PETROGLIFOS “OS MOUCHOS”, O LEGADO DO LEONARDO DA VINCI GALEGO.

Un momento da nosa visita.

Un momento da nosa visita.

A semana pasada, o conxunto arqueolóxico de petroglifos de “Os Mouchos”, situados na parroquia de Leiro, en Rianxo, saltaban ós medios de comunicación, ó ser víctimas dunha desagradable imaxe: a de ver manchas de pintura branca sobre eles. Na pasada fin de semana tivemos ocasión de visitar o conxunto cun guía de excepción: Juan Carlos Collazo, o brazo rianxeiro dos Pandulleiros. E, certamente, fomos sin facernos moitas expectativas, pois xa sabemos que os trazos da Historia non son moi dados a mostrarse con alegría.

Pero estábamos totalmente equivocados. O dos Mouchos é todo un museo ó aire libre, unha morea de obras de arte regaladas sobre a pedra que está na superficie, e seguramente tamén na que está soterrada. Aparecen alí gravadas sobre esceas de caza, de montura; diversos animais coma cervos, cans e cabalos, nalgún, có seu xinete ó lombo. O autor (ou autores), este xenio do Neolítico, era veciño noso. Sen ter as súas cualidades desenvolvidas como home primitivo que era, este mestre tiña un talento innato e inusual que o levou a traballar sen descanso nas súas obras, ata chegar incluso a dominar a perspectiva. Un talento que, de seguro, nin se pode comparar con alguén que esté vivo nos nosos días. Quizáis, poderíase pensar que estamos ante un Leonardo da Vinci rianxeiro da Idade do Ferro.

En todo caso, e o máis frustrante de todo isto, é presenciar o difícil que é que se valore o noso, ata o punto de sentirnos moitas veces incapaces de manter como se merece a obra dun xenio que viveu fai catro mil anos. E tamén o feito de darse o caso que, ante estas xeniais e únicas obras de arte que están ó lado da nosa casa, nin as coñezamos, nin as valoremos, nin as visitemos. E iso que seguro se nos fai imprescindible visitar lugares como a Cova de Altamira en canto temos oportunidade.

Por últimos, gustaríanos disculparnos pola mala calidade da imaxe. Prometemos fotos á altura dos nosos lectores nun futuro, a poder ser próximo.

AS AMANTES DA TORRE DE SAN SADURNIÑO (II): XOANA DE CASTRO “A DESAMADA”.

Sepulcro de Xoana de Castro na Catedral de Santiago de Compostela. Imaxe: Wikipedia.

Sepulcro de Xoana de Castro na Catedral de Santiago de Compostela. Imaxe: Wikipedia.

En noites de inverno, cando o vento sopra desesperado e se avivan as ondas do mar que buscan á Torre de San Sadurniño, son moitos os que aseguran que alí, perdéndose entre eses sons mariñeiros, escóitanse os choros dunha muller. Uns lamentos inconsolables, que retumban nas pedras de San Sadurniño e se perden na inmensidade do mar. E son, moitos aseguran, as voces de Xoana de Castro, a raíña máis breve de Castela.

Así no lo contaron nos seus escritos Cunqueiro e Otero Pedrayo, e así a lenda desta desgraciada dama chega ata nos. Xoana de Castro era unha viúva nova e fermosa cando coñeceu ó Rei de Castela, Pedro I “O Cruel”, que semella que ben gañado tiña o alcume. Estaba casado con Blanca de Borbón, por motivos estratéxicos, xa que o matrimonio aseguráballe unha alianza con Francia, nun momento de tensión e intrigas, xa que os seus irmáns pretendían asalta-lo trono. Pero cando coñeceu a Xoana todo cambiou. Os dous axiña se namoraron, pero Xoana non prometía máis ata que se celebrara o matrimonio entre eles. Entón, Pedro obrigou ós bispos de Ávila e Salamanca a declarar nulo o seu matrimonio con Blanca de Borbón.

Celebrouse entón a voda, máis, inexplicablemente, ó día seguinte Pedro repudiou a Xoana e non a quixo máis coma esposa. E ninguén coñece o motivo nin que foi o que sucedeu entre aquelas paredes durante a noite. Qué podería ter sido tan grave coma para que o Rei tomara tan drástica decisión? Con todo, malia a brevedade do matrimonio, aínda tiveron un fillo chamado Xoán, a quen o Rei fixo herdeiro ó trono, claro que por detrás dos fillos de outra das súas amantes. A raíña, desconsolada, tomou retiro na Torre de San Sadurniño. E alí segue, como moitos pensan, penando dun lado para outro, cal eterna santa compaña, amparándose no consolo de sentirse raíña, aínda que para ninguén máis o era.

A CONSERVEIRA DA AROUSA PREMIADA EN LONDRES EN 1883.

En 1879 Edison inventa a lámpada con filamento de carbón e soquete enroscado. Ese tamén á o ano no que aparece a primeira fábrica conserveira en Galicia, na Illa de Arousa, o que hoxe é chamado Centro de Interpretación da Conserva. E o seu responsable é Juan Goday Gual, tentando desbancar ás vellas fábricas de salazón e imitando unha nova maneira de conservación nada na cidade francesa de Nantes, a conserva en aceite.

Tan só dous anos despois, a fábrica recibe a visita do Rei Alfonso XII. E semella que tan contento ficou o monarca que pouco despois a fábrica é nomeada proveedor oficial da Casa Real. Tamén a raiz desa visita nace o proxecto de que a fábrica debería estar presente na Exposición Internacional de Pesca que se ía celebrar en Londres en 1883. En informacións aparecidas en diversos medios de internet poden vostedes ler que a exposición data de 1881, pero o certo é que non se celebrou ningunha exposición de pesca en Londres ese ano, pero sí dous anos despois.

O militar e enxeñeiro Andrés Avelino Comerma. Imaxe: wikipedia.

O militar e enxeñeiro Andrés Avelino Comerma. Imaxe: wikipedia.

O enxeñeiro e militar Andrés Avelino Comerma, natural de Tarragona pero residente en Ferrol, acudíu a Londres como representante da Mariña Española na exposición. E posteriormente escribiu un libro, case a modo de informe, narrando sen faltar ningún detalle de todos os aspectos do evento, dende a decoración, os productos, aparellos,… ata os discursos de clausura e medallas concedidas. Desgraciadamente, a presencia galega era ínfima e case nin se nomea, agás neste pequeno parágrafo no que o autor destaca a uns conserveiros de Coruña.

“El escaparate del extremo opuesto contiene conservas de varios pescados, el aceite y al natural, distinguiéndose a la vista los hermosos cascos de sardinas de los Señores Portal de Muros y Maristany hermanos, de la Coruña, la magnitud y pescadores de los países del Norte creen a primera vista que son arenques, pues aquí no se conocen las sardinas de ese tamaño.”

Iso si, a factoría arousana ía levarse a medalla de ouro daquela convención, na que tamén participou como anfitrión o naturalista Leonard Huxley, pai do famoso autor de “Un Mundo Feliz”. E non ía ser o último, pois en anos sucesivos a Fábrica de Goday aínda había de levar máis premios en seguintes exposicións, como por exemplo, na Exposición Universal de Barcelona de 1888.

AS AMANTES DA TORRE DE SAN SADURNIÑO (I): MARÍA GÓMEZ, INFANTA DE HUNGRÍA.

A Torre de San Sadurniño en Cambados encerra entre as súas pedras unha chea de misterios, lendas e romances. Comezando pola incertidume do seu ano de construcción e de si todas as historias que se lle atribúen son tan reais como semellan.

A torre que chega ata os nosos días presúmese que formaba parte dunha antiga fortaleza medieval e, coma tal, tivo tamén nas súas estancias a presenza de varias damas que residiron alí, coma auténticas damas do castelo, soñando día tras día debruzadas nas ameas á hora do solpor, a que o seu cabaleiro chegue a buscalas.

A torre de San Sadurniño no barrio mariñeiro de San Tomé, en Cambados

A torre de San Sadurniño no barrio mariñeiro de San Tomé, en Cambados. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

E aínda que as chamamos amantes, nada tiñan que ver con algo así. Pero debemos lembrar que na época dos señores feudais as damas repectables habían de iniciar as súas relacións unha vez chegado o matrimonio. Pero as nosas damas eran libres, independentes e con ideas propias, algo que en moitos casos, acabaría por pasarlles factura.

E a primeira historia que imos contar é a de María Gómez, infanta de Hungría e do seu namorado, Paio Gómez de Soutomaior. Paio pertencía a unha linaxe pobre, pero moi respectables, como eran os Lantaño, de Meis. Era un nobre inquedo e con boas dotes para a diplomacia, polo que o Rei Enrique III de Castela o enviou á rexión da Tartaria. E alí, segundo se conta na “Galicia Feudal” de Victoria Armesto, recibido polo Gran Tamerlán, o cargo máis importante daquelas terras, Paio foi sometido a unha proba. Fronte a unha pedra que suaba sangue cando se mentía, Paio, previo interrogatorio, había de dicir toda a verdade. O caso é que non dixo nin a primeira, e a pedra tampouco suou. E moitos dos alí presentes lle quitaron mérito ó cabaleiro, porque crían que a pedra non suaba porque non entendía galego.

Pero tan convencido e contento quedou o Tamerlán, que lle enviou ó Rei Enrique dúas doncelas húngaras que habían de viaxar con Paio. Máis, durante a viaxe, o cabaleiro galego non puido resistirse ós encantos dunha das mozas. Había tomar en galego o nome de María Gómez. O Rei, ó coñecer a historia, enoxouse moito con Paio, por “tomar” un regalo que era para el. Nembargantes, en lugar dun desenlace tráxico, o Rei Enrique sentenciou que Paio había de casar con María. E así foi, máis Paio, resignado e rancoroso có Rey, con quen xa tiña unha relación moi deteriorada, agardou ó seu falecemento para repudiar a María. E foi enviada ó castelo de San Tomé de Cambados. E en Cambados acabaron os seus días, claro que non tan illada, como contan os romances medievais. Chegou a ter unha filla con Paio, pero a ela, o seu pai, buscoulle un mellor destino.

CARMEN BARCIA, A HISTORIA DO VELLO VELEIRO ATRACADO EN VILAGARCÍA

Qué triste o destino dos vellos lobos de mar, cando logo dunha intensa vida, chea de travesías, aventuras, cambios de donos, de actividade, non lles queda máis remedio, chegado o final dos seus días, que ficar varado nun peirao, resultando non ser máis ca un estorbo para os seus habituais usuarios.

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo

É esta a realidade dos barcos abandoados, barcos pantasma que semellan contarnos as súas historias a través dos seus esqueletes de madeira. Coma no caso do motoveleiro Carmen Barcia, deitado na rampa do Cavadelo no porto de Vilagarcía,  permanece agochado detrás de novas e sofisticadas pistas de pádel e do glamour dos barcos de vela lixeira de competición.

O Carmen Barcia foi construido en 1953 nuns asteleiros de Noia. E a partir de entón levou a cabo unha traxectoria que o fixo moi popular e admirado en todos os portos galegos, pois posiblemente, non debeu de haber nin un só no que non deiraxa de ir. Navegaba a vela e con motor auxiliar e eran moitas as travesías que finalizaba. As máis habituais habían de ser hacía o sur, a Andalucía, chegando tamén á costa africana, cara onde trasportaba madeira e de onde regresaba con viño, sal e outros produtos. Tamén eran habituais as súas viaxes a Asturias e Euskadi, a onde levaba tamén madeira, e regresaba con cemento e carbón.

imrama.com

O Carmen Barcia, na súa época dourada. Imaxe: http://www.imrama.com

Logo de anos onde cambiaron os seus donos, así como o motor e incluso tamén o seu nome (chegou a chamarse Ramón del Valle-Inclán), o Carmen Barcia sufriu a súa transformación máis radical en 1975, ano no que se convertiu en draga para extraer area do río Ulla.

Xa no ano 1994, atopándose encallado en Pontecesures, un matrimonio procedente de Madrid dou con el e soñou coa súa restauración. Invertiron niso serias esperanzas e moreas de cartos, para o cal trasladaron o barco ó porto de Vilagarcía. Desgraciadamente, as necesidades do Carmen Barcia eran demasiadas e a restauración non puido ser finalizada. A partir de entón, o barco permenece en Vilagarcía abandoado á súa sorte.

E alí leva xa 20 anos. En 2014 sufriu un afundimento que fixo que tivera que ser reflotado, a partir de entón, permanece la rampa do Cavadelo, molestando para uns, dando mala imaxe para outros e conmocionado coa súa beleza melancólica a moitos. Non deixen de visitalo, o Carmen Barcia ten os días contados porque non lle queda outro destino máis que a demolición.