Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.
Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.
A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.
De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.
E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.
A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.