CARMEN BARCIA, A HISTORIA DO VELLO VELEIRO ATRACADO EN VILAGARCÍA

Qué triste o destino dos vellos lobos de mar, cando logo dunha intensa vida, chea de travesías, aventuras, cambios de donos, de actividade, non lles queda máis remedio, chegado o final dos seus días, que ficar varado nun peirao, resultando non ser máis ca un estorbo para os seus habituais usuarios.

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo

É esta a realidade dos barcos abandoados, barcos pantasma que semellan contarnos as súas historias a través dos seus esqueletes de madeira. Coma no caso do motoveleiro Carmen Barcia, deitado na rampa do Cavadelo no porto de Vilagarcía,  permanece agochado detrás de novas e sofisticadas pistas de pádel e do glamour dos barcos de vela lixeira de competición.

O Carmen Barcia foi construido en 1953 nuns asteleiros de Noia. E a partir de entón levou a cabo unha traxectoria que o fixo moi popular e admirado en todos os portos galegos, pois posiblemente, non debeu de haber nin un só no que non deiraxa de ir. Navegaba a vela e con motor auxiliar e eran moitas as travesías que finalizaba. As máis habituais habían de ser hacía o sur, a Andalucía, chegando tamén á costa africana, cara onde trasportaba madeira e de onde regresaba con viño, sal e outros produtos. Tamén eran habituais as súas viaxes a Asturias e Euskadi, a onde levaba tamén madeira, e regresaba con cemento e carbón.

imrama.com

O Carmen Barcia, na súa época dourada. Imaxe: http://www.imrama.com

Logo de anos onde cambiaron os seus donos, así como o motor e incluso tamén o seu nome (chegou a chamarse Ramón del Valle-Inclán), o Carmen Barcia sufriu a súa transformación máis radical en 1975, ano no que se convertiu en draga para extraer area do río Ulla.

Xa no ano 1994, atopándose encallado en Pontecesures, un matrimonio procedente de Madrid dou con el e soñou coa súa restauración. Invertiron niso serias esperanzas e moreas de cartos, para o cal trasladaron o barco ó porto de Vilagarcía. Desgraciadamente, as necesidades do Carmen Barcia eran demasiadas e a restauración non puido ser finalizada. A partir de entón, o barco permenece en Vilagarcía abandoado á súa sorte.

E alí leva xa 20 anos. En 2014 sufriu un afundimento que fixo que tivera que ser reflotado, a partir de entón, permanece la rampa do Cavadelo, molestando para uns, dando mala imaxe para outros e conmocionado coa súa beleza melancólica a moitos. Non deixen de visitalo, o Carmen Barcia ten os días contados porque non lle queda outro destino máis que a demolición.

UNHA VOLTA POLA AROUSA E OS SEUS PIORNOS.

Fai uns meses xa dabamos conta neste mesmo espacio da gran particularidade dos piornos da Arousa. Naquela ocasión, falando de Pedraserrada, reparábamos na presenza de gran cantidade de piornos situados na beira do mar, algo que non é demasiado corrente, agás en Combarro e pouco máis. Pero non remata aí as historias dos piornos na Arousa, máis ben empezan, porque aínda que sexa tan grande a cantidade que hai, de seguro que hai unha historia por cada un deles. A parte dos de Pedraserrada, temos un exemplo de piorno costeiro na zona da Salga, moi preto do Campo.

Piorno costeiro situado na zona da Salga.

Piorno costeiro situado na zona da Salga.

Neste artigo tentamos recopilar algúns piornos que nos pareceron interesantes e que nos despertaron a curiosidade, o que non quere dicir que sexan os únicos, nin moito menos.

Os piornos son unhas contrucións que xa en sí están cargadas de misterio, pois a súa orixe é descoñecida ou difusa. Porqué ese deseño en concreto? Porqué só existen en Galicia? É certo que tamén os hai en Asturias e outras zonas cercanas, pero as súas diferencias cós galegos son máis que notables.

A nosa amiga Sandra, guía turística da zona do Salnés, comentounos en certa ocasión que uns turistas, estando observando un piorno, lle preguntaron se nesa construción se metían os mortos. Pero, a qué viría esa macabra suposición? Á presenza de cruces nos tellados do piornos, quizáis? Porque ben certo é que pouco se pode comprender a presenza de elementos relixiosos nun lugar onde se garda o millo e as patacas.

Polo demáis, unha especie de rodas no alto da súas patas é un exemplo máis do elocuente enxeño galego, xa que sirven para que os ratos non gabeen por elas e estraguen a colleita gardada.

Piorno no Santo en memoria de Manolo Lojo.

Piorno no Santo en memoria de Manolo Lojo.

Có paso dos anos, os piornos viviron situacións comprometidas ó caer en desuso. En moitos casos foron derrubados, xa que as familias necesitaban os espacio e sacrificaban o piorno que xa facía anos que non usaban. En moitos casos foron cambiados de sitio. Creemos que este é o caso do piorno que está no Santo e que é en homenaxe a Manolo Lojo. Este piorno puido estar no seu inicio fronte a casa do cura, pero non puidemos corroboralo.

Piorno situado nas galerías de Goday.

Piorno situado nas galerías de Goday.

Hoxe en día os piornos son moi valorados como construcións tradicionais e son protexidos por Patrimonio Galego, polo que nin sequera os propietarios poden derrubalos. Pero en cambio danse outras situacións un tanto extrañas, como que os piornos aparezan como “atrapados” case en calquera parte. Un exemplo pode ser o piorno que está fronte as galerías de Goday, que actúa como un elemento decorativo do pasado que acompaña ás actuais galerías.

Piorno da zona do naval tapado con pedra na súa parte inferior.

Piorno da zona do naval tapado con pedra na súa parte inferior.

Pero non son poucos os piornos un tanto particulares que podemos atopar dando un paseo pola Arousa. No Naval, por exemplo, hai un piorno que antes críamos que é único en toda Galicia. E é que a súa parte inferior está tapiada, cerrada con pedra. Por suposto, descoñecemos qué propósito tiña facer algo así, polo que rogamos que si entre os nosos lectores alguén sabe algo, que non dubide en dicírnolo. Gracias a un amigo de Aguamorta, Lis Outeda, a quen lle agradecemos fondamente a información facilitada, sabemos agora que este piorno non é único na súa especie, xa que na casa do cura e no barrio da Torre hai outros dous piornos igualmente fechados na súa parte inferior.

Piorno inclinado no Cantiño.

Piorno inclinado no Cantiño.

E como en cada cidade e pobo que se precie debe haber unha torre de Pisa, pois aquí temos nos a nosa. Como vemos, a inclinación da que presume este piorno non é ningunha parvada.

A "Rúa do Piorno" e o piorno que lle da nome.

A “Rúa do Piorno” e o piorno que lle da nome.

E aquí temos outro piorno moi especial. A simple vista, non semella ter ningunha particularidade, agás da propia construción en si, que xa bastante é. Pero entón reparamos no nome da rúa e este é “Rúa do Piorno”. Polo tanto, estamos ó mellor, diante dun dos máis antigos piornos da Arousa?

Piorno de oito pés. Foto extraída dun artigo do ano 1935.

Piorno de oito pés. Foto extraída dun artigo do ano 1935.

Por último, remitímonos unha vez máis, non será a última, ó artigo sobre a Arousa publicado polo xornal “Estampa” de Madrid en marzo de 1935. Neste artigo aparece un piorno de oito pés, e que está apoiado nun muro. Cando antes nos referiamos a que, cando se necesitaba o sitio derrubábase o piorno, temémonos que iso foi o que lle aconteceu a este. O xornalista de “Estampa” pasou unha tarde na Arousa e, polo que conta no artigo, os lugares que visitou non foron máis aló do Chufre e do Campo, polo que este piorno debeu estar nalgunha destas zonas no seu día.

Piorno situado na Rúa Outeiro da Vila, que data do ano 1896. Imaxe: Lis Outeda.

Piorno situado na Rúa Outeiro da Vila, que data do ano 1896. Imaxe: Lis Outeda.

Non víamos problable a existencia de máis piornos de oito pés na Arousa, pero novamente gracias a Lis Outeda coñecemos a existencia de, nada máis e nada menos, catro piornos dese tipo, que tamén son chamados de “tres claros”. Están situados no Muíño de Auga, na rúa Paradela, no Con do Forno e, por último, un piorno moi especial situado na rúa Outeiro da Vila, que destaca polo seu excelente estado de conservación, sobre todo tendo en conta que data, nada máis e nada menos, do ano 1896. O propio Lis non descarta a existencia de máis piornos deste tipo.

FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO DENDE QUILMA

Na Arousa as pedras falan, viven e observan. Por iso, cada ano, cando se produce o solsticio de inverno, homenaxeamos algún dos conxuntos máis característicos e impresionantes dos que dispoñemos, que non son poucos, para emular, dalgunha maneira ó Stonehenge. Comezamos o ano pasado có Con do Navío e nesta ocasión, o lugar ó que nos trasladamos foi Quilma, a ese especial monte e ó seu presunto menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Atopámolo nun lugar estratéxico. Por un lado, o muíño de auga e as praias de Carreirón en fronte. Por outro, o Areoso, na que seguramente é a perspectiva máis espectacular que se pode atopar do illote dende terra. Segundo os restos arqueolóxicos, Quilma formaría parte dunha liña que comenza cós restos funerarios do Areoso e que tería alí a súa continuación. De feito, en documentos antigos constátase a existencia do topónimo “Castro de Quilma”, algo que fai máis que probable a antiga existencia dun castro nesta zona.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Especial atención merece unha estructura de catro metros que se alza inclinado alí, o máis parecido a un menhir que podemos encontrar en moitos quilómetros á redonda. De feito, este con chamou a atención do biólogo e xeólogo arousán Juan Poza, que alertou ós expertos sobre isto. E non podía estar moi desencamiñado, pois dende un primeiro momento considerouse que era necesario someter a estudo a rocha. E é que a natureza é ben caprichosa e unha gran parte da súa obra escapa á máis grande imaxinación humana. Aínda así, demasiado perfecta e demasiado trazada semella. Claro que, polo momento, os estudos non chegaron a resultados concluínten do que para nós xa sempre será un menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

 

O BARRIO MARIÑEIRO DE PEDRASERRADA

pedra7

lanchas (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Non hai vila ou cidade que non teña o seu propio barrio mariñeiro, coma no caso do Berbés en Vigo ou Santo Tomé en Cambados. Este último, incluso, era unha poboación propia que acabou uníndose á vila natal de Ramón Cabanillas.

pedra6

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Claro que, falar dun barrio mariñeiro na Illa de Arousa pode resultar un tanto raro, pois toda ela é mariñeira. Pero hai algo diferenciador na zona de Pedraserrada, algo que pode entroncar con outros clásicos barrios mariñeiros. Pedraserrada foi uns dos primeiros barrios da Arousa, algo que ven demostrado pola presenza de casiñas de pedra antigas, nunha concentración máis alta que no resto da Arousa. Moitas destas casas foron restauradas, pero tamén é certo que é unha zona que vive unha gran degradación, sobre todo na súa parte costeira.

pedra5

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Pedraserrada constrúese a base dun enmarañado de rúas estreitas e pedregosas, con laxes asomándose no chan e nos camiños. Fai non moitos anos eran habituais alí as tabernas, como “a de Monchita”, moi recordada entre os veciños. Unha circunstancia que reforza, e moito, a súa condición mariñeira.

pedra4

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Outro dos seus elementos diferenciadores é a presenza de piornos. Estas construcións tipicamente galegas eran, e seguen sendo, moi habituais en toda a Arousa. A principios de século dicíase que había un en cada casa. A particularidade dos de Pedraserrada é que moitos deles se atopan á beira do mar, unha circunstancia esta pola que é coñecido e admirado o fermoso pobo de Combarro, no que si se levou a cabo unha remodelación e restauración dos seus elementos arquitectónicos. Non é doado en xeral pescudar a data de construción dun piorno, pero segundo nos conta un veciño, e poñendo como referencia ó pai e ó avó, podemos dicir que no último cuarto do século XIX o piorno da súa casa xa estaba en pé.

pedra3

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

E xa achegándonos á costa, vemos unha paisaxe en Pedraserrada onde os piornos se asoman ó mar e conviven con embarcacións amarradas a uns ganchos que ateigan os cons. Ó ser zona de traballo, vemos tamén unha gran acumulación de lixo derivado dos traballos do mar. Algo que agocha en moitos aspectos a gran xoia patrimonial que existe en Pedraserrada, unha das zonas máis emblemáticas da Arousa.

pedra2

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

pedra1

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

CRÓNICA DUNHA MÁXICA NOITE DE SAN XOÁN.

Semellaba que non ía ser unha noite tranquila meteorolóxicamente falando para a noite do 23 de xuño, xa que tanto partes televisivos como aplicacións de móviles auguraban unha noite de chuvia e tronada. Pero nada diso pasou, e noite de San Xoán de 2014 convertiuse nunha noite excepcional para churrascadas e sardiñadas. Iso si, coa debida precaución de manter a leña a salvo das choivas da tarde.

Non é de estrañar. Cunha orixe celta, esta festa sobreviveu a numerosos obstáculos durante milenios e incluso a día de hoxe, ás veces non resulta doada a súa celebración. Sen ir máis lonxe, este ano caeu un luns e ó día seguinte trabállase, coma un día normal. Pero todo iso non impediu a presenza das costumes e tradicións do San Xoán en tódalas casas.

san xoán2

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Xa polas 8 da tarde, comezaba a verse o primeiro fume nas paisaxes da Arousa. E, cómo non podía ser menos, ese fume foi a máis a medida que pasaban as horas, ata que unha enorme fumareda cubría a Arousa por zonas. Non debeu ser pequena a sorpresa que se había de levar algún despistado que chegara entón á Arousa e non lembrase a data na que estábamos.

Por tratarse do comezo da semana, en moitas casas optouse por cenas familiares con churrasco e sardiñas, ou máis churrasco e non tantas sardiñas, debido ó prezo e escaseza destas nestas datas. Iso si, sempre con algunha fogueira, aínda que sexa improvisada, que nunca está de máis espanta-las meigas e queimar todo de canto negativo houbo no ano.

A xente nova, pola súa parte, ateiga as praias. A maioría deles, cós compromisos académicos xa solventados e sin traballos ante os que responder ó día seguinte, poden vivir unha das festas das que, de seguro, máis bos recordos terán cando sexan adultos.

san xoán1

Outra das alternativas da noite foi a dos bares, como no caso do Con do Moucho, un pouco máis só este ano, ante o recente peche do Baka. Cun gran ambiente  nunha noite ideal para estar na terraza, o Con do Moucho ofreceu unhas tapas de luxo: xureliños e criollos. Tampouco faltou a fogueira nin tampouco, coma sempre, a boa compañía.

Ó día seguinte, é imprescindible lava-la cara coa auga de San Xoán, de receita libre en cada casa, pero que debe pasar a noite ó rocío. Así se comenza unha nova época, con novas enerxías e ánimos renovados. Así foi o San Xoán 2014 na Illa de Arousa. O vran queda oficialmente inaugurado.