OS CHOROS DA FRAGA

-Qué tiña dentro?

E o Piñeiro dixo:

-Couza.

-Qué máis?

-Po.

-Qué máis?

E o Piñeiro anunciou, deixando de mirar:

-Morte. Xa estaba morto. Sempre estivo morto.

Aquel día o bosque, decepcionado, calou. Ó seguinte entoou a leda cántiga na que imita á canella do muíño. Os paxaros volveron. Ningunha árbore volveu a pensar en se converter en sillas e en aparadores. A fraga recuperou de sotaque a súa alma inxenua, na que toda a ciencia consiste en saber de canto se pode ver, facer ou pensar, sobre a terra, o máis prodixioso, o máis profundo, o máis grave é isto: vivir.

 

Wenceslao Fernández Flórez, (O Bosque Animado).

Cando Anxo non era máis ca un neno, colleu un libro por casualidade estando na biblioteca do seu colexio. Na portada había unha foto dun lugar tan fermoso, que semellaba sacado dun conto. E xa entón, a imaxinación daquel rapaz inquedo voaba só con observar aquela imaxe. Entón, sen aínda coñecer a súa riqueza de todas as especies que convivían alí, sen comprender nada do seu enorme valor natural e aínda sen ter escoitado nunca as súas voces… Anxo soubo aquel día qué eran as Fragas do Eume.

Anos despois, estando xa na universidade, Anxo participou nunha excursión ás Fragas xunto có resto dos seus compañeiros. Foi aquel un día de choiva intensa. A auga formaba regatos que corrían por todas partes, tanto por entre os pes dos estudantes, como caíndo polas ladeiras, semellando bágoas que se precipitaban no val. Pero o bosque estaba máis vivo que nunca, fermoso e feliz con toda aquela chuvia.

Os estudantes resgardáronse da chuvia, que non daba tregua, no Mosteiro de Caaveiro. A mestra, aínda que visitaba as Fragas polo menos unha vez ó ano, non podía deixar de dar as explicacións, amosando os carballos, castiñeiros, bidueiros,… presa dese entusiasmo que todos os que aman a natureza coñecen.

E Anxo, totalmente fascinado, non puido máis que pensar no afortunado que se sentía por estar alí, aínda mollado e cheo de frío. E pensou, sen saber moi ben porqué, que si un día tiña un fillo, había de levalo a coñecer aquel lugar. E Anxo, seguramente, algún día terá un fillo. Pero quen sabe se para entón as Fragas continuarán alí.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s