Algo se encolle en nós cando vemos cómo unha abella entra nas nosas casas. Un animaliño tan pequeno, case insignificante, pero cunha tan terrible picada, que fai que o medo se apodere de nós e que todos os nosos esforzos se concentren en botar á abella dos nosos fogares. Ou iso, ou que, dunha maneira inconsciente, sabemos que as meigas adoitan transformarse en abellas para cometer con máis facilidade as súas maldades. Cando iso é así, debemos ser moi observadores para saber se a abella é unha meiga. Voa arredor de nós, tenta desesperarnos, pero sobre todo, míranos fixamente cós seus ollos saltóns, impropios das criaturas da natureza. A súa picada, terrible e velenosa, pode chegar a ser mortal en nenos acabados de nacer. Así pois, non vos esquezades de extremar as precaucións, sobre todo cando unha abella non deixe de voar arredor dun neno.