A LEI DE ACUICULTURA ARDE NO ENTERRO DO LIBORIO

O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.

liborio1

Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.

As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.

liborio2

Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.

E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.

E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.

VIMOS DE TER UN IRMÁN: NACE O BLOG DE MÚSICA “O DIARIO DE BAPHOMET”

odiariodebaphomet.wordpress.com

odiariodebaphomet.wordpress.com

Efectivamente, a familia medra. A persoa que forma o 50% desde espazo, Marcos Cancelas, ven de debutar cun blog en solitario sobre música, “O diario de Baphomet”. A Marcos debémoslle dende aquí a nosa imaxe, ademáis de ser o autor das fotografías máis fermosas que aquí exhibimos, e ata de arrincarse a escribir algún que outro artigo algunha vez.

Gran afecioado á música, xa facía tempo que Marcos quería contar as súas experiencias, labradas a raíz do paso dos anos. Así coñeceremos as sensacións e sorpresas que lle proporcionou a música e o impacto que tiveron no seu día no neno, no adolescente, e aínda hoxe no adulto.

Promete contarnos e falarnos sobre os discos máis excepcionais que ten, incluidos vinilos e edicións especiais, da época na que rebobinábamos as cintas cun bolígrafo e dos accidentados envíos da Discoplay. Así como de persoas, películas e a pura casualidade, que o introduciron a grupos e temas que marcaron a súa vida. Sabemos que non somos moi obxectivos, pero non podemos deixar de recomendalo. Lembren o seu nome: “O diario de Baphomet”.

ASÍ FOI A NOSA VISITA Á ESCOLA “MAREXADA”

Un momento do noso relato.

Un momento do noso relato.

O venres pasado fomos invitados á escola de verán Marexada para falar cós nenos sobre un episodio da Historia da Arousa: a orixe do Carcamáns. E, por suposto, aceptamos encantados, claro que temos que recoñecer que nun primeiro momento non fomos conscientes do reto que supuña tal cousa. Cómo explicar a nenos nas máis enérxicas idades un relato sobre Historia, ateigado de nomes, datas e fotografías en branco e negro? Pois non sabemos moi ben cómo, pero debemos enorgullecernos de que foron varios os momentos do noso relato no que logramos atraer a atención dos nenos. E non so iso, senón que tamén logramos espertar a curiosidade de moitos nenos que nos preguntaron sobre ese anaco da nosa Historia. Un neno incluso me preguntou se eu mesma estivera na Guerra (da Independencia). Pois si que me fago maior…! En definitiva, foi unha experiencia moi especial e moi recomendable para eses días nos que os niveis de enerxía son baixos, porque os nenos de Marexada son capaces de espertar toda canta adrenalina permanece durmida! Como non podía ser doutro xeito, quixera aproveitar para felicitar ós mestres de Marexada, Thais, Espe, Miguel e Laura, por este verán no que ensinan cousas que nunca se aprenderán nos colexios convencionais. E pola miña parte, un enorme agradecemento por facerme sentir coma na casa.

ESTE VENRES, CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O AREOSO NO CONCELLO.

Cartel anunciador.

Cartel anunciador.

Porque coñecer é a única maneira para opinar, este vindeiro venres estamos todos convidados a unhas charlas informativas sobre a situación do illote Areoso. Darán comenzo ás sete da tarde e terán lugar no salón de plenos do Concello. A celebración destas charlas nestas datas estivais non responde á casualidade, posto que se escolleu así, en pleno mes de agosto, debido á presenza de visitantes e de moita xente da Arousa que normalmente reside fora.

O obxectivo fundamental da xornada é a de dar toda a información posible sobre a situación do Areoso, unha das nosas xoias máis preciadas, que a cotío sofre de abandono e desamparo. O illote, quizáis polo seu pequeno tamaño ou pola súa condición de insularidade, estivo durante case toda a súa historia baixo un valeiro legal que acentuou a súa fraxilidade e propiciou a falta de normativa, malia súa enorma riqueza histórica, cultural, natural e económica.

No seu incansable camiño para revalorizar este fráxil territorio, a Asociación Pandulleiros e o Concello da Illa de Arousa poñen en marcha estas charlas có fin de divulgar e achegar a todo o mundo a realidade que sofre ese anaco de terreo que un día formou parte da Arousa. E para iso, farase dende dous importantes puntos de vista.

O primeiro deles é dende o punto de vista arqueolóxico, que contará coa intervención de Manolo Rey, arqueólogo director da excavación do Areoso dos anos 80. Naquela ocasión descobríronse tres estructuras funerarias, das que se excavaron dúas. Hoxe coñécese a existencia de seis, aínda que se cree moi probable que existan moitas máis.

Tamén intervirá Ignacio Vilaseco, arqueólogo da Xunta de Galicia e investigador especializado nos rituais funerarios do noroeste peninsular dende o Neolítico ata a Idade de Bronce.

O Areoso será tamén obxecto de análise dende o punto de vista da súa riqueza natural, e diso nos falarán o bioólogo e investigador Fernando Brea e o arousán Juan Poza, catedrático de bioloxía e xeoloxía, e mestre no Instituto de Vilanova.

“MEXILLÓN DE GALICIA” ALERTA DA FRAUDE NA ETIQUETAXE DAS CONSERVAS CUN NOVO SPOT

A presenda do selo da Denominación de Orixe  Protexida garante a procedencia, especie e calidade do produto.

A presenda do selo da Denominación de Orixe Protexida garante a procedencia, especie e calidade do produto.

Esta mesma mañá de hoxe mércores ven de asinarse un importante acordo entre o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Unión de Consumidores de Galicia. Un acordo consistente na procura de accións conxuntas no que será primordial a información ó consumidor sobre o produto que está mercando. E é que a normativa europea de non esixir a debida información sobre o produto na etiqueta das conservas está favorecendo a aparición a moitas malas prácticas que perxudican notablemente tanto ós produtores de mexillón como ó consumidor final.

Unha destas prácticas fraudulentas ten que ver con frases alusivas ás rías galegas, tales como “marisco de las Rías Gallegas” ou “alta cocina gallega”, que dan lugar a unha publicidade enganosa, sen a garantía de procedencia e calidade dos nosos moluscos. Un caso grave de irregularidade que atinxe ó 75% das conservas dos nosos mercados, segundo unha prospección de mercado realizada polo Consello Regulador en 2014.

A non obriga de dar a información sobre os produtos na etiquetaxe proporciona ademáis novas formas de engano e fraude ó consumidos, como é a substitución de especies da familia do mexillón en conservas que se comercializan como tal. Así o demostra un estudo realizado pola Axencia Española de Consumo e Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), que ademais revela que un tercio das conservas non ofrecen a información axeitada sobre as especies envasadas.

O acordo que se ven de firmar hoxe compromete a realización de accións conxuntas e a primeira e máis inmediata é a saída á luz deste spot que alerta de todas estas fraudes. Titulado “Mexillón de Galicia; marisco de etiqueta”, o vídeo aconsella a busca do xa característico selo turquesa do Mexillón de Galicia, Denominación de Orixe Protexida, o único que garante a procedencia, a especie e a calidade que se merece o consumidor e polo que tanto pelexan os produtores.

TROFEO KOMAIRA 2015: OS DA AROUSA VOLVEN A PERDER.

unnamed

A pasada fin de semana tivo lugar unha nova edición do Campionato Komaira, que este ano chegaba á súa quinta edición. Atrás queda xa aquela competición onde se improvisaban equipos para participar de maneira informal. Có paso do tempo van sendo cada vez máis os equipos dos arredores que se apuntan a participar e a competitividade aumenta notablemente. No caso da final das mulleres un equipo participante foi o de Pontearnelas, con gran participación arousana, xa que no equipo xoga Noelia Pérez, da Illa, que marcou un gol na semifinal. Desafortunadamente para estas rapazas, pouco foi o tempo que puideron aguantar ás súas rivais, que acabaron gañando o partido contundentemente.

No caso da final masculina repiteuse o que xa é todo un clásico do Campionato do Komaira. O equipo da Arousa, este ano patrocinado polo Bar Barley, enfrontábanse “ós de fóra”, na súa maioría procedentes de Pontevedra. Cunha eterna camiseta laranxa, este equipo todos os anos esnaquiza todas as esperanzas arousanas. Os da Arousa gañan en xuventude e seareiros, pero o equipo laranxa sempre acaba por gañar de forma clara, e este ano tamén. E iso que aínda houbo tempo para a esperanza, xa que o equipo local chegou a ir por diante no marcador durante bastante tempo. Pouco importa dende a organización que os fermosos trofeos confecioados pola xoiería David se vaia máis aló da ponte, xa que, como eles mesmos confesaban “son boa xente”. Por outra parte, na xornada de onte os verdadeiros gañadores foron o deporte, a festa, e o fermoso galeón Komaira.

TRAVESÍA POLO AREOSO.

Foi unha xornada única, imposible de esquecer. Claro que, se nada o impide, o acontecemento que tivo lugar o pasado domingo terá a súa edición anual en vindeiras ocasións. Sobre as dez e media da mañá embarcábamos no “Rei do Mar” en calidade de representación do colectivo “Pandulleiros” (toda unha honra). Iniciábamos a travesía en compañía do “Adelino Manuel” e da xeiteira, que debido á súa dependencia do vento, fixo o camiño un pouco por libre. Durante o traxecto non faltaron os golfiños, que moi preto de nos, se puxeron a facer as súas acrobacias. E nos, aínda que moi contentos de que se uniran á causa, non podemos perdoarlles que este ano nos deixaran sen xoubas. Chegados ás inmediacións da Praia de Espiñeiro, vimos ó lonxe a espectacular saída.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

O Areoso observaba nun discreto segundo plano ós participantes, que nin media hora lles fixo falta para chegar onda nos, que xa nos trasladáramos preto do Areoso. Non faltaron as confusións e houbo que sinalarlles ós nadadores por onde tiñan que subir ó barco. Algún estando na auga incluso levantaba a cabeza e nos preguntaba, “… por favor, para o Areoso?”. Por fin chegaron todos e subiron ó “Rei do Mar” e outros ó “Adelino Manuel”. Alí recibiron froita, zumes, barriñas,… para repoñer forzas. E alí foi onde vimos ben ós integrantes do Club de Natación e Salvamento de Vilagarcía: dende nenos e nenas, ata outros máis entrados en anos, pero igualmente cheos de xuventude. Algo que, no noso entender, aínda lle deu máis valor ó acto. Foi entón cando despregamos unha pancarta que dicía: “Salvemos o Areoso”. A continuación a concelleira Lola Folgar lía un manifesto no que se pedía o cumprimento da normativa e a elaboración de medidas de protección, entre outras cousas.

Nadadores subindo a bordo do "Adelino Manuel".

Nadadores subindo a bordo do “Adelino Manuel”.

Así culminaba unha xornada, ante todo festiva e reivindicativa para por en valor unha das maiores riquezas da nosa Arousa. Poucas veces atoparemos nun territorio tan pequeno tal concentración de valor natural, económico e histórico. E nada nos asegura que iso sempre vaia a ser así, de aí a importancia de preservar e protexer un Areoso para todos.

Pancarta e lectura do manifesto.

Pancarta e lectura do manifesto.