Pouco faltou para que, neste ano, no Antroido de inverno houbese mellor tempo que no de verán. Pero finalmente, a choiva foi compasiva nesta ocasión e dou unha pequena tregua durante a noite, que non na madrugada, do sábado. Con todo, o Carnavrán consolídase, nesta súa terceira edición, como unha das datas imprescindibles do verán.
Non podemos deixar de agradecer ós nosos queridos MDA, os mosos da Arousa, que doaron a súa recadación do Antroido para a celebración do Carnavran, así como a colaboración do Concello e, sobre todo, os esforzos dos bares organizadores.
Pasaban xa das 11 da noite cando os dj de Kioto FM, comezaban a súa actuación e xa sobre a media noite a praza do Regueiro aparecía xa invadida por unha enorme masa de xente.
Como non podía ser doutro xeito, os disfraces máis populares nesta ocasión volveron a ser de temática do verán. Hawaianos, trogloditas, rapazas dos anos 50, deportistas,… e ata unha especie de bonecos similares ós que nos ensinaban na escola para aprender os músculos do corpo. E é que a imaxinación non tivo límites, pois non foron tamén poucos os disfraces improvisados, que finalmente acaban sendo tamén os que mellor resultado dan.
Agora, unha vez rematada xa a festa, só nos queda agardar a que este ano, ó contrario do ano pasado, tivera beneficios, pois non debemos esquecer a importancia dos números. Longa vida ó Carnavran!