A LONTRA DO CHUFRE: A REALIDADE DA LENDA URBANA

Pode que algún día, si se atopan no peirao do Chufre nunha tranquila noite, se lles dea por observar o mar hipnótico e se sorprendan cós saltos dos muxes, mentres ó fondo se escoita un guindastre sacando mexillón para a fábrica. Pode que entón, non sería vostede o primeiro, pode que aviste algo que polas súas dimensións non debería estar alí. Pode que lle lembre a un crocodilo, pola súa cabeza e pescozo alongados aparecendo na superficie. Pero despois, a lontra mostrará a súa cola arqueada e entón seguramente nos recorde máis a un pequeno dinosaurio.

chufre

Imaxe: Marcos Cancelas Dozo

Non é pouco o tempo que se leva falando da existencia destes animais mamíferos en diversas zonas de Arousa, pero en concreto no Chufre, os avistamentos aumentan considerablemente. Xa fai moitos anos que se leva falando da súa presencia alí. De feito, un día do Carme pola noite, a lontra fixo acto de presencia quitándolle todo o protagonismo ós fogos de artificio que despedían as nosas festas do vran. E xa non se trata só dunha lontra solitaria, senón tamén de pequenas crías ás que viron nadando tranquilamente onde antes tamén o facía a súa nai.

nutria1

Este é o aspecto da lontra que vive no Chufre. http://www.wikifauna.com

As lontras prefiren os ambientes marítimos e ata poden permanecer mergullados seis minutos. A súa dura pel fai que lles sexa doado soportar baixas temperaturas, polo que lles resulta posible esta maneira de vida. A súa presenza no Chufre, polo xa dito, non semella accidental de ninguna maneira, é máis, foi avistada tamén en outras zonas da Arousa, entre outras Carreirón.

Seguramente sexa máis fácil vela do que se supón nun principio, polo que lles pedimos, que seguro que non fará falta, que sexan uns bos anfitrións e sexan respectuosos con este espectacular animal. Iso si, cando lles toque vela, non fagan coma nos e, por favor, consigan a foto.

 

 

 

 

UNHA OUXA VARADA NO BAO

Non son poucas as ocasións nas que as mareas nos traen grandes sorpresas que se quedan despois na area. Nestes días, sen ir máis lonxe, o que semellaba unha enorme raia apareceu sobre os seixos da praia do Bao, baixo a ponte. Pero en realidade non se trataba do gran peixe tan aprezado nas nosas mesas, senón máis ben, dunha versión mala do mesmo.

ouxa1

Trátase do chamado “carneiro”, que nin se come e que aínda por riba resulta moi perigoso debido ó pico que ten na súa cola. De feito, coñecemos casos de mergulladores que foron atacados por este animal, con consecuentes enormes feridas e longos e duros procesos de recuperación.

Cando adquiren tamaños máis grandes reciben o nome de “ouxas”. Poden chegar a ser enormes, habitan nos fondos mariños e adoitan alimentarse, entre outras cousas, de ameixas, causando graves danos nos nosos bancos marisqueiros.

ouxa2

Neste caso, a ouxa, ou máis ben carneiro, aparecida no Bao presentaba a cola seccionada. O que puido ter pasado non entra máis que en conxeturas. Semella pouco probable que tratara de ser capturada. Quizáis un mergullador lle cortou a cola para defenderse ou quizáis tamén debido a un accidente. En todo caso, o carneiro non sobreviveu a esa circunstancia e foi empuxada pola marea ata chegar á terra.

A FOCA MONXE DO AREOSO

Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.

A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.

De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.

E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.

A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.

O ESCARABELLO DE OURO

Imaxe: Marcos Cancelas.

Imaxe: Marcos Cancelas.

Unha mañá de primavera, ía eu camiñando por Fefiñáns e torcín polo arco e fun en dirección ó Insitituto Ramón Cabanillas. E alí de camiño, no medio da ruá, vexo algo brillante, como o rechamante papel dalgunha lambetada. Pero cando me achego máis, podo distinguir cómo aquela luz luminosa tiña patiñas e incluso andaba. E naquela especie de pedra luminosa recoñezo a forma dun escarabello. E alí que o ía, coma se nada, como querendo cruzar a rúa a piques de meterse debaixo dos coches. E cómo corría!!! E eu, que aqueles días tiña moi fortes ataques de alerxia, sempre andaba con panos de papel na man. Así que collín un pano e puxen ó desvalido bichiño enriba do papel e quixen poñelo ó pé dunha árbore que había preto de alí. Eu sacudía o pano, pero o meu amigo agarrábase moi forte e non daba caído. Así que, con moito coidado, tirín do seu corpiño e noto cómo as súas patiñas se aferran ó pano. Finalmente consigo sacalo e poño ó escarabello na árbore e empeza a gabear por ela. E aí teñen vostedes a foto que conseguín facerlle. Aí poden ver o seu caparazón dourado e verdoso, como unha pedra preciosa, e as súas patiñas negras. Tan espectacular coma misterioso, aínda que ningunha das miñas fotos fai xustiza á súa imaxe real.