A desaparición do “Día dos Quintos” do coñecido como “Libro das Festas” da Illa de Arousa foi a principal fonte e inspiración do seguinte artigo. Semella que uns esforzos finais lograron que este día finalmente se celebre. Algo que en Aguamorta nos alegra, así pois, parabéns á quinta do 94!
A crise fai ferida en todo, e tamén na organización das Festas do Carme da Illa. Desta vez, os maiores afectados serán os rapaces da quinta do 94, que ficarán sen a súa noite, ó non contar cunha celebración oficial. Xa o ano pasado os problemas de finaciamento eran evidentes, pero ó final lograron conseguir unha parte dos cartos, sendo o resto aportado pola Comisión de Festas, có que organizaron un concerto no Campo no que actuaban grupos locais.
Esta alternativa, que tanto éxito tivo o ano pasado, xa non será posible. Este ano, o Día dos Quintos, simplemente desaparece da programación das Festas. Segundo nos contan, os rapaces quintos buscaron outras maneiras de levar a cabo a celebración, como poñer música con altavoces, tamén na zona do Campo, pero semella que non conseguiron o permiso do axuntamento.
O Día dos Quintos nace cando se instaura o servizo militar obrigatorio. Os rapaces que facían18 anos eran chamados a filas. Era un periodo longo e realizado moitas veces baixo durísimas condicións, polo que antes de marchar, tiñan o seu día, no que levarían á Virxe do Carme por toda a Arousa e na que tería lugar unha gran troula coma despedida daquel paso de “neno a home”.
Festa meramente masculina, pouco a pouco fóronse incorporando tamén as rapazas, reinvindicando o seu dereito á troula. Os rapaces que este ano fan 18 anos pouco saberán xa nada daquela nostálxica “mili”. E é que malia a súa desaparición en 2004, o Día dos Quintos seguiuse celebrando coma se nada cambiara. E seguro que axiña volverá a celebrarse, e que así continuará durante moitos anos. Porque os tempos difíciles, coma os que vivimos actualmente, poden facer que non poidamos pagar as tradicións, pero non poderán facer que as esquezamos.
Paréceme que a imaxe levávana os cumpridos da marina.
Semella unha festa tradicional e, como toda tradición, amola que desapareza… non conseguir o permiso do concello para por música por altavoces, soa bastante cercano: soa a macrobotellón. Pero inda así: a tempos difíciles, solucións difíciles.
Baile dos quintos… non grazas. Non se perde nada. É a miña opinión.