Cando un país acolle unha competición deportiva póñense en xogo numerosos intereses para as cidades que son designadas sedes. Son días nos que tódalas miradas estarán postos nos equipos participantes, e consecuentemente, tamén nas cidades nas que se hospedarán. Cantas máis posibilidades teña o equipo de gañar o campionato, máis resoará o nome da cidade en cuestión arredor do mundo.
Neste senso, Pontevedra foi a gañadora do premio gordo durante o mundial de España 82. A selección italiana, sempre favorita nas competicións futbolísticas, hospedouse alí durante a celebración da primeira fase do campionato, que tivo lugar no estadio de Balaídos de Vigo.
A “squadra azzurra” aloxouse no Parador e os xogadores acostumaban a dar paseos pola zona vella, ante as atentas miradas da xente.
A revelación naquel mundial foi Paolo Rossi, que tras unha máis que discreta actuación durante a primeira fase (igual que todo o equipo italiano), sorprendeu ó mundo marcando un “hat – trick” á sempre poderosa selección brasileira.
A final foi disputada entre Italia e Alemaña Federal, cun resultado definitivo de 3 goles a 1. De seguro, moitos dos seareiros que aquel día celebraron aquela vitoria, non esqueceron xamais a cidade do Lérez.