán, Aquelarre acudiu ó prado do Demo un primeiro sábado de lúa chea, e alí xaceu con el. Iso fixo que parte da súa anatomía tomara forma de animal. Axiña destacou de entre tódalas amantes do Demo, e si algunha vez foi fermosa, pouco se pode adiviñar, xulgando o seu aspecto cadavérico. A súa soa mirada, pode causar mal de ollo. Alá, polos tempos da Inquisición, foi queimada na fogueira. De pouco servíu, porque Aquelarre sempre rexurde das súas cinzas.