A TRANSFORMACIÓN DA AROUSA EN 15 ANOS

Parte do territorio da Arousa en 2013, prácticamente igual que na actualidade. Imaxe: www.nacionrotonda.com

Parte do territorio da Arousa en 2013, prácticamente igual que na actualidade. Imaxe: http://www.nacionrotonda.com

nación rotonda2

Parte do territorio da Arousa no ano 2000. Imaxe: http://www.nacionrotonda.com

Quince anos dan para moito, aínda que de primeiras non semelle unha cifra elevada. Pero na Arousa neste periodo de tempo foron moitas as cousas que sucederon e que modificaron notablemente a nosa xeografía. E é que a memoria é moi traicioneira, e xa custa pensar cómo era antes a punta na que hoxe se sitúa o novo varadoiro do Chufre. E entón aparecen webs pola rede que nos axudan a facer un pouco de memoria. Este é o caso da web “Nación Rotonda” (www.nacionrotonda.com), que está dedicada a amosar cómo se transformou o territorio dende os últimos quince anos. E fanno mediante unha fotografía aérea do ano 2000 que se compara coa mesma fotografía aérea, pero da actualidade. Un dos grandes atractivos que posúe é poder ver as dúas fotos ó mesmo tempo e poder ver as diferencias entre as imaxes arrastrando cun só clic. A web, dedicada a toda España, conta cunha comparativa da Arousa, concretamente da costa dende o Chufre ata Riasón, a zona que máis cambios sufriu nestes últimos anos. Polo que tamén podemos ver a evolución de zonas como o Aguiúncho, o Furado, o Cabodeiro e a praia da Sapeira. Así pois, podemos observar as grandes diferencias, o novo peirao do Chufre e o novo vial, sen dúbida, os cambios máis drásticos. Pero tamén observamos máis rotondas, construccións e menos espacio libre. Pero mellor xulguen vostedes mesmos premendo nesta ligazón:

http://www.nacionrotonda.com/2013/11/illa-de-arousa-pontevedra.html

Advertisements

RÍAS BAIXAS: CAUSAS E EFECTOS DO PERFIL DE GALICIA.

Galicia mira ó mar. E faino mediante eses saíntes recortados que penetran no Atlántico, que coñecemos como rías. As rías conforman a silueta máis recoñecible e característica do contorno de Galicia, unha silueta que se complica a medida que se avanza cara o sur, e que chamamos “Rías Baixas”.

De feito, as Rías Baixas supoñen un conxunto moi específico e non sempre é doado atopar estructuras semellantes noutras costas. Quizáis, e salvando as distancias, poderían ser semellantes ós fiordos escandinavos. Neste caso, case todos os investigadores coinciden en sinalar que a causa da súa formación foron os enormes glaciares, que erosionaron o que en principio foron vales que posteriormente foron cubertos polo mar.

A formación das Rías Baixas, en cambio, non está tan clara. Comenzan no Monte Louro, na Ría de Muros e Noia e rematan no estuario do Miño. Cara occidente, chegan ata a Depresión Meridiana. En principio e case que por lóxica, poderíase pensar que son debidas ós seus ríos. Pero nin Tambre, Ulla e Umia, Lérez e Oitavén e Verdugo (ríos das rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, respectivamente) teñen a suficiente forza e entidade para formar tales estructuras, aínda que si contribuiron.

As Rías Baixas foron, ante todo, causadas por unha tectónica particular. Durante a Era Cuaternaria, todo o territorio galego estaba cuberto de xeo. Os ríos de xeo encaixáronse na litoloxía e formaron fracturas. Iso, xunto có xogo de levantamentos e afundimentos do terreo causados polos movementos tectónicos deron lugar a esas formas caprichosas.

Aparte desas insólitas siluetas que son o punto de atención en calquera mapa, as Rías Baixas conforman tamén espacios abrigados, protexidos das rigurosidades do océano, que os converten, xunto con outros factores, nuns espacios óptimos para o desenvolvemento da riqueza tanto vexetal como animal, así como un espacio inmellorable para o asentamento da vida humana.

RECLUS E A NOVA XEOGRAFÍA

 

Primeira páxina do tomo IV (América do Norte) da "Novísima Geografía Universal".

O xeógrafo francés, Élisée Reclus (1830-1905) marcou un notable salto cualitativo dentro dos estudios xeográficos, polo avanzado do seu pensamento e a innegable influencia da ideoloxía anarquista, coa que comulgaba profundamente.

Gran admirador da paisaxe, Reclus chegou a afirmar que esta é case imposible de describir, posto que só se pode coñecer a través da experiencia persoal dos sentidos. Son tamén de gran importancia os seus estudios en materia social, xa que non dubidou en denunciar a situación das cidades, invadidas polas industrias e deixando ás masas en terribles condicións de miseria e a falta de hixiene, algo que se espetaba directamente có poder económico.

A súa obra máis importante foi a “Nouvelle Géographie Universelle”, rematada en 1894, despois de 20 anos de estudos. No tomo dedicado a América, Reclus pon de manifesto, por primeira vez na historia, a desfeita producida polas expedicións a este continente dende o seu descubrimento, efectuando verdadeiros xenocidios e a total destrución de culturas milenarias.

A “Novísima Geografía Universal” chega a España en 1906, con prólogo e tradución do escritor valenciano Vicente Blasco Ibáñez. Foi unha obra esencial dentro da “Escuela Moderna”, o modelo de ensinanza da Segunda República Española (1931-1936), unha ensinanza laica e pública, destinada principalmente á clase obreira.


O PREGAMENTO HERCINIANO: ASÍ É O RELEVO GALEGO

O Cañón do Sil, exemplo do relevo galego.

Durante a Era Primaria, falando en eras xeolóxicas, producíronse levantamentos, ou pregamentos, que condicionaron o relevo terrestre mundial. No caso de Galicia, o seu relevo é debido á acción do pregamento herciniano, ocorrido fai 300 millóns de anos, e que se baseou no movemento de masas tectónicas. Así pois, ergueuse unha cordilleira de granito, hoxe totalmente erosionada. Esta cordilleira sufriu un novo impulso durante o pregamento alpino, que comezou fai “unicamente” 62 millóns de anos, e que aínda está en curso. A pesar deste rexuvenecemento, o relevo de Galicia é moi antigo, polo que as súas formacións montañosas son suaves e redondeadas.Trátase dun territorio moi fracturado, chego de fendas, sobre a que se encaixa unha singular rede hidrográfica. É un territorio onde alternan zonas levantadas (horst) e afundidas (graben), onde predominan as rochas graníticas e os xistos. A diferenza do relevo galego, as grandes cordilleiras actuais, o Himalaya e os Pirineos entre outros, son de formación recente, durante o pregamento alpino. A iso deben as súas elevadas alturas e as súas formas escarpadas e abruptas.

A LINGUAXE DAS NUBES

Nas nubes vemos caras, formas de animais,… e incluso toda clase de misterios e conspiracións. Pero as nubes, mediante as súas formas e cores, están a darnos unha gran información meteorolóxica, pois non hai dúbida de que a presenza de nubes escuras non auguran un día de sol.

As nubes están formadas por partículas de auga e xeo, de tamaño e cor variable, suspendidas no aire. Precisamente, a súa posición na troposfera é a que determina a súa clasificación en diferentes tipos.

Así pois, comezamos hoxe unha serie na que iremos coñecendo os diferentes tipos de nubes e as súas características. E, por suposto, imos por especial interese en todo o que unha nube nos estea a contar.

TIPOS DE NUBES:

NUBES ALTAS: 

CIRROS

CIRROCÚMULOS

CIRROSTRATOS

NUBES MEDIAS:

ALTOCÚMULOS

ALTOSTRATOS

NUBES BAIXAS:

NIMBOSTRATOS

ESTRATOCÚMULOS

ESTRATOS



ÚLTIMOS DÍAS DA EXPOSICIÓN DE CARTOGRAFÍA ANTIGA NA CIDADE DA CULTURA

O mapa de Domingo Fontán é unha das xoias da exposición.

Facer unha visita á Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nunca está de máis, aínda que non se pode negar que precisa de moitos máis contidos dos que posúe actualmente. Estes días a impresionante obra arquitectónica de Peter Eisenman goza dun modesto atractivo máis: a exposición de cartografía antiga de Galicia. A exposición é un auténtico paseo polos mapas e cartas náuticas dende o século XVI ata o XIX, podendo observar os cambios técnicos producidos e nas formas de representación. Un nostálxico percorrido mediante o cal podemos coñecer o aspecto e a toponimia das nosas vilas segundo os primeiros cartógrafos. A exposición leva aberta dende abril, pero aínda hai tempo para visitala: remata o 5 de agosto.


A DEPRESIÓN MERIDIANA

Mapa físico de Galicia.

O relevo galego déixanos, de entre tódalas súas formas, unha curiosa formación que non pasa desapercibida nos mapas físicos de Galicia. A depresión Meridiana é totalmente diferente a calquera outra depresión. Trátase dunha liña de fracturas case perfecta que cruza case toda Galicia de norte a sur, dende o norte de Carballo, ata Tui e o norte de Portugal. Encáixase nas bocas das rías, xa que os ríos atlánticos aproveitan ese espazo para continuar a formación dos seus vales por alí.

Mapa de detalle da depresión Meridiana.

Os ríos depositan substancias detríticas, o que fai que estas terras sexan moi fértiles e de gran riqueza. Este factor, xunto con moitos outros, como que se trate dunha gran planicie, fan que a depresión Meridiana sexa un lugar moi axeitado para desenvolver a vida humana. Por este motivo atopamos ó longo da depresión importantes asentamentos humanos; entre outros, Padrón, Pontevedra, Redondela e Tui.