Chover a esmadrasar, ir a buscar á geva ou que algo che saia mallado. Cantas veces non repetimos estas expresións? Son palabras que dicimos con tal naturalidade que case pasa desapercibida a riqueza léxica da que dispoñemos. O xornal dixital independente da Arousa, “Na Illa”, que deixou de actualizarse no pasado mes de agosto, o que non significa que desaparecera, levou a cabo unha recopilación de termos utilizados na Arousa, chamado “Dicionario de Ausencias”. O resultado final foi un dicionario que reflicte a nosa forma de vida e ata o noso sentido do humor. E, se cadra, ata nos axuda a coñecernos a nós mesmos un pouco mellor. Así pois, a realidade constata que o vocabulario galego, que de por si non é nada pobre, conta cunha chea de termos “extra oficiais”, xa que non aparecen recollidos no galego estándar, e que permanecen agochados na vida cotiá de cada pobo ou vila. Sen dúbida, todos e cada un deles debería ter o seu propio “Dicionario de Ausencias”.
Pingback: O vocabulario arousán, recollido no "Dicionario de Ausencias" de "Na Illa"