O pasado sábado a Arousa celebraba a segunda edición do Carnavran, organizado polos bares dos arredores do Regueiro. Se ben a primeira edición estivo marcada por certa improvisación, con disfraces máis caseiros e apañados, na segunda puidemos apreciar a madurez desta cita, desmarcada xa e totalmente independente do seu irmá maior de inverno.
Nesta ocasión, os disfraces estaban máis acorde coas altas temperaturas. Os bazares asiáticos baleiraron os seus almacéns, pois ó contrario do que ocorre no inverno, a xente optou por apartar a agulla e o fío para decantarse pola opción rápida de mercar un disfraz a prezo módico. As propostas eran todas moi variadas e fresquiñas, pero de haber un gañador, este sería sen dúbida o disfraz de “hawaiano”.
Pero o grande éxito da noite veu da man da discoteca móvil Ebabilon, que cos seus DJs e bailaríns, con concursos de bicos e disfraces incluido, mantivo en pe e bailando toda a noite a todos os novos da Arousa, é tamén ós non tan novos.
E é que o Carnavran podería semellar estar enfocado á xuventude, a eses rapaces que á mínima festa que hai na Arousa, prefiren ficar e non marchar fóra. Ese enfoque, cómo diciamos, é todo un erro, pois non foi pouca a madurez que se enfundou o seu disfraz (e tamén sen el, todo hai que dicilo), para bailar sen parar ata altas horas da madrugada.
Con isto, podemos estar seguros que o primeiro obxectivo do Carnavran está máis que conseguido. Agora agardamos que o resto dos obxectivos se cumpriran tamén, como revitalizar a zona do Regueiro en favor da hostelería, algo fundamental para a celebración de vindeiros Carnavrans. Namentres, agardamos xa o próximo ano no que esperamos ver xa un Carnavran consagrado como unha data habitual e imprescindible todos os veráns.