A LEI DE ACUICULTURA ARDE NO ENTERRO DO LIBORIO

O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.

liborio1

Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.

As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.

liborio2

Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.

E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.

E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.

TEMPORAIS DOUTROS TEMPOS

temporais2

Temporais. Fotografía de Antonio Gil.

A fotografía que hoxe traemos até aquí é unha desas imaxes que deixa plasmada toda unha época, xa que neste caso, semella toda unha homenaxe ós anos 80. É dicir, que tampouco fai tanto tempo, relativamente, dende que foi tomada, pero as diferencias coa actualidade son notables.

Si xa nos nosos días, cando hai temporal, non deixa de sorprender ata onde chegan as ondas e todas as algas, e o que cadre, que enchen o paseo marítimo do Campo, cómo había de ser aquilo cando non existía esa protección. Pois esta fotografía, tomada no momento xusto, é o que nos conta. Primeiramente, a liña entre a rúa e a praía era realmente moi fina, ata o punto de que os aparellos de traballo como os raños case que se amoreaban na rúa.

Nin por mencioar esa ondaxe salvaxe que empurraba a praia á porta das casas, unha imaxe que pouco vai sorprender ós nosos maiores, que a meirande parte da súa vida o viron así.

E cantos son os detalles de nolstalxia que nos deixa esta foto! Por un lado, dúas son as chemineas presentes na paisaxe, testemuña dun pasado conserveiro que aínda chegaba a aqueles anos; o modelo antigo de furgoneta de traballo, aparcando e aguantando como podía as embestidas da salitre; e o  mítico cartel da “Mirinda”, hoxe desaparecido dos bares.

Un cartel que, por certo, se debía á presencia do antigo “Café Moderno”, que non debía o seu nome a un capricho, senón porque era un café como os clásicos coñecidos con ese nome, cós seus grandes ventanais e o seu aspecto elegante. O café, ó contrario do que sucede có bar actual, non se atopaba no piso de abaixo, senón no segundo. Polo tanto, había que subir por unhas escaleiras para chegar a el, supoñendo unha gran incomodidade para os pais, xa que os nenos, antes ou despois, sempre acababan por baixar a xogar á rúa.

Volvendo ó valor visual desta fotografía, non podemos deixar de felicitar ó autor, Antonio Gil. Unha das copias da imaxe orixinal está no bar Saratoga e outra no despacho da Policía Local. Xa na era dixital, non temos máis que clicar todas as veces que faga falta, e aínda así, é doado que non logremos retratar a ondaxe na súa máxima expresión. Pero iso non ocorre nesta foto, xa que nun preciso segundo é capaz de falarnos de toda unha época.

PETROGLIFOS “OS MOUCHOS”, O LEGADO DO LEONARDO DA VINCI GALEGO.

Un momento da nosa visita.

Un momento da nosa visita.

A semana pasada, o conxunto arqueolóxico de petroglifos de “Os Mouchos”, situados na parroquia de Leiro, en Rianxo, saltaban ós medios de comunicación, ó ser víctimas dunha desagradable imaxe: a de ver manchas de pintura branca sobre eles. Na pasada fin de semana tivemos ocasión de visitar o conxunto cun guía de excepción: Juan Carlos Collazo, o brazo rianxeiro dos Pandulleiros. E, certamente, fomos sin facernos moitas expectativas, pois xa sabemos que os trazos da Historia non son moi dados a mostrarse con alegría.

Pero estábamos totalmente equivocados. O dos Mouchos é todo un museo ó aire libre, unha morea de obras de arte regaladas sobre a pedra que está na superficie, e seguramente tamén na que está soterrada. Aparecen alí gravadas sobre esceas de caza, de montura; diversos animais coma cervos, cans e cabalos, nalgún, có seu xinete ó lombo. O autor (ou autores), este xenio do Neolítico, era veciño noso. Sen ter as súas cualidades desenvolvidas como home primitivo que era, este mestre tiña un talento innato e inusual que o levou a traballar sen descanso nas súas obras, ata chegar incluso a dominar a perspectiva. Un talento que, de seguro, nin se pode comparar con alguén que esté vivo nos nosos días. Quizáis, poderíase pensar que estamos ante un Leonardo da Vinci rianxeiro da Idade do Ferro.

En todo caso, e o máis frustrante de todo isto, é presenciar o difícil que é que se valore o noso, ata o punto de sentirnos moitas veces incapaces de manter como se merece a obra dun xenio que viveu fai catro mil anos. E tamén o feito de darse o caso que, ante estas xeniais e únicas obras de arte que están ó lado da nosa casa, nin as coñezamos, nin as valoremos, nin as visitemos. E iso que seguro se nos fai imprescindible visitar lugares como a Cova de Altamira en canto temos oportunidade.

Por últimos, gustaríanos disculparnos pola mala calidade da imaxe. Prometemos fotos á altura dos nosos lectores nun futuro, a poder ser próximo.

ESTE VENRES, CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O AREOSO NO CONCELLO.

Cartel anunciador.

Cartel anunciador.

Porque coñecer é a única maneira para opinar, este vindeiro venres estamos todos convidados a unhas charlas informativas sobre a situación do illote Areoso. Darán comenzo ás sete da tarde e terán lugar no salón de plenos do Concello. A celebración destas charlas nestas datas estivais non responde á casualidade, posto que se escolleu así, en pleno mes de agosto, debido á presenza de visitantes e de moita xente da Arousa que normalmente reside fora.

O obxectivo fundamental da xornada é a de dar toda a información posible sobre a situación do Areoso, unha das nosas xoias máis preciadas, que a cotío sofre de abandono e desamparo. O illote, quizáis polo seu pequeno tamaño ou pola súa condición de insularidade, estivo durante case toda a súa historia baixo un valeiro legal que acentuou a súa fraxilidade e propiciou a falta de normativa, malia súa enorma riqueza histórica, cultural, natural e económica.

No seu incansable camiño para revalorizar este fráxil territorio, a Asociación Pandulleiros e o Concello da Illa de Arousa poñen en marcha estas charlas có fin de divulgar e achegar a todo o mundo a realidade que sofre ese anaco de terreo que un día formou parte da Arousa. E para iso, farase dende dous importantes puntos de vista.

O primeiro deles é dende o punto de vista arqueolóxico, que contará coa intervención de Manolo Rey, arqueólogo director da excavación do Areoso dos anos 80. Naquela ocasión descobríronse tres estructuras funerarias, das que se excavaron dúas. Hoxe coñécese a existencia de seis, aínda que se cree moi probable que existan moitas máis.

Tamén intervirá Ignacio Vilaseco, arqueólogo da Xunta de Galicia e investigador especializado nos rituais funerarios do noroeste peninsular dende o Neolítico ata a Idade de Bronce.

O Areoso será tamén obxecto de análise dende o punto de vista da súa riqueza natural, e diso nos falarán o bioólogo e investigador Fernando Brea e o arousán Juan Poza, catedrático de bioloxía e xeoloxía, e mestre no Instituto de Vilanova.

“MEXILLÓN DE GALICIA” ALERTA DA FRAUDE NA ETIQUETAXE DAS CONSERVAS CUN NOVO SPOT

A presenda do selo da Denominación de Orixe  Protexida garante a procedencia, especie e calidade do produto.

A presenda do selo da Denominación de Orixe Protexida garante a procedencia, especie e calidade do produto.

Esta mesma mañá de hoxe mércores ven de asinarse un importante acordo entre o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Unión de Consumidores de Galicia. Un acordo consistente na procura de accións conxuntas no que será primordial a información ó consumidor sobre o produto que está mercando. E é que a normativa europea de non esixir a debida información sobre o produto na etiqueta das conservas está favorecendo a aparición a moitas malas prácticas que perxudican notablemente tanto ós produtores de mexillón como ó consumidor final.

Unha destas prácticas fraudulentas ten que ver con frases alusivas ás rías galegas, tales como “marisco de las Rías Gallegas” ou “alta cocina gallega”, que dan lugar a unha publicidade enganosa, sen a garantía de procedencia e calidade dos nosos moluscos. Un caso grave de irregularidade que atinxe ó 75% das conservas dos nosos mercados, segundo unha prospección de mercado realizada polo Consello Regulador en 2014.

A non obriga de dar a información sobre os produtos na etiquetaxe proporciona ademáis novas formas de engano e fraude ó consumidos, como é a substitución de especies da familia do mexillón en conservas que se comercializan como tal. Así o demostra un estudo realizado pola Axencia Española de Consumo e Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), que ademais revela que un tercio das conservas non ofrecen a información axeitada sobre as especies envasadas.

O acordo que se ven de firmar hoxe compromete a realización de accións conxuntas e a primeira e máis inmediata é a saída á luz deste spot que alerta de todas estas fraudes. Titulado “Mexillón de Galicia; marisco de etiqueta”, o vídeo aconsella a busca do xa característico selo turquesa do Mexillón de Galicia, Denominación de Orixe Protexida, o único que garante a procedencia, a especie e a calidade que se merece o consumidor e polo que tanto pelexan os produtores.