Cada setembro, dende hai máis de 130 anos, celébrase na baía de Donosti, a Bandeira da Concha, un dos máis grandes acontecementos deportivos do Cantábrico. Trátase dunha competición de traíñas chea de tradición e que envolve nunha enorme rivalidade ós pobos costeiros participantes.
A Bandeira da Concha é o trofeo máis prezado para os remeiros, dende que en 1879 se celebrara a súa primeira edición. Dende 2008 existe a categoría feminina. E alí, na súa casa, nun deporte practicamente inventado polos vascos, é a embarcación galega a que se fixo coa vitoria nas catro edicións disputadas polo momento, a última a pasada fin de semana. Nesta ocasión, o “Galicia-Rianxeira” tivo que traballar duramente a vitoria, pois a embarcación “Getaria-Tolosa”, que se impuxo con facilidade durante a proba de clasificación, puxo as cousas moi difíciles. Finalmente, a Bandeira regresa un ano máis a Galicia e a “rianxeira” volveuse a entoar na baía de Donosti. Parabéns ás campionas!