Oficialmente, un dos grandes acontecementos musicais do verán, o Festival Do Norte, dará comezo o venres a partir das 18:00 horas coa banda White Bats. Pero nas rúas da Arousa, o Festival comeza moitas horas antes. Durante toda a semana fíxose moi evidente o movemento dos operarios do concello apurándose para acondicionar os diferentes espazos ás necesidades do Festival. Na Area da Secada, no coñecido piñeiral da Bouza, limpouse o solo para que os asistenses monten as súas tendas e instaláronse mesas con bancos. Pero a maior transformación sufriuna o aparcadoiro do Bao, no que terán lugar os concertos. Neste mesmo recinto haberá tamén outras actividades, como por exemplo a iniciativa “Ultramarinos”, onde moitos rapaces con inquedanzas artísticas terán a oportunidade de mostrar as súas obras. E é que o Festival é moito máis que concertos de música “indi”, pois máis aló de todo iso, espállase polas rúas da Arousa, cós asistentes ateigando as rúas, supermercados,… como polos concertos gratuitos que terán lugar durante toda a fin de semana. O xoves á noite está previsto un concerto con dj’s e bandas de música a bordo dos galeóns Komaira, Rei do Mar e Presioso (si que vai ser “presiosa” a estampa, non cren?) E durante a fin de semana, terán lugar concertos pola tarde no Auditorio Municipal e ó mediodía estes celebraranse en diversos bares da Arousa. Comenzarán a partir das 12:00 e rematarán ás 15:00 horas, é dicir, cada hora un concerto nun bar. Así pois, vaian preparando o roteiro: o sábado Bar Clube, Campiño e Con do Moucho. E o domingo será a quenda de Fina Viñas, A Kultural e Benalúa. A fin de semana máis musical da Arousa acaba de comezar.