Fronte a unha das zonas máis emblemáticas do señorial Cambados, o mariñeiro barrio de San Tomé, érguese a enigmática Torre de San Sadurniño. A Torre sitúase na Illa da Figueira, que está unida a San Tomé mediante unha ponte construida recentemente. Zona de marisqueo, é posible chegar a ela a pé en días de marea baixa.
As ruinas son restos dunha edificación máis grande, seguramente un castelo, do que a Torre non sería máis ca un sector. Polas súas características e polos restos de cerámica atopados na zona, pénsase que a súa construción data da baixa Idade Media, alá polo século X. Sería unha “torre irmá” da fortaleza de A Lanzada e das Torres do Oeste de Catoira. A súa principal función sería a defensiva. Cando existía o perigo dun posible ataque viquingo, procedíase a encender unha fogueira no alto da torre, de maneira que se poñía así sobre aviso ás torres da Lanzada e Catoira.
Entre as curiosidades que acomapañan a tantos séculos de historia da Torre de San Sadurniño, cómpre destacar que no século XIII pasou a ser propiedade do poeta e nobre galelo Paio Gómez Chariño de Soutomaior.
A Torre estivo sometida a continuas reconstrucións ó longo da súa historia. Unha delas tivo lugar a causa da revolta irmandiña do século XV, cando a torre foi derrubada a causa do conflicto.
Hoxe consérvanse dous sectores do que se presume que foi unha torre triangular, cós restos dunha campá dunha cheminea no alto da esquina e cun van nun dos seus muros.