No século XV, a península ibérica vivía un tempo convulso. O Rei da Coroa de Castela, Enrique de Trastámara, impuxo en Galicia unha nobreza foránea que exercía o señorío dunha maneira brutal e incontrolable polo Rei. O señor de Andrade cada vez tiña máis sona polos seus continuos abusos e o seu trato de dureza. Especialmente grave era o caso de Ferrol, no que eran habituais os fusilamentos mandados por el. Pero o pobo non tarda en sublevarse contra estas inxustizas. Unidos en irmandades, estas xentes, campesiños e xente de tódolos oficios, rurais e urbanos, pasarían á historia como os “Irmandiños”. Atoparon ó seu líder en Roi Xordo, un fidalgo nado, seguramente, na Coruña. Abandeirou a primeira Guerra Irmandiña, liderando a Irmandade Fusquenlla, creada en 1431. Andrade vese obrigado a fuxir a Compostela, onde recibe o amparo do arcebispo. Mentres, xentes de máis vilas galegas se van unindo a Roi Xordo e á Irmandade Fusquenlla. En Betanzos, o arcebispo trata de negociar con eles, pero sendo o sometemento a única alternativa ofrecida, deciden atacar Compostela. Alí dan có exército do arcebispo, máis numeroso e mellor preparado, polo que se ven na obriga de recuar. Namentres, Andrade fuxe para o castelo de Betanzos. Até alí vai a Irmandade Fusquenlla, pero esta vez caen derrotados. Roi Xordo, xunto con outros líderes da contenda, foron axustizados, feito que marca a fin da primeira Guerra Irmandiña. A cotío comparado con Robin Hood e William Wallace, Roi Xordo chega até os nosos días coma un exemplo de loita e coraxe, así como de enerxía e valentía, aquelas que non toleran a vida baixo o asoballamento.
Se levantaran a cabeza…