Coa chegada da época estival e a chegada de visitantes ós nosos pobos e vilas, a oferta turística convértese en protagonista. Atrás quedan as simples visitas baseadas no sol e praia, do breve paseo polas rúas e as fotografías de rigor. Duns anos a esta parte é o propio visitante o que demanda algo máis, sobre todo se xulgamos o éxito en anos anteriores de iniciativas como as visitas guiadas.
No caso de Cambados, as visitas saen da oficina de turismo, situada preto do axuntamento, todos os xoves, venres e sábados ás 12:00 da mañá. No percorrido non faltará a visita á humilde casa natal de Ramón Cabanillas, pois a presenza do “poeta da raza” será fundamental durante as visitas. Asímesmo terá lugar tamén o relato de diversas anécdotas históricas, como a da antiga carballeira que había antes no barrio de San Francisco e sobre o qué aconteceu con estas árbores. E por suposto, non deixarán de achegarse ós lugares máis emblemáticos da vila monumental, como as ruínas de Santa Mariña e a Torre de San Sadurniño, entre moitos outros.
Na Illa de Arousa, pola súa parte, o concello ofrece tres propostas de visitas. A primeira consiste na visita ó centro de interpretación da conserva, que teñen lugar os martes e os xoves ás 12:00h. Nelas, o visitante poderá coñecer o pasado fabril da Arousa, sector no que a Illa foi toda unha pioneira. Outra opción é a visita ó porto e á lonxa, asistindo a unha subasta, todos os xoves ás 15:00 horas. E por último, proponse tamén un percorrido polos espazos naturais máis singulares, cada mércores ás 10:00 da mañá. As tres supoñen todo un paseo pola historia, economía e paisaxe da Arousa.
Coas visitas guiadas, a historia e natureza dos nosos lugares afloran á superficie, coma si permaneceran en hibernación durante todo o inverno. Pode semellar que están concebidas para turistas e visitantes, pero, acaso coñecemos nós todo o que nos gustaría sobre todo iso?