Dende 2009 en A Micro Pechado, e agora tamén en Aguamorta.
Un día, como quen non quere cousa, Elia deixou de fumar. Non lle resultou nada doado, dende logo. Pero pasado un tempo, cando xa ían amainando os soños que tiña polas noites con tabaco, foi descubrindo un mundo totalmente novo. A súa pel semellaba máis limpa e iluminada, sen cambiar a marca da súa crema hidratante. A súa voz era máis fina e suave, polo que lle encantaba pasar o día cantando. Cría que nunca sería capaz de tomarse un café sen un cigarro, pero agora, descubría o sabor do café e o seu aroma, coma se fora un anuncio de televisión. Unha vez, foi ó armario a recuperar roupa que facía tempo que non puña. E toda cheiraba a tabaco e, cando a gardou, non notara absolutamente nada. Sentíase forte. Podía camiñar e camiñar, e aínda lle quedaban folgos para continuar se o desexaba. O día de Sant Jordi, un neno que atopou pola rúa regaloulle unha rosa, “ahhhh…” -pensou- “entón… é así cómo arrecenden as rosas!”