HISTORIA DUN ENTERRO LAICO: JOSÉ GUILLÁN. ILLA DE AROUSA, FEBREIRO DE 1933.

José Guillán non se diferenciaba moito doutros rapaces da súa idade. Tiña moza, xogaba ó fútbol e levaba unha vida sinxela e humilde. Pode que o que o fixo diferente fora o seu acceso á educación, algo posible debido a que os seus pais, en tempos mellores, posuíran unha próspera fábrica de salagre. El e os seus irmáns medraron rodeados dunha chea libros, moitos dos cales recollían os pensamentos máis avanzados que percorrían Europa e eran utilizados na “escuela moderna“, o modelo de educación da Segunda República.

A palmeira e a árbore de camelias baixo as que está enterrado José Guillán.

Sendo moi novo, emigrou a Madrid, onde traballou como ebanista. Era unha época convulsa, os enfrontamentos, as folgas e os sectores que se sentían rexeitados durante este período, ameazaban constantemente a estabilidade da República. José Guillán, sempre de ideas firmes e afianzadas, non dubidou en participar activamente en defender todo aquilo que el cría que era o mellor. Axiña foi sinalado polos que tiñan un pensamento radicalmente oposto.

Entón, contrae unha tuberculose que lle afectou á larinxe. Aquela enfermidade era cruel e devastadora e as esperanzas pouco a pouco se foron apagando para José Guillán. Dende ese momento na súa mente só cabía a fixación por regresar á súa Illa de Arousa natal, e descansar alí para sempre. Non foi unha viaxe doada. Un José Guillán xa moribundo tivo que ser axudado por algúns dos seus moitos amigos para ser agochado e pasar desapercibido. El sabía moi ben o que os seus inimigos facían coa xente coma el, incluso despois de mortos.

Na Illa de Arousa agardábano toda a súa familia e amigos. A súa enfermidade era terriblemente contaxiosa. No seu leito de morte, algún dos seus irmáns, corría a acompañalo, obviando o risco de contaxio. Pero el, apenas cun fío de voz a causa dos enormes danos na gorxa, movía a man enerxicamente para que se fora de alí, nun último xesto de protección. Deixoulles, iso si, indicacións de cómo quería que fora o seu enterro, insistindo sobre todo, en que debían plantar árbores sobre a súa tumba nada máis producirse o soterramento. E é que lle obsesionaba a posibilidade de que se profanara o seu corpo. Unha vez falecido, tódalas súas pertenzas tiveron que ser queimadas, porque nelas continuaba o perigo de contaxio. Así pois, pouco ou nada queda hoxe en día del.

Na mañá do 3 de febreiro de 1933 producíase o soterramento de José Guillán, de 25 anos de idade, no cemiterio da Illa de Arousa. Os seus consternados irmáns cargaban o féretro, abríndose paso entre os numerosos veciños que aquela mañá abandonaron momentaneamente os seus traballos no mar ou na terra para estar alí. Foi unha cerimonia unicamente invadida pola presenza daquel que despedían, moi lonxe dos artificios e supersticións relixiosas, que tan pouco beneficio producen na dor sentida. Unha calma serena e un silencio respectuoso, apenas interrompido polas palabras dun representante do Partido Socialista de Pontevedra na honra do homenaxeado.

Tal como lle prometeran, os irmáns de José Guillán plantaron unha palmeira e unha árbore de camelias sobre a súa tumba. E ese é o motivo polo que os seus restos continúan hoxe en día alí. Meses despois do soterramento, varios homes achegáronse alí coa intención de retiralo. A cerimonia secular era unha escusa máis, como outras tantas, que mal argumentaban os seus motivos. Pero os seus propósitos foron imposibles, pois non contaban coa presenza daquelas árbores, e moito menos, cunhas raíces que xa escarvaran tanto.

A palmeira, hoxe en día convertida nunha enorme fortaleza, é coma un faro terrestre que se ergue observando en silencio tódolos acontecementos que se producen na Arousa. Segue sendo, igual que o primeiro día, a testemuña e a protectora de José Guillán.

5 respostas a “HISTORIA DUN ENTERRO LAICO: JOSÉ GUILLÁN. ILLA DE AROUSA, FEBREIRO DE 1933.

  1. Pingback: UN DOCUMENTO DA GUERRA CIVIL: O PERMISO DE REGRESO DE MANUEL | AGUAMORTA

  2. Non sei se e asi tal e como foi pero o que si sei e que sempre se dixo na familia e que tamén había un Rosal.
    Ahinda asi a historia e moi bonita

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s