O 1 de novembro de 1755 amencía en Lisboa un día tranquilo e normal. Era o día de Todos os Santos e, xa dende moi cedo, as igrexas estaban ateigadas de xente e os principais focos de actividade comezaran xa o seu funcionamento. Nada axudaba a presaxiar que pouco despois, ó redor das nove e media da mañá, tería lugar un dos maiores terremotos rexistrados da Historia, cunha magnitude de 8,6 na escala Richter.
As testemuñas da época relataron cómo o chan se abría ós seus pes. O tremor abrira grandes fendas nos edificios ata ter lugar o seu derrubamento, incluidas as igrexas, sendo a trampa mortal de milleiros de fieis que estaban alí por mor da festividade de Todos os Santos. Os derrubamentos provocaron, á súa vez, a propagación dun enorme incendio, causado por velas entre outras cousas, que devorou obras de arte e arquivos históricos.
Lisboa estaba sumida nunha incipiente fin do mundo. Foron moitos os que correron a refuxiarse á praia. Alí viron asombrados cómo a marea baixaba de súpeto, sorprendendo ós peixes e deixando varados os barcos na area. Entón, unha enorme e mortal onda de 20 metros de altura precipitouse sobre eles, chegando a penetrar no centro da cidade. Diversos tsunamis de diferente intensidade fóronse reproducindo ata ben entrada a tarde. Foron demasiadas e excepcionais feitos fatais. En cuestión de horas, Lisboa estaba completamente derruida.
Os feitos commocionaron ó resto de Europa. A cidade estaba totalmente devastada e perdera a unha terceira parte da súa poboación. Entrou entón en xogo a capacidade de reacción do primeiro ministro, o marqués de Pombal. Organizou á xente para enterrar ós mortos e, xa dende ese día, entrou en conversas con varios arquitectos para reconstruir a cidade, para o que utilizarían o investimento económico do ouro das colonias brasileiras. Só un ano despois, Lisboa alzábase de novo, e, aínda que non volveu a ser a mesma, a súa Historia comezou outra vez.
Pingback: O terremoto que devastou Lisboa en 1755
Unha historia impactante, máis cando estás no lugar dos feitos e imaxinas…
Cambiou a cidade, a peculiar cidade coa que hoxe podemos soñar.