A paixón que ten polo mar a nosa Aguamorta, levouna esta vez ó Porto de Barcelona. Alí, no Moll de la Fusta, permanece amarrada unha réplica da Nao Victoria, a única embarcación que conseguiu completar a volta ó mundo de Magallanes e Elcano.
A expedición partiu en 1519 de San Lúcar de Barrameda. Buscaban un roteiro alternativo ó das Indias Orientais, que era demasiado perigoso, na busca das Illas Molucas, moi ricas nas daquela tan aprezadas especias.
Cando chegaron ás que hoxe son as Illas Filipinas, o capitán Magallanes foi asasinado durante un enfrontamento contra os indíxenas. Será entón, Juan Sebastián Elcano o que finalice a misión que ía demostrar definitivamente que a Terra é redonda.
Foi aquela unha fazaña terrible e altamente perigosa. Estivo en todo momento ateigada de motíns, desercións, fame e enfermidades. Tres anos despois da partida, de máis de 250, regresaron 18 homes famélicos. E das cinco naves iniciais, unicamente chegou unha, a do nome máis premonitorio, a Victoria.
Observando a réplica da embarcación, non deixa de chamar a atención o seu pequeno tamaño, e mais tendo en conta que os mariñeiros se enfrontaban ó descoñecido, a fortes treboadas e á posibilidade de non poder pisar terra firme durante semanas.
Aínda así, a aventura foi emulada entre 2004 e 2006 coa réplica da Victoria que está agora en Barcelona, seguindo o mesmo traxecto e vivindo baixo as mesmas condicións de vida. Iso si, facendo unha parada na Expo de Aichi de Xapón, en 2005.
Esta foi a que deu quilla arriba na botadura…