A salicornia, planta tamén coñecida como “espárrago de mar”, ten como unha das súas principais características o feito de ser halófila, é dicir, que é totalmente tolerante ó sal. Por esta razón, vive en ambientes mariños e ata é irrigada pola mesma auga do mar. As súas follas son enteiras e duras e as súas flores, en principio imperceptibles, dispóñense en forma de espiga. Son plantas anuais. Os seus hábitats habituais son zonas mariñas e florece de agosto a setembro. Son de cor verde, pero a medida que se achega o outono, a súa cor vai mudando a vermello ou roxo. En mediciña popular utilízase como diurético e antigamente, debido as súas altas doses de sales, utilizábase para facer xabón.