TEMPORAIS DOUTROS TEMPOS

temporais2

Temporais. Fotografía de Antonio Gil.

A fotografía que hoxe traemos até aquí é unha desas imaxes que deixa plasmada toda unha época, xa que neste caso, semella toda unha homenaxe ós anos 80. É dicir, que tampouco fai tanto tempo, relativamente, dende que foi tomada, pero as diferencias coa actualidade son notables.

Si xa nos nosos días, cando hai temporal, non deixa de sorprender ata onde chegan as ondas e todas as algas, e o que cadre, que enchen o paseo marítimo do Campo, cómo había de ser aquilo cando non existía esa protección. Pois esta fotografía, tomada no momento xusto, é o que nos conta. Primeiramente, a liña entre a rúa e a praía era realmente moi fina, ata o punto de que os aparellos de traballo como os raños case que se amoreaban na rúa.

Nin por mencioar esa ondaxe salvaxe que empurraba a praia á porta das casas, unha imaxe que pouco vai sorprender ós nosos maiores, que a meirande parte da súa vida o viron así.

E cantos son os detalles de nolstalxia que nos deixa esta foto! Por un lado, dúas son as chemineas presentes na paisaxe, testemuña dun pasado conserveiro que aínda chegaba a aqueles anos; o modelo antigo de furgoneta de traballo, aparcando e aguantando como podía as embestidas da salitre; e o  mítico cartel da “Mirinda”, hoxe desaparecido dos bares.

Un cartel que, por certo, se debía á presencia do antigo “Café Moderno”, que non debía o seu nome a un capricho, senón porque era un café como os clásicos coñecidos con ese nome, cós seus grandes ventanais e o seu aspecto elegante. O café, ó contrario do que sucede có bar actual, non se atopaba no piso de abaixo, senón no segundo. Polo tanto, había que subir por unhas escaleiras para chegar a el, supoñendo unha gran incomodidade para os pais, xa que os nenos, antes ou despois, sempre acababan por baixar a xogar á rúa.

Volvendo ó valor visual desta fotografía, non podemos deixar de felicitar ó autor, Antonio Gil. Unha das copias da imaxe orixinal está no bar Saratoga e outra no despacho da Policía Local. Xa na era dixital, non temos máis que clicar todas as veces que faga falta, e aínda así, é doado que non logremos retratar a ondaxe na súa máxima expresión. Pero iso non ocorre nesta foto, xa que nun preciso segundo é capaz de falarnos de toda unha época.

ACHÉGASE O SOLSTICIO DE INVERNO E O CELEBRAMOS EN NIÑO DE CORVO

Achégase un dos acontecementos máis especiais do ano, a cabalo entre o natural, o espiritual e o máxico. Porque o solsticio de inverno é o momento no calendario no que todo chega ó seu lóxico final para comezar axiña con novas esperanzas. Prodúcese entre o 21 e o 23 de decembro, e é aí cando o sol está nunha posición máis alonxada do Hemisferio Norte. Polo tanto, é cando menos luz recibimos en todo o ano, e a partir de aí os días son máis longos e a vida, no seu habitual ciclo, volve a ser un neno acabado de nacer con moitas e ilusionantes cousas por diante que lle han de suceder. Así chega esta tradición até nós, dende a sabedoría dos nosos antepasados Celtas, quenes celebraban unhas das súas festividades máis importantes nestas datas.

lightpainting en Niñi de Corvo, Illa de Arousa

Lightpainting en Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Na Arousa todo o ano toda ela é un Stonehenge en si, como non podía ser doutra maneira, debido ós nosos cons, ós espectaculares conxuntos rochosos que arredor dela se erguen. Aquí, as danzas e os asubíos do vento mestúranse coas voces das pedras, e si así o fan sempre, canto máis será durante o máxico momento do solsticio.

Nocturna niño de Corvo, Illa de Arousa

Nocturna Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Por iso desta vez imos a escoitar as pedras a un dos conxuntos máis impoñentes da nosa xeografía, en Niño de Corvo. O impresionante con, situado preto do Igafa e de camiño á praia da Area da Secada, entra no mar formando unha pequena península. E semella observar atentamente ás bateas de en fronte, e tamén ós temporais, cando se achegan lentamente polo mar. Porque Niño de Corvo, sen dúbida, é dos lugares da Arousa onde máis se poden apreciar os contrastes de luz e os espectaculares xogos de cores froito dos caprichos do ceo ou da lúa. Niño de Corvo falaranos durante este solsticio e todo aquel que queira fechar os ollos, sentir e escoitar será o que saiba todo o que ten que dicir.

VIMOS DE TER UN IRMÁN: NACE O BLOG DE MÚSICA “O DIARIO DE BAPHOMET”

odiariodebaphomet.wordpress.com

odiariodebaphomet.wordpress.com

Efectivamente, a familia medra. A persoa que forma o 50% desde espazo, Marcos Cancelas, ven de debutar cun blog en solitario sobre música, “O diario de Baphomet”. A Marcos debémoslle dende aquí a nosa imaxe, ademáis de ser o autor das fotografías máis fermosas que aquí exhibimos, e ata de arrincarse a escribir algún que outro artigo algunha vez.

Gran afecioado á música, xa facía tempo que Marcos quería contar as súas experiencias, labradas a raíz do paso dos anos. Así coñeceremos as sensacións e sorpresas que lle proporcionou a música e o impacto que tiveron no seu día no neno, no adolescente, e aínda hoxe no adulto.

Promete contarnos e falarnos sobre os discos máis excepcionais que ten, incluidos vinilos e edicións especiais, da época na que rebobinábamos as cintas cun bolígrafo e dos accidentados envíos da Discoplay. Así como de persoas, películas e a pura casualidade, que o introduciron a grupos e temas que marcaron a súa vida. Sabemos que non somos moi obxectivos, pero non podemos deixar de recomendalo. Lembren o seu nome: “O diario de Baphomet”.

PETROGLIFOS “OS MOUCHOS”, O LEGADO DO LEONARDO DA VINCI GALEGO.

Un momento da nosa visita.

Un momento da nosa visita.

A semana pasada, o conxunto arqueolóxico de petroglifos de “Os Mouchos”, situados na parroquia de Leiro, en Rianxo, saltaban ós medios de comunicación, ó ser víctimas dunha desagradable imaxe: a de ver manchas de pintura branca sobre eles. Na pasada fin de semana tivemos ocasión de visitar o conxunto cun guía de excepción: Juan Carlos Collazo, o brazo rianxeiro dos Pandulleiros. E, certamente, fomos sin facernos moitas expectativas, pois xa sabemos que os trazos da Historia non son moi dados a mostrarse con alegría.

Pero estábamos totalmente equivocados. O dos Mouchos é todo un museo ó aire libre, unha morea de obras de arte regaladas sobre a pedra que está na superficie, e seguramente tamén na que está soterrada. Aparecen alí gravadas sobre esceas de caza, de montura; diversos animais coma cervos, cans e cabalos, nalgún, có seu xinete ó lombo. O autor (ou autores), este xenio do Neolítico, era veciño noso. Sen ter as súas cualidades desenvolvidas como home primitivo que era, este mestre tiña un talento innato e inusual que o levou a traballar sen descanso nas súas obras, ata chegar incluso a dominar a perspectiva. Un talento que, de seguro, nin se pode comparar con alguén que esté vivo nos nosos días. Quizáis, poderíase pensar que estamos ante un Leonardo da Vinci rianxeiro da Idade do Ferro.

En todo caso, e o máis frustrante de todo isto, é presenciar o difícil que é que se valore o noso, ata o punto de sentirnos moitas veces incapaces de manter como se merece a obra dun xenio que viveu fai catro mil anos. E tamén o feito de darse o caso que, ante estas xeniais e únicas obras de arte que están ó lado da nosa casa, nin as coñezamos, nin as valoremos, nin as visitemos. E iso que seguro se nos fai imprescindible visitar lugares como a Cova de Altamira en canto temos oportunidade.

Por últimos, gustaríanos disculparnos pola mala calidade da imaxe. Prometemos fotos á altura dos nosos lectores nun futuro, a poder ser próximo.

A FOCA MONXE DO AREOSO

Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.

A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.

De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.

E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.

A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.