Nun cálido universo apaixonado
voume dosificando con usura
ata que chegue a hora de voltar,
canso e feliz,
ó punto de partida.
Lois Pereiro, “Poesía última de amor e enfermidade”
O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, declaraba fai pouco que Lois Pereiro é “un poeta de culto que escribiu para amplas minorías”. De feito, a RAG tivo non poucas reticencias para dedicarlle o Día das Letras a un autor asentado na contracultura (Lois Pereiro incluso chegou a escribir letras para o grupo punk Radio Océano, liderado polo seu irmán Xosé Manuel). Finalmente, o paso do tempo acabou por facer xustiza para o poeta. Nado en Monforte en 1958, Lois Pereiro traballa como tradutor en Madrid e, posteriormente, como xornalista na Coruña. Tras gañar o Concurso Nacional de Poesía O Facho, empeza a ser coñecido como poeta punk. En 1995 publica “Poesía última de amor e enfermidade” e falece, tan só un ano despois, na Coruña. Pouco despois sae á luz a súa obra póstuma “Poemas para unha Loia”. A súa poesía, sinxela, directa e intensa, pertence a esa clase que cada vez semella máis extinta, versos privilexiados que inevitablemente deixan pegada no lector.