O “pub” da Illa de Arousa, “O Con do Moucho” é un auténtico experto en ofrecer noites máxicas e inesquecibles de actuacións musicais practicamente todos os fins de semana. A lista de grupos e solistas que pasaron por alí é enorme e sorprendente, e algún día faremos unha recopilación dela aquí, en Aguamorta.
Na fin de semana pasada, foi a quenda de todo un vello coñecido, o grupo pontevedrés “Sugar Mountain”. Fai anos, cando o Con do Moucho estaba aínda rexentado polos seus antigos donos, xa xurdira a posibilidade dunha actuación dos pontevedreses alí, pero o escaso espazo fixo que o concerto finalmente non tivera lugar. O sábado pasado, polo contrario, só actuaron tres dos seus seis membros, no que foi un concerto íntimo e relaxado, case unha reunión de amigos.
Nunha primeira parte, os “Sugar Mountain” interpretaron temas do seu repertorio, có seu son inconfundible e calidade marca da casa, para logo sumerxirse en distintas versións que espertaron o entusiasmo dos asistentes, que remataron totalmente entregados. E é que o público do “Con do Moucho” non adoita ser dos que observan tranquilamente a actuación dende o seu asento.
Dende que comezara a súa andaina no mundo da música, “Sugar Mountain” pasou por diferentes fases. Un dos momentos máis duros, viveunos coa marcha do anterior cantante. Nun mundo que esixe unha reinvención constante e ata comezar de novo cada día, incorporaron a un novo solista e a outra guitarrista, polo que pasaron de ser cinco a seis membros. Comeza así unha nova etapa para eles, na que proximamente lanzarán un novo disco.
unha mágoa non poder estar alí!!