Londres acolle ata o vindeiro 12 de agosto, no Barbican Centre, a maior exposición sobre a Bauhaus realizada en 40 anos, baixo o título de “Bauhaus: Art as Life” (“Bauhaus: A arte como vida”), xa que se centra na súa produción de obras de arte, máis que no movemento artístico en si.
A Bauhaus foi fundada polo arquitecto alemán Walter Gropius en 1919 na República de Weimar (réxime político baixo o que permaneceu Alemaña tra-la súa derrota na Primeira Guerra Mundial). Coa Bauhaus nacía unha nova e innovadora forma de concebir a vida cotiá. O deseño era compatible coa funcionalidade, para o cal inspirábanse en formas xeométricas e utilizaban liñas puras, algo que en moitos casos segue sendo unha tendencia no mundo do deseño.
Froito da Bauhaus son, dende elementos da vida diaria, como unha vangardista teteira de Marianne Brandt, como obras arquitectónicas como as Casas dos Mestres, obra do propio Gropius, e que foron construidas nun piñeiral próximo á escola, na que viviron, entre outros Klee ou Kandinsky, dous dos seus mestres máis coñecidos.
A escola fechou en 1933 coa chegada dos nazis ó poder. Durante a súa existencia, a Bauhaus atravesou diferentes fases e foi cuestionada en certas ocasións. Aínda así as súas creacións son consideradas modernidade hoxe en día, case un século despois.