Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.
Madrigal a cibdá de Santiago.
Neste mes de agosto cúmprense 75 anos da morte de Federico García Lorca, un dos máis grandes poetas que dou de si a lingua castelá. Aínda que é lembrado principalmente como poeta, a súa versatilidade fixo que afondara tamén noutros xéneros, polo que tamén é un recoñecido autor teatral. Toda unha frutífera traxectoria truncada polos máis miserentos acontecementos ocorridos en España.
Na súa poesía fica reflectida as cores, arrecendo e folclore da súa Andalucía natal. Pero lonxe de limitarse a iso, Lorca acolleu tamén na súa poesía multitude de influencias chegadas a través dos seus amigos e das súas viaxes, exemplo diso é o seu célebre “Poeta en Nueva York”.
Durante a súa vida, Lorca viaxou varias veces a Galicia. Entrou en contacto con varios intelectuais galegos da época, pero sobre todo, trabou unha maior amizade con Eduardo Blanco Amor. De feito, o autor de “A esmorga” sería quen publicara os seus “Seis poemas galegos”.
E é que a vinculación e o compromiso de Lorca coa cultura galega foi tal, que incluso asumiu o maior dos retos para calquera escritor: escribir nunha lingua que non é a propia. O resultado foron os “Seis poemas galegos”. En ocasións cuestiónanse o verdadeiro grado da súa autoría, pero, de tódolos xeitos, trátase de poemas que, a pesar da súa sinxeleza, son enormemente fermosos e con gran sentido da musicalidade, algo que sempre caracterizou toda poesía de Lorca.
Seis poemas galegos (1935):
Madrigal a cibdá de Santiago.
Romaxe da Nosa Señora da Barca.
Cantiga do neno da tenda.
Noiturnio do adoescente morto.
Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta.
Danza da lúa en Santiago.