O pasado sábado no Chufre viveuse un acontecemento que ben podería chamarse histórico. Dous galeóns, o Adelino e Manuel, ben apodado “Presioso” e o Komaira, que nada desmerece en beleza, desfilaron xuntos por primeira vez para dar a saída e acompañar ás dornas participantes na regata Calmoseira.
Tan só o ano pasado, con motivo da saída da Volta ciclista a España en Vilanova, dunha concentración semellante de embarcacións antigas.
Como adoita suceder coa meirande parte dos grandes acontecementos do verán da Arousa, a regata tamén estivo ameazada pola choiva. Aferrándose ás predicións meteorolóxicas, que aseguraban unha mellora do tempo de cara o mediodía, as asociacións organizadoras nunca pensaron nun aprazamento da regata. En todo caso, tan so se retrasaría un pouco a saída, como finalmente sucedeu.
Esta regata víñase realizando nos últimos anos en Cambados e era organizada pola Asociación Calmoseira, nacida para recuperar o galeón “Presioso”. Pero desta vez celebrouse na Arousa e contou coa colaboración da Asociación Komaira. Curiosamente, os dous galeóns son case da mesma “quinta” (de 1943 o Komaira e de 1944 o Presioso). Polo tanto son xa máis de 70 anos de historia os que sucaron o mar de arousa e unha chea de vidas, anécdotas, reciclaxes e historias mariñas as que suman entre os dous.
Na regata participaron 23 dornas, que fixeron un percorrido que sorteaba bateas ata chegar ó Faro do Seixo. No que se refire á competición, a dorna Jhalerna, da Illa de Arousa, sitouse nun lugar destacado dende os primeiros compases da regata, lugar que non ían xa a abandoar, polo que se fixeron coa victoria. En segundo lugar, chegou a tamén arousana Xarandeira, tamén con gran vantaxe sobre o resto dende o principio. A terceira en chegar foi a Mimela, tamén da Illa, que protagonizou unha gran remontada para acadar esa posición. A posterior celebración e entrega de premios celebrouse, como non podía se doutro xeito, no pub Con do Moucho.