O BARRIO MARIÑEIRO DE PEDRASERRADA

pedra7

lanchas (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Non hai vila ou cidade que non teña o seu propio barrio mariñeiro, coma no caso do Berbés en Vigo ou Santo Tomé en Cambados. Este último, incluso, era unha poboación propia que acabou uníndose á vila natal de Ramón Cabanillas.

pedra6

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Claro que, falar dun barrio mariñeiro na Illa de Arousa pode resultar un tanto raro, pois toda ela é mariñeira. Pero hai algo diferenciador na zona de Pedraserrada, algo que pode entroncar con outros clásicos barrios mariñeiros. Pedraserrada foi uns dos primeiros barrios da Arousa, algo que ven demostrado pola presenza de casiñas de pedra antigas, nunha concentración máis alta que no resto da Arousa. Moitas destas casas foron restauradas, pero tamén é certo que é unha zona que vive unha gran degradación, sobre todo na súa parte costeira.

pedra5

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Pedraserrada constrúese a base dun enmarañado de rúas estreitas e pedregosas, con laxes asomándose no chan e nos camiños. Fai non moitos anos eran habituais alí as tabernas, como “a de Monchita”, moi recordada entre os veciños. Unha circunstancia que reforza, e moito, a súa condición mariñeira.

pedra4

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Outro dos seus elementos diferenciadores é a presenza de piornos. Estas construcións tipicamente galegas eran, e seguen sendo, moi habituais en toda a Arousa. A principios de século dicíase que había un en cada casa. A particularidade dos de Pedraserrada é que moitos deles se atopan á beira do mar, unha circunstancia esta pola que é coñecido e admirado o fermoso pobo de Combarro, no que si se levou a cabo unha remodelación e restauración dos seus elementos arquitectónicos. Non é doado en xeral pescudar a data de construción dun piorno, pero segundo nos conta un veciño, e poñendo como referencia ó pai e ó avó, podemos dicir que no último cuarto do século XIX o piorno da súa casa xa estaba en pé.

pedra3

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

E xa achegándonos á costa, vemos unha paisaxe en Pedraserrada onde os piornos se asoman ó mar e conviven con embarcacións amarradas a uns ganchos que ateigan os cons. Ó ser zona de traballo, vemos tamén unha gran acumulación de lixo derivado dos traballos do mar. Algo que agocha en moitos aspectos a gran xoia patrimonial que existe en Pedraserrada, unha das zonas máis emblemáticas da Arousa.

pedra2

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

pedra1

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

O ESTRAÑO CONXUNTO DE CARREIRÓN

 

unnamed (5)

Carreirón nunca deixa de ser un lugar ateigado de sorpresas, coma un espazo inacabable onde o visitante sempre descubre algo novo. Normalmente debido a aves, que tanto fuxen  e non se deixan ver, como que se dedican a revoar sobre un. Ou polas intensas cores da vexetación, tan diferentes segundo a época do ano, ou ese mencer, ou ese solpor, que nunca antes se nos dera por observar.

Pero nesta ocasión non é un froito da natureza a que fai que desviemos a nosa atención, senón un conxunto, que poderíamos dicir “escultórico”, aínda que resulta ben difiícil de definir. Trátase duns troncos encravados na area da praia, e moi ben plantados, diríamos, pois alí se erguían axenos ós fortes ventos destes días.

Unha figura destaca de entre o resto, un tronco delgado e o máis alto de todos. Semella querer ser un cruceiro, quizais nunha versión marítima, cunha nasa colgando no alto. As outras figuras tampouco desmerecen e a ningunha lle falta detalle de adornos de cunchas, piñas e demais.

Descoñecemos a qué se deben. Serán os xogos infantíns duns nenos, ou pode que a obra dalgún artista experimental. En todo caso, o conxunto, lonxe de pasar desapercibido, xoga ó despiste nunha das praias de Carreirón. Pode resultar unha imaxe inquedante, polo que é mellor non velo a certas horas…

unnamed (1)

unnamed (2)

unnamed (3)

unnamed (4)

unnamed

 

MIL E UNHA VIDAS DO KOMAIRA

Había unha vez un vello mariñeiro, que hoxe coñecemos como Komaira, que comezou unha particular e prodixiosa singradura dende os asteleiros de O Freixo no ano 1943, cando aínda se chamaba “Marcelino”. Dende aquela, o antigo “Marcelino” había de pasar por infinidade de peripecias e actividades.

komaira1

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

O Komaira foi nos seus inicios un barco de carga que transportaba materiais, como por exemplo area, e tamén marisco. Pero, sobre todo, o actual Komaira é o exemplo vivo do clásico barco bateeiro “de toda a vida”, actividade que había de realizar durante moitos en anos en diversos pobos da Ría e, por suposto, tamén da Arousa.

Posteriormente, o barco foi adquirido pola conserveira Komaria, de quen había de herdar o seu nome. Nesa etapa dedicábase ó transporte de mercancía, aínda que tempo máis tarde volvería á actividade bateeira. Logo, cando semellaba que chegaba o fin dos días do galeón, varios rapaces da Arousa, coñecendo a súa historia, rescataron do desguace ó Komaira.

komaira2

O seu propósito foi recuperar esta xoia do noso mar. Pero non era unha tarefa doada. Era necesario invertir moito tempo e unha gran cantidade de cartos. O tempo, simplemente puxeron o deles e, para os cartos, non dubidaron en iniciar unha unha incansable actividade. Crearon a “Asociación Cultural Komaira”, mediante a cal organizaron concertos, rastros, así como a venta de lotería e camisetas.

komaira4

Entre as restauración que se realizaron destaca o do mítico motor Barreiros, que inicialmente pertencía a un camión e que foi adapatado para o mar en 1950. Ese motor é o mesmo có que hoxe navega o Komaira.

komaira5

O galeón máis antigo de cantos se teñen restaurados vive hoxe unha xubilación dourada. A iniciativa e inquetude destes rapaces arousáns lograron que a Arousa aumentara o seu patrimonio histórico e que todos o poidamos observar. Na actualidade, o Komaira é reclamado para grandes eventos, como os Encontros de Embarcacións tradicionais ou a saída da Volta Ciclista a España no pasado verán. E tamén, como non, gosta de sair a navegar en tardes apacibles, sen poder evitar deixar coa boca aberta a todos cantos pasan ó seu carón.

 

Dedicado a Maite. D.E.P.

 

HISTORIA DUNHA IMAXE: A ANTIGA PRAZA DO REGUEIRO

Porque unha imaxe vale máis ca mil palabras, e porque destas imaxes non se pode dicir que son simples fotografías. Da que falamos hoxe é un bo exemplo de todo iso. Trátase dunha imaxe, das moitas que hai, da antiga praia do Regueiro, concretamente a finais dos anos 50. Si, xuventude, antes no Regueiro había mar.

recheo2

A vida cotiá da Arousa está ateigada do pulso que a terra sempre mantivo có mar, na loita incansable dunha pequena Illa por reafirmarse e afianzarse diante do todopoderoso mar. Recheos similares ós do Regueiro, que hoxe en día fanse cunha infinidade de estudios técnicos previos e que son realizados por multitude de enxeñeiros, na Arousa fíxose de maneira espontánea. Por suposto o resultado non foi bo, sendo un terreo moi inestable e as consecuencias aínda as estamos pagando hoxe en día coa constante degradación da zona.

Simplemente, os veciños comezaron a tirar alí o lixo das casas e as fábricas facían o propio coas cunchas de mexilón. Pouco a pouco, os desperdicios que se foron depositanto alí foron cada vez máis grandes, dende colchóns ou calquera cousa que sobrara na casa ata incluso piornos. E non un ou dous. Semella que ata uns dez piornos.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Posteriormente, e antes de ser asfaltado, o Regueiro convertiuse nun prado no que pastaban as vacas. Si, xuventude, antes na Arousa había vacas.

Seguro que moitos de vostedes, observando a imaxe, saben que lles resulta familiar, pero igual non son capaces de situala concretamente. Para iso contamos coa inestimable axuda dos amigos de A Illa dos Carcamáns, que mediante o seu facebook nos agasallan esta comparativa, coa que non cabe dúbida algunha da ubicación.

Comparen, por exemplo, as casas frontais. As dúas botaron un piso máis para arriba, pero os seus tellados conservan a mesma forma.

Quén lle ía dicir ó rapaz que estaba sentado ó sol naquel momento na praia, que a súa presencia ía axudarnos, máis de 60 anos despois, a recuperar por un intre aquela Arousa que tanto facemos a menos. Seguramente era un día de primavera ou de verán. Un día deses nos que sae o sol logo de moito tempo. Iso é o que podemos supor ó ver unha alfombra colgando nunha casa e as ventás abertas de par en par noutra. Unh día pola mañá, e xulgando as sombras nas casas, ata nos poderíamos aventurar a dicir de cara o mediodía. Unha mañá cálida e fermosa, pero cotiá. Un pequeno intre que, pola maxia dunha imaxe, chegou no día de hoxe ata nós.

 

 

 

O QUE QUEDA DA “CONSULTA”

cosme-damián

Os santos Cosme e Damián.

O que hoxe na Arousa coñecemos como “A Consulta” é un bar de onde saen os bocadillos e tapas que son dos máis célebres da nosa pequena Illa. Pero, como todos sabemos, fai moitos anos alí estaba a consulta do médico Don Luís Mochales. Alí exerceu a súa profesión durante décadas, e si algo desto é coñecido hoxe en día polos máis novos, é gracias á memoria colectiva da Arousa. Nada máis abrir as súas portas o bar, que orixinariamente os seus donos querían chamar “O Cortixo”, comezou a ser coñecido por todos os veciños como “A Consulta”. Daquela poderíase pensar que aquilo ía ser cousa de un día, pero o certo é que hoxe, xa moitos anos despois, o nome de “A Consulta” quedou totalmente expandido e consolidado, polos que ós donos non lles quedou outra que aceptar moi pronto esta vontade popular.

Exterior da "Consulta" Imaxe: Na Illa.

Exterior da “Consulta” Imaxe: Na Illa.

Semella que hoxe, aquel lugar de viño, pulpo e churrasco en nada pode lembrar á consulta dun médico, agás pola existencia dun pequeno detalle que adorna un dos seus muros. Trátase dun pequeno cadro formado por azulexos, nos que saen representados dous santos. Son os santos Cosme e Damián, patróns de mediciña, que eran dous irmáns médicos orixinarios da Arabia que curaban á xente sen cobrar nada a cambio. Foron arrestados baixo o consentimento do emperador Dioceclano, no 300 d.c. Martirizados e sometidos a interminables torturas, a intervención diviña fixo que sobreviviran a pesar de todo, polo que finalmente, foron decapitados.

A placa en cuestión, foi un regalo da casa farmacéutica Roche. Esta marca utilizaba este tipo de placas como publicidade durante os anos 60 e 70. De feito, na placa que está na “Consulta” sae inscrito o ano 1972.

Aínda tratándose esta historia dunha pequena anécdota, é rebeladora de cómo o pasado sempre permanece entre nos dalgunha maneira. En primeiro lugar, grazas a nosa propia memoria, pero tamén á presenza de pequenos detalles, que moitas veces sen querer, pasannos desapercibidos.