Posiblemente, España acade pronto os cinco millóns de parados. O veciño Portugal precisa dun rescate económico. Ninguén quere ver o que todos estamos vendo. Máis que interesados na política, a xente semella fanáticos seareiros dun equipo de fútbol. En lugar de facerse política, peléxase como nenos no patio do colexio. Namentres, un país enteiro vaise a pique. E entón os novos, ós que constantemente se lles acusa de ni-nis, ós que se lles esixe máis acción e espírito crítico, crean un movemento que contaxia á poboación e que pon colorada a toda a clase política. Rexeitan bandeiras, cores e simboloxía, e reivindican o seu dereito a ter un futuro. Xurdiron na metade dunha campaña electoral, e iso semellaba ser o único importante. Pode que agora comece o verdadeiro período de reflexión.