O mito de María Castaña flúe entre dous mares: a historia e a lenda de Galicia. Créese que viviu en Cereixa (Lugo) e que liderou unha revolta contra a Igrexa. Naqueles tempos, o bispo Pedro López Aguiar realizaba prácticas abusivas con respecto ó pobo mediante o seu mordomo e recadador, Francisco Fernández. Na “España Sagrada” do Padre Risco, existen referencias a María Castaña, onde se conta que, xunto cós seus dous fillos, asasinou a Francisco Fernández. Sexa como fora, a memoria desta particular personaxe chega ata os nosos días por medio da famosa frase “en tempos de María Castaña…” A súa repercusión tamén fixo que unha rúa de Lugo leve o seu nome dende 1986.