Pasa desapercibido, pois a súa imaxe forma xa parte da rúa na que está. Pero esa ventá segue contando unha historia que pensabamos que ficara rematada en 1982. Trátase dun anuncio dun coñecido refresco de cola, de seguro, unha edición especial para o maior evento celebrado en España na súa recente Transición, o Mundial de Fútbol. Alí non falta, non podía ser doutra forma, o entrañable e querido personaxe de “Naranjito”, acompañando o logotipo do acontecemento e o eslogan escollido pola marca: “la sonrisa del Mundial”. Xa adiviñaron onde está esta pegatina con case 35 anos ás súas costas? Efectivamente, é unha ventá da Sala Capitol que da coa antiga Libraría Rúa, na concorrida Rúa do Con do Moucho. Seguramente a súa presencia está vencellada ó antigo cine Capitol, no se que se servían bebidas e lambetadas. Como se adoita dicir, 35 anos non son nada, polo menos a xulgar polo bo estado do anuncio, que case nin perdeu a súa cor vermella. Seguro que o optimismo dese sorriso fai que vaia a por outros 35 anos máis, polo menos.
Arquivo da categoría: Uncategorized
A LEI DE ACUICULTURA ARDE NO ENTERRO DO LIBORIO
O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.
Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.
As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.
Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.
E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.
E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.
TEMPORAIS DOUTROS TEMPOS

Temporais. Fotografía de Antonio Gil.
A fotografía que hoxe traemos até aquí é unha desas imaxes que deixa plasmada toda unha época, xa que neste caso, semella toda unha homenaxe ós anos 80. É dicir, que tampouco fai tanto tempo, relativamente, dende que foi tomada, pero as diferencias coa actualidade son notables.
Si xa nos nosos días, cando hai temporal, non deixa de sorprender ata onde chegan as ondas e todas as algas, e o que cadre, que enchen o paseo marítimo do Campo, cómo había de ser aquilo cando non existía esa protección. Pois esta fotografía, tomada no momento xusto, é o que nos conta. Primeiramente, a liña entre a rúa e a praía era realmente moi fina, ata o punto de que os aparellos de traballo como os raños case que se amoreaban na rúa.
Nin por mencioar esa ondaxe salvaxe que empurraba a praia á porta das casas, unha imaxe que pouco vai sorprender ós nosos maiores, que a meirande parte da súa vida o viron así.
E cantos son os detalles de nolstalxia que nos deixa esta foto! Por un lado, dúas son as chemineas presentes na paisaxe, testemuña dun pasado conserveiro que aínda chegaba a aqueles anos; o modelo antigo de furgoneta de traballo, aparcando e aguantando como podía as embestidas da salitre; e o mítico cartel da “Mirinda”, hoxe desaparecido dos bares.
Un cartel que, por certo, se debía á presencia do antigo “Café Moderno”, que non debía o seu nome a un capricho, senón porque era un café como os clásicos coñecidos con ese nome, cós seus grandes ventanais e o seu aspecto elegante. O café, ó contrario do que sucede có bar actual, non se atopaba no piso de abaixo, senón no segundo. Polo tanto, había que subir por unhas escaleiras para chegar a el, supoñendo unha gran incomodidade para os pais, xa que os nenos, antes ou despois, sempre acababan por baixar a xogar á rúa.
Volvendo ó valor visual desta fotografía, non podemos deixar de felicitar ó autor, Antonio Gil. Unha das copias da imaxe orixinal está no bar Saratoga e outra no despacho da Policía Local. Xa na era dixital, non temos máis que clicar todas as veces que faga falta, e aínda así, é doado que non logremos retratar a ondaxe na súa máxima expresión. Pero iso non ocorre nesta foto, xa que nun preciso segundo é capaz de falarnos de toda unha época.
ACHÉGASE O SOLSTICIO DE INVERNO E O CELEBRAMOS EN NIÑO DE CORVO
Achégase un dos acontecementos máis especiais do ano, a cabalo entre o natural, o espiritual e o máxico. Porque o solsticio de inverno é o momento no calendario no que todo chega ó seu lóxico final para comezar axiña con novas esperanzas. Prodúcese entre o 21 e o 23 de decembro, e é aí cando o sol está nunha posición máis alonxada do Hemisferio Norte. Polo tanto, é cando menos luz recibimos en todo o ano, e a partir de aí os días son máis longos e a vida, no seu habitual ciclo, volve a ser un neno acabado de nacer con moitas e ilusionantes cousas por diante que lle han de suceder. Así chega esta tradición até nós, dende a sabedoría dos nosos antepasados Celtas, quenes celebraban unhas das súas festividades máis importantes nestas datas.

Lightpainting en Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.
Na Arousa todo o ano toda ela é un Stonehenge en si, como non podía ser doutra maneira, debido ós nosos cons, ós espectaculares conxuntos rochosos que arredor dela se erguen. Aquí, as danzas e os asubíos do vento mestúranse coas voces das pedras, e si así o fan sempre, canto máis será durante o máxico momento do solsticio.

Nocturna Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.
Por iso desta vez imos a escoitar as pedras a un dos conxuntos máis impoñentes da nosa xeografía, en Niño de Corvo. O impresionante con, situado preto do Igafa e de camiño á praia da Area da Secada, entra no mar formando unha pequena península. E semella observar atentamente ás bateas de en fronte, e tamén ós temporais, cando se achegan lentamente polo mar. Porque Niño de Corvo, sen dúbida, é dos lugares da Arousa onde máis se poden apreciar os contrastes de luz e os espectaculares xogos de cores froito dos caprichos do ceo ou da lúa. Niño de Corvo falaranos durante este solsticio e todo aquel que queira fechar os ollos, sentir e escoitar será o que saiba todo o que ten que dicir.
25 ANOS DA APARICIÓN DA AREA DA SECADA NA SERIE DE TVE “BRIGADA CENTRAL”
Os máis novos non se acordarán, por algo son xa 25 anos, pero “Brigada Central” foi unha existosa serie de Tve, cando a pública aínda dispuña daquela supremacía, pois as teles privadas estaban aínda nos seus albores. Foi emitida a finais de 1989 e principios de 1990 e o seu capítulo 9, titulado “El Cebo” estivo dedicado a unha trama de narcotráfico, e gran parte do capítulo estivo rodado en Vilagarcía.
O guión foi do prolífico escritor Juan Madrid, autor de numerosas novelas entre as que se atopa “Días Contados“, que foi levada ó cine. Ademáis da Arousa, aparecen outros escenarios moi recoñecidos por nos, como o muelle de Ferrazo, a Praza de Abastos de Vilagarcía ou a antiga sede da Policía Municipal.
Pero o que revolucionou por completo a Arousa foi a chegada do equipo de rodaxe á Area da Secada. A expectación era enorme sobre todo pola presencia na Arousa do protagonista da serie, Imanol Arias, daquela considerado todo un sex symbol.
Nun dos capítulos máis galegos de toda canta serie nacional haxa, incluso escoitamos falar galego. Foi a través do personaxe da doce Teresiña, autóctona do lugar e vendedora de queixo de Curtis (?) na Praxa de Abastos de Vilagarcía.
Destacamos tamén a presencia no capítulo, inesperada, polo que sempre se agradece máis, do gran Roberto Vidal Bolaño.
Pero é a partir do minuto 49:50 cando comenza a escena máis trepidante, a persecución que culmina nas dunas da Area da Secada. Non contaremos mais, para non caer en spoilers por si deciden ver o capítulo enteiro. Non sabemos qué tería de malo para Juan Madrid topónimos como a Area da Secada ou o Campelo, pero o certo é que na serie o lugar recibe o nome de “A Punta da Mona”.
Polo demáis, seguro que a escena lles enche de nolstalxia, e case non poderán crer que pasaran xa 25 anos. Semella xa difícil lembrarse que daquela os coches podían chegar ata a praia. E esta, gracias a unhas fermosas imaxes aéreas, podemos vela en marabillosos planos, como o que era, un espazo virxe e natural, aínda sen pasarelas, nun día nubrado e de vento, como tantos hai na Arousa.