É un dos últimos domingos do verán. No porto do Xufre resoan a música, os marmurios das xentes, as risas… que proveñen da festa gastronómica que corresponde. É a hora do solpor e, paseniño, a noite vai caendo. Pero a Arousa non descansa. A carón de alí, en escuridade e silencio, está a nova ampliación do porto.
Apareceu fai dous anos, case da nada, cando todas as miradas estaban postas no novo vial que enlaza o Xufre có Bao. Era unha infraestructura necesaria, pois o Xufre íase quedando pequeno para os traballadores do mar. Pero o certo é que permaneceu inoperativo durante dous anos.
Trátase de 20 mil metros cadrados de superficie que permiten a observación dunhas privilexiadas paisaxes. Alí é posible dar un paseo no cal un semella estar entrando no mar, ó tempo que a Arousa aparece como nunca antes se vira, agás dende algunha embarcación. Pero cae a noite e entón, o peirao sen dono comeza a ser tomado polas gaivotas, raíñas absolutas do lugar.
Fai uns meses Portos de Galicia sacou a concurso a explotación do peirao, que finalmente foi concedida á empresa de Vilagarcía Outros Adaxes. Responsabilidade da mesma empresa é tamén a instalación dun travelift, é dicir, unha especie de guindastre que permite sacar da auga e varar aqueles barcos que precisen ser reparados. Está previsto que comence o seu funcionamento a mediados do mes de outubro. Namentres, novos proxectos semellan estar concebíndose para o peirao.
pois que sexa para maior progreso da Illa!
(a foto ten unha perspectiva ben curiosa!)