O 25 de xullo de 1961 tiña lugar na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, a primeira representación en Galicia de “Os vellos non deben namorarse” de Castelao, vinte anos despois da súa primeira estrea en Buenos Aires. Tratouse dun acontecemento histórico, cultural e ata simbólico. A obra lograba burlar a censura tan só dous días antes da representación. Entre o público atopábanse as irmáns do autor rianxeiro e Ramón Otero Pedrayo, entre outros persoeiros.
O grupo teatral compostelán “Cantigas e Agarimos” foi o encargado de levar a obra á escea. Tiveron lugar algunhas representacións máis, e ata chegaron a actuar en Vilagarcía. Pero finalmente as autoridades impediron unha xira por toda Galicia.
O seu gran talento e creatividade fixeron que Castelao apuntara a diversas disciplinas ó longo da súa vida. Foi médico, político, escritor e debuxante, entre outras cousas. Entre toda a súa produción literaria destaca “Os vellos non deben namorarse”, por ser a única obra de teatro que escribiu. Comezou a facelo en Pontevedra, en 1931. Pero, segundo as súas propias palabras, a pesar da sinxeleza da obra tivo grandes dificultades para rematala, debido á epoca convulsa que se vivía marcada pola Guerra Civil.
“Os vellos non deben namorarse” amosa un retrato de tres Galicias moi diferentes a través dos seus protagonistas: o boticario don Saturio, o fidalgo don Ramón e o vinculeiro don Fuco, tres vellos que nada teñen que ver entre eles, agás a teima por namorar a rapazas novas.
E quem é que dirigiu essa primeira representação na Galiza? Penso que seria importante reconhecer a figura de Rodolfo López-Veiga, como diretor teatral, sem a sua iniciativa, risco e trabalho aquele ato de reivindicação galeguista não teria acontecido naqueles tempos e naquelas circunstâncias.
Pingback: "Os vellos non deben namorarse", 50 anos despois da súa primeira representación na Galiza