O MUNDO DAS MEIGAS: BASILISCO.

Ademais de Galicia, o Basilisco habita tamén en Bretaña e Irlanda, así como outros lugares do mundo celta. De aparencia totalmente desagradable, o Basilisco non é máis que un lagarto enorme, de dimensións humanas, cheo de escamas viscosas e un rastro cheirento que vai deixando aló onde vai. Non se trata dun ser inmortal, pero vive tantos anos que en moitas ocasións así se supuxo que era. Resúltalle doado enganar ás pobres xentes, pois viste roupas de muller anciá para dar lugar ó engano. E tamén fala, e ata pode facelo de forma suave, espertando as simpatías daquel que atopa. Un ser así non pode ser máis que xerado polo demo. Foi criado nos infernos, dos que sae para sementa-lo mal por todo o mundo. Aló onde está, a destrución e a morte semella infinita. Debe o seu poder ós ríos de lume que solta pola boca. Non ten máis que facer un leve esforzo para que, pouco despois, todo apareza devastado. E entón regresa ós infernos, coas súas terroríficas misións cumpridas.

Advertisements

O MUNDO DAS MEIGAS: BALURA

Os baluros foron unha raza maldita xa extinta. Pedían esmola para axudar ós peregrinos pobres que visitaban a tumba do Apóstolo Santiago. Pero, en realidade, roubaban todo o que acadaban có único obxectivo de face-lo mal mediante as artes máxicas máis malignas e perigosas. Perseguidos e rexeitados en tódalas vilas ás que acudían, non lles quedou máis que vagar polos montes e refuxiarse na primeira cova que atopaban. Hoxe, pouco queda deles, agás a Balura, a súa única supervivente. De aspecto terrible, ten unha figura extremadamente encurvada, como se sobre ela levara o peso de séculos e séculos de penosa peregrinación. Din que vive na Terra Chá luguesa, onde sorprende ós veciños con tan desagradable visión. Leva roupas mouras e roídas, un gorro de ala ancha e un rudimentario bastón. De pel engurrada e enorme nariz, os seus ollos semellan sempre inxectados en sangue. Nin que dicir ten: cando vexas que te vas cruzar con Balura, cambia axiña de dirección porque de enfrontarse con ela, seguramente terá un resultado fatal.

O MUNDO DAS MEIGAS: BRANCAFLOR

Contan que, unha vez, un dos rapaces máis fermosos e conquistadores da zona atopou unha bela rapaza á beira dun río. A súa cabeza estaba cuberta cun veo, a súa figura era insinuante e a súa voz hipnótica. Contoulle ó rapaz o triste que estaba, porque o seu anel acababa de caer ó río. E este, tan cabaleiro, non dubidou en botarse ó río para calma-las penas da súa namorada. Case chegou a ver cómo o vento apartaba suavemente o veo, ata descubrir dous enormes cornos, iguais ós dun carneiro, asomándose. Nin qué dicir ten que o rapaz, irremediablemente, morreu afogado. E é que Bracaflor, en realidade, é filla do Demo. Tempo atrás xogou unha partida con el, acordando que si Brancaflor gañaba, faríaa dona de grandes fortunas. Pero se perdía, viviría condenada a servirlle eternamente. E, por suposto, Brancaflor perdeu. Así pois, advertide a todo rapaz que coñezades que, si algunha vez se ven seducidos por unha estraña moza cuberta cun veo, que non escoiten nada do que diga e que boten a correr. Brancaflor pode tardar séculos e séculos en subir dos infernos. Pero, non o dubidedes, sempre volve.


O MUNDO DAS MEIGAS: MOURA.

A Moura é un claro exemplo de que atopar unha meiga non é sempre augurio de penas e desgrazas. A Moura, é un fermoso ser, de cabelo negro e baixa estatura. Gústalle engalanar a súa beleza con múltiples adornos e vestir con roupas vaporosas, moi do gusto oriental. Vive no mundo subterráneo, pero de tempo en tempo debe achegarse á superficie para acariciar a luz do día. Aparece en lugares moi apartados das vilas, onda grandes penedos. Se das cunha Moura, síntete afortunado, porque pode que che ensine onde se atopa un tesouro. Pero debes procurar que as presas non rematen coa túa oportunidade. E é que á Moura, hai que saber encantala. Gústalle que lle falen en verso, que lle conten historias de vellas aventuras e romances e que lle falen con voz doce e melodiosa. Se sabes convencela, ou incluso namorala, non dubides de que te has converter axiña nun home rico.