A TVG prepara un novo programa no que afondará na cultura de alcumes que existe por todo o país. Un dos seus capítulos estará dedicado á Illa de Arousa. Fai xa anos, a xornalista Helena Domínguez realizou unha brillante recopilación dos alcumes da Arousa no seu blog “Na Illa”, que actualmente retomaron os Pandulleiros nas súas “Historia e historias da Arousa”, para ampliala e completala o máximo que sexa posible.
Os responsables do programa, que levará o título de “ E ti de quen ves sendo?”, repararon na listaxe de alcumes de Na Illa, polo que pediron a colaboración de Helena Domínguez. O programa foi xa gravado fai algunhas semanas pero a data do seu estreo aínda está pendente.
Moitos dos alcumes son debidos a herdanzas ou a lugares de procedencia do suxeito en cuestión, pero curiosamente a gran maioría débense a simples e puntuais anécdotas que o mesmo alcume fai que se lembren toda a vida, coma testemuñas da vida cotiá de hoxe e de sempre. No caso dos condutores do novo programa da TVG, interesáronse, entre outras cuestións, por unha persoa que deba o seu alcume á súa profesión e que siga exercendo esa profesión. Ocórreselles alguén?
É unha iniciativa interesante e divertida a un tempo!