No trafego da súa viaxe, a nosa Aguamorta chega hoxe a unha das súas paradas favoritas. Trátase da historia de Suso Gómez, ou a demostración de cómo a arte e o talento poden xurdir espontáneamente na vida cotiá.
Suso Gómez (Cambados, 1977) ten formación en cantaría e a súa vida sempre estivo unida, dunha maneira ou outra, ó mundo da pedra. As súas inquedanzas e curiosidade fixo que axiña se atrevera a ir máis aló, até o punto de traballar a pedra dunha maneira creativa. O resultado é unha colección de obras escultóricas que agora están á vista de todo o mundo, grazas ó seu recentemente creado blog, www.atdp.es/susogomez/.
Na súa obra, Suso Gómez mestura gran cantidade de materiais diferentes, aínda que sempre predominan a pedra e o ferro. As esculturas son un compendio de imaxinación, movemento e, porqué non dicilo, de sentido do humor. Son obras que fuxen do aburrimento e da rutina, aínda que ó mesmo tempo conseguen ser un favorecedor elemento estético dentro de calquera fogar.
Unhas arañas que semellan camiñar cara nós, unha apisoadora e incluso un feto, son so exemplos do que podemos atopar nesta colección, aínda que avisamos que non son nin os máis sorprendentes nin os máis suxerentes. Pasen e vexan. Coñezan vostedes mesmos o mundo de Suso Gómez.