O “Con do Moucho”, a simple vista, semella un bar coma outro calquera. Acolledor e un gran lugar de encontro, pero un bar coma tantos, en definitiva. É ó estar alí cando un se da conta de que ademáis de todo iso, o “Con do Moucho” é un lugar no que pode suceder de todo. Pero toda esa expectación do inesperado intensifícase en días, mellor dito noites, de verán.
No “Con do Moucho” é posible que, nun día deses de “pola semana”, a tranquilidade dunha conversa sexa interrompida polo estoupido duns instrumentos musicais e que unha voz, de súpeto, se poña a cantar. E pode que esa voz sexa a de Uxía Senlle, a recoñecida cantante galega. Os temas pendentes da conversa teñen que ficar entón aparcados para outro momento, porque un concerto improvisado, ó que ninguén esperaba ir, acaba de comezar.
E é que a música é o peso forte do “Con do Moucho”. Os seus micrófonos acollen coa mesma hospitalidade a un grupo local que está comezando, como ó mellor harmonicista do mundo chegado do outro lado do Atlántico. Este último, por certo, protagonizou o concero da fin de semana pasada, noutra gran noite inesquecible.
Trátase de Marcos Coll, integrante de Los Reyes del KO e considerado, como dicimos, o mellor harmonicista do mundo, ata o punto de ser imaxe das harmónicas Hohner, unha das marcas máis importantes deste pequeno instrumento musical.
Nesta ocasión , Marcos Coll chegaba cunha nova formación, Los Mighty Calacas. Os músicos de orixe mexicana mesturan ritmos latinos como a cumbia, con outros como o funk ou o groove, que xunto coa base de blues da harmónica de Marcos Coll dá como resultado uns temas sen fisuras que fixeron que todo o público do “Con do Moucho” se arrincara a bailar.
Pero aínda queda moito vran no antigo bar de Juanito Viñas. Entre os vindeiros concertos prometen chegar moitas sorpresas. E esperamos contárllelas todas dende aquí.