Porque unha imaxe vale máis ca mil palabras, e porque destas imaxes non se pode dicir que son simples fotografías. Da que falamos hoxe é un bo exemplo de todo iso. Trátase dunha imaxe, das moitas que hai, da antiga praia do Regueiro, concretamente a finais dos anos 50. Si, xuventude, antes no Regueiro había mar.
A vida cotiá da Arousa está ateigada do pulso que a terra sempre mantivo có mar, na loita incansable dunha pequena Illa por reafirmarse e afianzarse diante do todopoderoso mar. Recheos similares ós do Regueiro, que hoxe en día fanse cunha infinidade de estudios técnicos previos e que son realizados por multitude de enxeñeiros, na Arousa fíxose de maneira espontánea. Por suposto o resultado non foi bo, sendo un terreo moi inestable e as consecuencias aínda as estamos pagando hoxe en día coa constante degradación da zona.
Simplemente, os veciños comezaron a tirar alí o lixo das casas e as fábricas facían o propio coas cunchas de mexilón. Pouco a pouco, os desperdicios que se foron depositanto alí foron cada vez máis grandes, dende colchóns ou calquera cousa que sobrara na casa ata incluso piornos. E non un ou dous. Semella que ata uns dez piornos.
Posteriormente, e antes de ser asfaltado, o Regueiro convertiuse nun prado no que pastaban as vacas. Si, xuventude, antes na Arousa había vacas.
Seguro que moitos de vostedes, observando a imaxe, saben que lles resulta familiar, pero igual non son capaces de situala concretamente. Para iso contamos coa inestimable axuda dos amigos de A Illa dos Carcamáns, que mediante o seu facebook nos agasallan esta comparativa, coa que non cabe dúbida algunha da ubicación.
Comparen, por exemplo, as casas frontais. As dúas botaron un piso máis para arriba, pero os seus tellados conservan a mesma forma.
Quén lle ía dicir ó rapaz que estaba sentado ó sol naquel momento na praia, que a súa presencia ía axudarnos, máis de 60 anos despois, a recuperar por un intre aquela Arousa que tanto facemos a menos. Seguramente era un día de primavera ou de verán. Un día deses nos que sae o sol logo de moito tempo. Iso é o que podemos supor ó ver unha alfombra colgando nunha casa e as ventás abertas de par en par noutra. Unh día pola mañá, e xulgando as sombras nas casas, ata nos poderíamos aventurar a dicir de cara o mediodía. Unha mañá cálida e fermosa, pero cotiá. Un pequeno intre que, pola maxia dunha imaxe, chegou no día de hoxe ata nós.